Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela

Un asteroide troiano pasará esta noite polo ceo de Galicia. Así o informou a Asociación Internacional do Timing de Ocultación (IOTA, polas súas siglas en inglés). En concreto, terá lugar esta noite ás 22:54 horas. Segundo explican dende o Observatorio Astronómico de María Ramón Aller trátase da ocultación dunha estrela. Compárano a unha especie de eclipse. O troiano é un pequeno asteroide que está nunha posición concreta respecto dun planeta, neste caso, Xúpiter. Este obxecto astronómico, que está dentro do Sistema Solar, vai parecer que está entre a Terra e a estrela, tapando a luz desta. Na súa traxectoria, segundo avance o movemento da Terra, poderá observarse a ocultación, pero non será fácil vela. De feito, é necesario utilizar un telescopio.

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación e a duración será sobre seis segundos. Para poder contemplala é preciso un telescopio, xa que a estrela é de magnitude 11 — o ollo humano pode percibir un máximo de magnitude 6—. Dende o observatorio informan que é algo moi “complicado” de identificar e que hai que localizar de maneira axeitada a estrela, que é relativamente brillante, e estar moi pendente cando o troiano pase por diante dela. As denominadas “ocultacións” non son fenómenos estraños nos ceos do planeta. Como explica o astrónomo da USC José Ángel Docobo, houbo ocultacións en días pasados e haberá nos vindeiros. De feito, este 4 de marzo hai tres previstas en todo o mundo.

Publicidade

En palabras da Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés), os troianos son asteroides atrapados en rexións do espazo onde a atracción gravitacional do Sol e un dos planetas está equilibrada. Son os chamados puntos de Lagrange. Así, os troianos orbitan arredor do Sol aproximadamente no mesmo camiño que o planeta e reúnense preto dos dous puntos estables de Lagrange: un diante do planeta (L4) e outro detrás del (L5). En 2021, despegou a misión Lucy da NASA para explorar en cinco anos os asteroides troianos asociados á orbita de Xúpiter.

https://twitter.com/Josep_Trigo/status/1764351688125587908?s=20

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla