Miles de bólas plásticas comezaron a chegar masivamente ás praias galegas a comezos de xaneiro e, dende aquela, recolléronse máis de cinco toneladas de pellets. Así o confirma a Consellería de Medio Ambiente, que inclúe na mesma cifra os 3.640 quilos que limparon os seus efectivos e os 1.384 que se recolleron a pé de praia e tras o aviso dos concellos. Pese á magnitude das cifras, a Xunta evita aclarar a localización dos granulados e tan só explica que están almacenados en “instalacións privadas”. Tamén se descoñece a cantidade total de pellets depositados nestes recintos, dado que “aínda pode haber cantidades acumuladas nos concellos”. Fontes da Consellería de Medio Ambiente sinalan que, de momento, o seu papel limítase a “custodiar” o material, á espera de que a Fiscalía, que mantén un procedemento aberto polo caso do Toconao, tome unha decisión.
A recollida de bólas de plástico procedentes do buque Toconao, que perdeu seis contedores á altura de Viana do Castelo o 8 de decembro de 2023, aínda continúa. A Xunta asegura que o episodio segue activo pero que a chegada de pellets e a súa correspondente retirada “descendeu notablemente”, cunha media de “apenas 1,5 quilos ao día” na segunda semana de febreiro. O destino destes residuos plásticos é “unha instalación de almacenamento intermedio” da que se descoñece a súa localización. A Xunta tan só asegura que permanecen despositados nestes recintos de xestión privada “para garantir o control das cantidades recuperadas”. Con todo, non se sabe se nesas instalacións ás que fai referencia a Xunta están acumuladas as cinco toneladas de pellets recollidas nin, tampouco, cales son as cantidades que aínda custodian os concellos.
O destino final dos pellets tampouco se coñece, pese a que empresas como Inditex mostraron o seu interese en transformar estes residuos plásticos noutros produtos. A este respecto, dende a Xunta insisten en que o episodio aínda non rematou e que, de momento, a previsión é continuar almacenándoos á espera de que se resolvan certas cuestións pendentes, como o procedemento aberto pola Fiscalía e outras posibles reclamacións. Pola súa parte, a Xunta asegura que xa lle trasladou ao Goberno central “a necesidade de que inicie o proceso para exixir a quen corresponda responsabilidades por danos medioambientais” derivados da chegada masiva de pellets. Dende a Consellería de Medio Ambiente insisten en que é “o Executivo central quen ten as competencias para actuar fronte a un episodio de contaminación mariña”, polo que as decisións por parte da Xunta están supeditadas ao movemento doutras administracións responsables.
Máis de 16 toneladas doutros plásticos
A mediados de febreiro, o reconto da limpeza das praias mostra que os pellets non son o único problema. En total, recolléronse 16.743 quilos, é dicir, preto de 17 toneladas doutros plásticos “asimilables a residuos urbanos”. Porén, quen acumulou toda a atención mediática foron as bólas plásticas que desprendeu o Toconao e que comezaron a chegar ás praias galegas a mediados de decembro para entrar masivamente no litoral a comezos de xaneiro. O reconto final mostra un total de 5.024 quilos recollidos entre os efectivos despregados pola Xunta, os concellos e os voluntarios.
De feito, a Xunta estima que os pellets recollidos a pé de praia polas asociacións e o persoal voluntario, así como os retirados tras o aviso dos concellos, suman 1.384 quilos, equivalentes a 55 sacos. Pola súa parte, o dispositivo despregado pola Xunta retirou 3.640 quilos de pellets, que corresponden a máis de 145 sacos. Con todo, a cifra final está lonxe das cantidades que transportaba o Toconao, dado que se cifrou en máis de 1.000 sacos de rafia e preto de 26 toneladas o cargamento total do contedor de pellets. Amais disto, a Xunta puntualiza que a maioría dos sacos que se recolleron nas praias galegas estaban enteiros, mais había algúns aos que lles faltaba parte da carga.














