Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Confirmado. Os pellets vertidos polo Toconao xa chegaron ás zonas mariñas protexidas de Galicia. De feito, invaden todo o litoral. Así o amosa un modelo computacional lanzado por Oceana —a maior organización internacional adicada a protexer os océanos do mundo— que predí as zonas de acumulación de plásticos no océano. Na simulación pódese observar que os plásticos derramados fronte a Viana do Castelo están presentes en toda a costa sen excepción, como nas Illas Atlánticas, Rías Baixas, Costa da Morte ou Ferrolterra. O modelo, desenvolvido en colaboración coa Universidade de Cádiz e a de Newcastle, toma en consideración variables como as correntes oceánicas e as mareas. A marxe de error, afirman dende a organización, é duns “poucos quilómetros” e alcanza a resolución máis alta posible actualmente a escala oceánica.

En xaneiro as praias galegas enchéronse de bólas plásticas. Foi unha catástrofe medioambiental que puxo en evidencia a escasa regulación do transporte marítimo de pellets; sumouse á gran lista de accidentes que ocorren nos océanos do mundo con moita máis asiduidade que as contornas mariñas poden soportar. Dende Oceana explican que a maior parte dos pellets se atopan en alta mar “contaminando” e que unha gran parte terminarán por afundir. “A nosa simulación ten en conta o tamaño dos pellets e utilizamos os datos de correntes máis actualizados”, apuntan. “Non están en calquera sitio, están en zonas protexidas. Queremos chamar a atención porque a maior parte da vertedura está en mar aberto. Hai zonas como O Banco de Galicia, que é unha montaña submariña, nas que hai pellets“, explican.

Publicidade

A maior parte do lixo presente no mar non se ve e dende Oceana cren que isto serve para retratar que unha vez que as bólas de plástico chegan ao mar é case imposible recollelas. Por iso, inciden na importancia da prevención para evitar estas perdas. “Neste caso, hai unha relación entre os plásticos innecesarios que son de usar e tirar, é dicir, a maior necesidade de fabricar plástico coa probabilidade de que se produza unha vertedura. Queremos pechar o círculo. Os fabricantes non ven a relación entre ter moitos produtos de plástico e a contaminación mariña. Aquí vese claramente”, apuntan dende a organización. Ademais, a recolección do lixo que se atope na superficie dos océanos tampouco é a solución, posto que, como apuntan os científicos, poden retirarse organismos mariños necesarios para os ecosistemas.

“O modelo é un salto cuántico na nosa comprensión de onde se agocha o lixo mariño. A gran maioría do plástico está sumerxido e este novo simulador é o modelo con maior precisión para grandes áreas do océano”, explica Jorge Blanco, analista sénior de sistemas de información xeográfica de Oceana e cocreador do modelo xunto a Miguel Ángel Morales, da Universidade de Newcastle. O buque Toconao perdeu seis contedores en augas portuguesas. O modelo publicado por Oceana está deseñado exclusivamente para o estudo da viaxe dos pellets polo mar. Neste caso, vertéronse 26,3 toneladas de granulados. Segundo comunicou a Consellería de Medio Ambiente, dende que se empezaron a retirar as bólas plásticas en xaneiro a administración recolleu cinco toneladas de ‘pellets’. Nesa cifra inclúe os 3.640 limpados polos seus equipos e os 1.384 recollidos a pé de praia. Nestes momentos, este lixo reside en “instalacións privadas”, e descoñécese a cantidade total depositadas neses recintos, xa que pode haber aínda residuos acumulados nos concellos.

Publicidade

Esta non é a primeira simulación que se realiza en relación aos pellets do Toconao. OpenPLAS é un grupo de investigación de microplástico mariño formado por expertos da Universidade das Palmas de Gran Canaria, a sede territorial do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e o grupo de investigación en Química Analítica Aplicada da Universidade da Laguna que estuda a traxectoria dos plásticos no Atlántico. Os seus modelos actuais apuntan a unha gran dispersión das bólas no océano. De feito, igual que Oceana, cren que a maior parte está en mar aberto. O 18 de xaneiro o grupo de investigación compartía nas súas redes sociais que os pellets entraran incluso “nun remuíño”, e que o paso a seguir é continuar limpando as praias e vixiar a súa evolución. “Calquera acción en mar é inviable”, alegaban por aquel entón.

O Toconao perdeu ademais cinco contedores que contiñan elementos como pneumáticos, filme, latas de tomate e barras de aluminio. Para algúns científicos resulta máis preocupante o impacto ambiental desta carga e, da mesma maneira que a maior parte dos granulados, están perdidos polo fondo mariño. Estes materiais están cargados de aditivos e tardarán en descompoñerse nos océanos. Algunhas investigacións apuntan que os pellets son portadores de patóxenos e que, aínda que aguanten gardados nos sacos de rafia, a auga xa penetrou neles e difundiron substancias que poden ser prexudiciais para os animais mariños. Un informe de Fauna & Flora Internacional apunta que “todas as especies mariñas entraron en contacto coa contaminación por microplásticos” e no 90% dos casos tiveron un impacto negativo. En total, calcúlase que unhas 14 millóns de toneladas de microplásticos contaminan as profundidades do mar. Animais como aves, tartarugas mariñas e focas inxiren as bólas plásticas porque son similares aos ovos dos peixes.

“As limpezas en augas profundas son inviables, xa que a tecnoloxía actual non pode chegar a tódolos sitios, os custos son prohibitivos e algúns dos cascallos están atrapados en organismos fráxiles. A crise da contaminación mariña só se pode resolver abordando a raíz do problema”, alega Vera Coelho, vicepresidenta adxunta de Oceana para Europa.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri