Os expertos alertan da dificultade da recollida de ‘pellets’ no mar: “É unha tarefa imposible”

Estudos e especialistas dubidan da eficacia das medidas no medio mariño para rematar coa marea de granulados que chegan á costa

A Xunta de Galicia anunciaba o día 9 de xaneiro o nivel 2 de alerta para recibir axuda do Goberno na recollida dos pellets que xa asolagan toda a costa galega. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, urxía onte ao Executivo de Pedro Sánchez interceptar a vertedura no mar, pero expertos e traballadores ven nisto unha tarefa moi complicada polo tamaño e cor das bólas que chegan a costa nesta crise medioambiental. A propia conselleira recoñeceu máis tarde que a súa petición se refería á retirada de sacos enteiros, unha posibilidade tamén complexa.

“Dende o meu punto de vista non é difícil, é unha tarefa imposible. Porque case non se poden ver”, afirma Alsira Salgado, capitá da mariña mercante cunha ampla experiencia no mar. Para ela, a solución pasa pola prevención para evitar as verteduras. “Hai que ter en conta que son boliñas moi pequenas e para poder collelas terían que verse ben. Ademais dependen moito das correntes, tanto o movemento dos pellets como dos sacos. Para que estean chegando ás nosas praias desde Viana do Castelo, iso é que se moven moito coas mareas”. Para Salgado, a solución pasaría por unha regulación que estableza, por exemplo, o emprego de bolsas máis resistentes.

Publicidade

A Organización Marítima Internacional (OMI), organismo da ONU, ten feitas recomendacións sobre como empaquetar os produtos que chegan a granel, como é o caso dos pellets. Nun anexo do Convenio Internacional para Previr a Contaminación polos Buques (MARPOL, polas súas siglas en inglés), sinala: “Para poder mitigar situacións como estas, igual deberían vir os pellets noutro tipo de material, máis resistente pero que tamén estivera regulado”. Salgado aboga por novas formas de empaquetado e transporte como única solución, “para evitar que se espallen polo mar”. “Porque este tipo de carga vai seguir existindo, se se prohibise habería que prohibir todo tipo de transportes de plástico”, reflexiona. “Agora o contedor que rompeu levaba pellets, pero podía ter sido de calquera outra cousa. Móvese de todo por mar”.

Este mércores, representantes do sector marítimo galego amosaban en Vilagarcía de Arousa a súa opinión sobre a posibilidade da recollida antes de chegar á costa. Xaquín Marín, biólogo e investigador, afirmou: “As verteduras de pellets xa aconteceron máis veces no planeta, e mesmo peores como a de Sri Lanka. E hai informes das Nacións Unidas con información veraz sobre transporte marítimo que son públicos”. “Neses informes xa levan anos dicindo que un dos problemas da contaminación do mar aos que nos enfrontamos neste século é o lixo mariño, os plásticos. Pero son as administracións as que teñen que ler eses informes, non nós”. Para Marín, hai “constancia de que é un perigo real”. 

Publicidade

“Diante das nosas costas, polo corredor de Fisterra, pasa un volume de mercadorías perigosas alto. Aproximadamente 35 buques diarios”, reflexiona o biólogo. “Isto implica que hai que poñer medios para evitar este tipo de problemas. Pero quedaría preguntarlle a salvamento marítimo do Estado e da Xunta se, sabendo isto, puxeron en marcha algún medio técnico capaz de dar conta desta vertedura”.

Os pellets transpórtanse por mar dun lado a outro do mundo en buques de transporte “onde un só contedor estándar pode transportar millóns de pellets individuais”. Segundo un informe de International Flora and Fauna, nos últimos anos estímase que se perderon no mar “polo menos tres trillóns de pellets en accidentes marítimos como os de Sri Lanka, Noruega ou Sudáfrica”, sen contar os que se perden cada ano por outras causas.

Embalaxe primaria

Segundo este mesmo informe, as perdas de pellets “poden acontecer cando a embalaxe primaria que contén os pellets dentro dos contedores se dana e espalla o contido dentro do mesmo contedor”. Cando ocorre isto, se un contedor cae á auga roto, ou rompe ao caer, os pellets quedan esparexidos por todo o mar, coa complicación que iso implica para recollelos. Segundo este mesmo informe, e outro presentado pola Organización Internacional Marítima, a única posibilidade de recoller un contedor de pellets sen perder carga interna sería se este “caese sen romper ao fondo do mar, desde onde se podería selar e recuperar enteiro”. Cando si hai rotura, segundo a OMI, a recollida no mar “é ineficaz e moi complicada”.

“É competencia dos expertos decidir que se fai”, opina Rogelio Santos Queiruga, pescador e divulgador. “Non digo que non sexa posible, pero correspóndelle decidir a eles. A Xunta, ademais dispón de medios como helicópteros ou drons e xa contaba con eles hai un mes para vixiar que non chegasen os sacos ás zonas de difícil acceso, como os acantilados, onde poden chocar, romper, e que iso constribúa a que esparexen aínda máis”. Para Queiruga, é unha “cuestión de lóxica”. “Se poden perseguir a furtivos para que se cumpra a legalidade, como nós apoiamos, tamén se poden usar estes medios para vixiar a contaminación mariña”, denuncia. “A Xunta, de feito, moitas veces ten dito que ía utilizalos para casos coma este”.

Desde Adega, asociación que está levando ao cabo formación de voluntariado para aquelas persoas que queiran aprender a limpar praias, tamén consideran que o único que queda é previr para o futuro.  “Habería que ter posto barreiras de contención, como se fixo co Prestige, para evitar que quedasen esparexidos pola ría”, reflexiona Paco Bañobre, desta mesma asociación.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

A causa dos ‘pellets’ arquivouse, pero a contaminación continúa

A finais de 2023 o buque 'Toconao' perdeu seis contedores fronte ás costas portuguesas, e unha marea de bólas blancas de plástico comezou a chegar ás praias galegas

O xenoma dunha planta galega revela as claves da hiperacumulación de níquel

Unha investigación na que participa a UVigo explora os xenes implicados na concentración extrema de metais nas especies vexetais

Un novo produto permite reducir as emisións contaminantes nas explotacións gandeiras

Investigadores da UVigo desenvolven un 'biochar' de alta flotabilidade elaborado con residuos forestais que actúa como filtro sobre as fosas de xurro