É posíbel unha vacina para poñer fin á alerxia aos cans?

Científicos xaponeses lograron identificar algúns compoñentes moleculares que poderían ser os desencadeantes das reaccións nas persoas alérxicas

Can f 1 sería o responsábel de até o 75% das reaccións das persoas alérxicas aos cans
Can f 1 sería o responsábel de até o 75% das reaccións das persoas alérxicas aos cans

O can é o mellor amigo do ser humano. Sempre o foi. Porén, a súa crecente presenza nas nosas vidas e espazos ten feito que as alerxias a estes peludos sexan cada vez máis comúns en todo o mundo. Fronte a esta problemática de primeira orde, os científicos están a traballar duro para que os esbirros relacionados coas mascotas sexan un recordo do pasado. E semella que hai boas noticias.

Un equipo xaponés está a analizar o potencial dunha vacina e, nun primeiro paso, os científicos lograron identificar certas partes de moléculas que poderían estar detrás da reacción nas persoas alérxicas ao atoparse con algún can. Unhas seccións moleculares coñecidas tecnicamente como epítopos, cadeas de aminoácidos que compoñen parte da proteína que o noso corpo percibe como unha ameaza. Unha vez detectadas e illadas, estas poden ser obxecto dunha vacina que diminúa a resposta inmune que desencadean.

“Queremos ser capaces de presentar pequenas doses destes epítopos ao sistema inmunitario para adestralo á hora de tratar con eles, de xeito similar ao principio detrás de calquera vacina”, di o biólogo molecular Takashi Inui, da Universidade da Prefectura de Osaka en Xapón.

No seu estudo, os investigadores centráronse nun alérxeno particular chamado Can f 1. Un dos sete alérxenos deste tipo identificados previamente e que se pensa que é o responsable do 50-75% das reaccións das persoas alérxicas aos cans. “Estes alérxenos poden causar reaccións alérxicas graves, como asma, rinite alérxica e conxuntivite alérxica nun 5-10 por cento da poboación”, escriben os investigadores. Con todo, e até o momento, os seus epítopos aínda non foran identificados.

A análise estrutural de Can f 1

Usando unha técnica chamada cristalografía de raios X —onde a difracción de raios X revela a estrutura cristalina dun material—, o equipo puido determinar a estrutura de Can f 1 na súa totalidade. Algo que non se fixera até o de agora, pero que é fundamental, posto que a análise estrutural dun alérxeno é importante á hora de identificar os epítopos que o conforman.

“A estrutura de Can f 1 é similar á doutros alérgenos de lipocalina de cans [unha familia de proteínas]”, escriben os investigadores no seu artigo. “Non obstante, a distribución da carga superficial nestas proteínas varía moito”. Así, identificáronse diferenzas clave entre Can f 1 e outros alérxenos similares, que apuntan cara o que os investigadores pensan que son fortes candidatos para epítopos. Nesta liña, outros traballos deberían ser capaces de limitar aínda máis estes candidatos.

Seguindo o camiño que marcan os epítopos

Para alguén con alerxia aos cans, os epítopos que buscan os científicos son como pezas dun puzzle que encaixan con aquelas construídas polo noso sistema inmunitario (anticorpos transportados por células B ou células T) para unha fácil identificación. É, esencialmente,  buscar a causa da reacción alérxica seguindo a dirección que marcan os epítopos.

Unha forma de desenvolver unha vacina que, pola contra, non é en absoluto común. Deste xeito, e se os científicos son capaces de logralo en relación ás alerxias dos cans, espérase que o mesmo proceso poida ser usado no desenvolvemento doutros tipos de vacinas no futuro.

Con todo, no que respecta ao presente, os científicos aínda están nas primeiras fases do proxecto, polo que aqueles alérxicos aos cans deberán seguir evitando o contacto próximo cos cadeliños. Polo menos, durante un tempo. Secasí, é probábel que algún día poidamos considerar este como o primeiro paso importante para unha vacina funcional.


ReferenciaStructure-based prediction of the IgE epitopes of the major dog allergen Can f 1 (Publicado en Federation of European Biochemical Societies Journal)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.