Un vaso atopado en Cova Eirós contribúe ao estudo do consumo de leite na Prehistoria

Os investigadores da USC Ramón Fábregas e Arturo de Lombera colaboran nun amplo estudo internacional que lidera Miriam Cubas

A análise dos restos que os habitantes do Neolítico en Europa deixaron nas vasillas nas que colocaban os seus alimentos pode achegar unha información moi valiosa sobre como eran as súas vidas. Unha delas é a referente á dieta. Saber que comían e, por extensión, que animais e vexetais procuraban, ou como preparaban os seus alimentos, é clave para revelar máis detalles da actividade cotiá. A Universidade de Santiago de Compostela toma parte nunha investigación ao respecto, cuxos resultados se acaban de publicar na revista Nature Communications, nun artigo que asinan, entre outros, os científicos da USC Ramón Fábregas e Arturo de Lombera. O estudo revela que o consumo de lácteos entre as primeiras poboacións campesiñas de Europa era moi desigual en función da súa área xeográfica.

O equipo que publica estas pescudas está liderado pola investigadora Miriam Cubas (Universidade de York-Universidade de Oviedo), que recuperou e analizou residuos das actividades culinarias en olas usadas polas sociedades prehistóricas de hai 7.500-5.500 anos. A principal achega feita pola USC no marco deste proxecto europeo reside na colaboración prestada polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do NO Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT), coordinado polo catedrático Ramón Fábregas, que achegou para incluír no estudo das 240 recipientes (procedentes de 24 xacementos arqueolóxicos situados entre Portugal e o Báltico), o vaso de cerámica cardial achado en Cova Eirós (Triacastela, Lugo).

Publicidade

Cerámica analizada procedente do xacemento francés de Verson. Foto: Annabelle Cocollos.
Cerámica analizada procedente do xacemento francés de Verson. Foto: Annabelle Cocollos.

A análise desta peza e dos lípidos que contén permite concluír que foi empregada para o procesado e a de vexetais e carnes de ruminantes, un dato que achega aos investigadores aos costumes alimentarios das primeiras sociedades agricultoras e gandeiras da costa atlántica do continente europeo.

A análise química dos restos de graxas de animais, cera das plantas, aceites de peixe e resinas preservados nas cerámicas prehistóricas permitiu ao equipo da doutora Cubas explorar os distintos usos destes recipientes por parte das comunidades neolíticas, e particularmente a súa relación coas actividades agrícolas e gandeiras. Os resultados reflicten unha gran variación no uso das cerámicas entre estas comunidades. De feito, entre os recursos identificados, cómpre destacar os produtos lácteos, cuxa presenza se incrementa cara á zona norte de Europa, a rexión atlántica francesa e as Illas Británicas.

Publicidade

Os autores deste ambicioso proxecto de investigación europeo conclúen que estas diferenzas poden estar relacionadas coas diferentes actividades gandeiras, cunha maior presenza do gando vacún no norte e unha gandaría centrada nas ovellas e as cabras, no sur de Europa. Na Península Ibérica, estas prácticas culinarias dan conta da importancia dos recursos cárnicos procedentes dos animais domésticos (ovella e cabra) que se introducen neses momentos.

Un dos achados máis sorprendentes é a ausencia de alimentos mariños nas cerámicas documentadas

Comparación por rexións

O estudo antóllase, segundo informa a USC, como unha das comparacións rexionais máis amplas que se publicaron até o momento sobre o uso da cerámica durante a Prehistoria. Un dos achados máis sorprendentes é a ausencia de alimentos mariños nas cerámicas documentadas, mesmo, en xacementos arqueolóxicos situados en zonas de costa, onde estes recursos alimenticios están claramente dispoñibles. Unha excepción é a zona do Báltico onde tanto os recursos lácteos como os alimentos de procedencia mariña foron preparados na cerámica.

“O noso estudo ofrece unha ampla comparación rexional sobre o uso da cerámica durante a Prehistoria. Estes resultados contribúen a obter máis información sobre como viviron os grupos humanos durante este proceso de cambio tan transcendental que supuxo a introdución da gandaría e a agricultura”, salienta Miriam Cubas.

“As diferenzas respecto da frecuencia de aparición dos produtos lácteos poderían ser importantes para a comprensión da evolución da tolerancia á lactosa nos adultos en Europa. Hoxe en día, as mutacións xenéticas que permiten aos adultos dixerir a lactosa presente no leite teñen unha maior presenza na zona noroeste de Europa que nas rexións do sur”, sostén o profesor Oliver Craig, do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de York, que tamén tivo unha participación activa nesta investigación.

Panel internacional

O equipo de investigadores implicados nesta investigación sobre as prácticas culinarias das sociedades prehistóricas conforman un amplo panel internacional, no que se atopan investigadores procedentes da Universidade de York, a Universidade de Oviedo, a Sociedade de Ciencias Aranzadi, a Universidade Autónoma de Barcelona, o Instituto Max Planck, a Universidade de Cantabria, INRAP, o Servizo Rexional de Arqueoloxía de Normandía, o Servizo de Arqueoloxía do Departamento de Calvados, a Universidade de Lisboa, UNIARQ, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Rennes, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Cantabria, o Institut Català de Paleoecología Humana i Evolució Social, a Universitat Rovira i Virgili, o Museu Arqueolóxico de São Miguel de Odrinhas e a Universidade de Barcelona.


Referencia: Latitudinal gradient in dairy production with the introduction of farming in Atlantic Europe (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior

A lucense que agarda un dobre transplante de páncreas e ril e converteu o hospital nun lenzo da súa vida

Monse Fernández publica "Haxa salú!", editado pola Fundación Renal Española, no que relata longas estancias médicas e anécdotas do día a día