Luns 2 Decembro 2024

Como se comportan os ‘pellets’ de plástico no medio mariño

*Un artigo de

Estímase que cada ano se verten ao océano entre 52.000 e 184.000 toneladas de pellets de plástico debido a unha mala xestión na súa cadea de produción e transporte. Estas pequenas esferas, que estes días están a chegar ás costas galegas, teñen entre dous e cinco milímetros de diámetro e compóñense, xeralmente, dunha porcentaxe elevada de polímero (polietileno, polipropileno, etc.) e unha menor porcentaxe de aditivos (estabilizadores UV, retardantes de chama, etc.). Os pellets son sólidos, persistentes, non solubles, non emulsionantes, non biodegradables e a maior parte son flotantes.

Publicidade

Estas partículas úsanse xeralmente como materia prima na fabricación de artigos de plástico. Neste proceso diferéncianse dúas fases principais: na primeira elabórase o polímero —contendo xa diferentes proporcións de aditivos— e preséntase en forma de pellets; e, na segunda, partindo destes pellets e por diferentes procesos industriais —moldeado, inxección etc.—, dáselles a forma final para o seu uso.

En 2019 producíronse 460 millóns de toneladas de pellets de plástico e estímase que en 2040 produciranse 540 millóns de toneladas se non hai accións para reducir a súa produción.

Publicidade

Da auga ás praias

A composición concreta do pellet vai determinar a súa densidade e esta é a que determina o seu comportamento unha vez na auga. Se son menos densos que a auga de mar —ao redor de 1,025 g/ml—, flotarán nela, e se son máis densos, afundiranse.

No caso dos pellets que se verteron preto da costa galega, trátase de polietileno. Este material ten unha densidade inferior á da auga de mar —ao redor de 0,9 g/ml— e, por tanto, flotan na auga e son arrastrados por correntes e mareas podendo viaxar grandes distancias no medio mariño. Cando chegan á costa, estas partículas vense arrastradas á terra impulsadas polas mareas e ondas. O máis habitual é atopalas mesturadas con outros residuos que quedan na zona máis alta que alcanzou a marea.

Debido ás súas características fisicoquímicas, os pellets poden volver ser transportados polo vento dentro da praia ou ben volver á auga coa seguinte marea. Tamén é posible que por efecto das ondas ou polas propias pisadas da xente poidan ser enterrados na area.

Van desaparecer co tempo?

Unha das características do material plástico é a súa alta durabilidade. Son materiais que resisten ben ao paso do tempo e son dificilmente degradables. Se, ademais, como parece que ocorre no caso do material vertido estes días, o pellet ten un tratamento para evitar degradación polos raios UV, é de esperar que a súa degradación sexa máis lenta. O que adoita ocorrer é que se van degradando e rompendo en partículas máis pequenas. Neste caso é de esperar que se formen microplásticos máis pequenos e finalmente nanoplásticos a partir dos pellets.

Calquera substancia, partícula ou enerxía que chegue ao medio como consecuencia da actividade humana considérase contaminación e é, en principio, un problema ambiental. Ademais, segundo a composición da substancia concreta podemos ter un problema de toxicidade. Os polímeros, de modo xeral, son materiais en principio inertes e de aí a súa baixa capacidade de degradación. Pero que o polímero sexa inerte non o libra de posibles efectos nocivos como pode ser a obstrución do aparello dixestivo dos animais que os inxiran.

Doutra banda, nun plástico ademais de polímeros temos un ou máis aditivos que poden ser máis ou menos nocivos segundo a súa composición. Por iso é importante coñecer a composición dos aditivos concretos dos pellets das verteduras.

Cal é o seu impacto no medio mariño?

Os pellets poden producir varios impactos no medio mariño:

A fauna mariña pode confundilos con comida e provocarlles asfixia ou acumularse no estómago, e entrar na rede trófica. Poden ter un impacto ecotoxicolóxico no ecosistema —toxicidade da substancia sobre un ecosistema—. Isto vai depender principalmente dos aditivos.

Poden funcionar como vector de transferencia de substancias tóxicas adsorbidas do medio e de patóxenos que se poidan adherir aos pellets, como virus ou bacterias. Ademais, poden ter un impacto socioeconómico como peche de praias, impacto en instalacións de acuicultura ou deterioración visual de hábitats, entre outros.

Pero mais alá do impacto desta vertedura concreta, que dependerá da cantidade de pellets así como da súa composición, o importante sería que nos concienciásemos do impacto ambiental dos microplásticos e nanoplásticos e empecemos a tomar medidas para evitar a súa chegada ao medio ambiente.


*Lucía Viñas Diéguez: Investigadora Científica. Contaminacion mariña no Instituto Español de Oceanografía (IEO – CSIC)

Jesús Gago: Científico titular en lixos mariños do Instituto Español de Oceanografía (IEO – CSIC).

Cláusula de divulgación: Lucía Viñas Diéguez e Jesús Gago reciben fondos de MITERD.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón o aceite de xirasol para extraer microplásticos da auga

Investigadores das universidades de Vigo e Porto deseñan un sistema con potencial para incorporarse ás plantas de tratamento

Volta o chapapote á costa: bólas de pequeno tamaño cobren as praias de Galicia

Asociacións ecoloxistas denuncian a aparición de fuel nas tres provincias con mar

Desplómase a captura de marisco en Galicia e este informe de Greenpeace explica as causas

A contaminación, o quecemento das augas e o aumento de especies invasoras supoñen un perigo para a continuidade da ameixa ou o berberecho nas costas galegas

Denuncian que o poste dun pantalán leva máis dun mes na praia de Carril

Limpiarousa e Noia Limpa advirten que está composto por "materiais contaminantes" e acusan falta de compromiso ás administracións