Imaxinádesvos que os vosos cans puidesen falar? Esta é a principal cuestión que ocupa ao grupo de investigación BARKS da Universidade Eötvös Loránd de Hungría, no que participa a investigadora galega Paula Pérez. O equipo centra os seus estudos na comunicación vocal canina e en como os cans interactúan cos seus donos a través da voz. Partindo da hipótese sobre a orixe da fala humana, que suxire que esta xurdiu debido ao alto grao de cooperación dentro da nosa especie, os investigadores formulan unha pregunta fascinante: poderían os cans máis cooperativos chegar a desenvolver un repertorio vocal o suficientemente amplo como para comezar a “falar”?
Se a resposta fose afirmativa, sería posible establecer paralelismos coa evolución da fala humana e determinar se estes cans realmente poden aprender novas vocalizacións de forma máis rápida. A crecente curiosidade sobre a posible aparición de “cans falantes” levou o grupo BARKS a realizar unha revisión bibliográfica sobre todo o que se coñece ata agora respecto deste fenómeno.
A pesar das evidentes diferenzas entre humanos e cans, ámbalas especies comunicámonos de maneira extraordinariamente eficaz no día a día. Non en van, compartimos convivencia dende hai uns 20.000 anos. Esta longa relación converte aos cans nun “modelo excelente para estudar o comportamento social humano e certos aspectos da evolución da fala”, tal e como sinala a investigadora galega. Con todo, o fenómeno dos cans que falan é máis complexo do que puidera parecer á primeira vista, e Paula Pérez axúdanos a entendelo mellor.
A arte de comunicar sen falar
“A súa capacidade de comunicarse con nós sen falar paréceme especialmente sorpredente”, sinala Paula Pérez. Dende que son cachorros, os cans miran aos seus donos directamente aos ollos, un comportamento clave tamén na comunicación entre persoas. Pero esta habilidade vai aínda máis aló: son capaces de sinalar o que desexan alternando a mirada entre ti e o obxecto para dirixir a túa atención cara a el.
Con todo, tamén tratan de “falar”, á súa maneira. “Usan ladridos e gruñidos diferentes acusticamente para comunicarse con nós, dependendo do contexto”, explica Pérez. Ademais, estudos recentes indican que os cans poden distinguir o idioma co que medraron fronte a un descoñecido. Non só iso: algúns son capaces de aprender e recoñecer os nomes de moitos dos seus xoguetes, polo que, como destaca a investigadora, “teñen un vocabulario moi extenso“.

Porén, arredor dos “cans falantes” existen numerosos malentendidos. É probable que algunha vez viras vídeos nos que parece que os cans articulan frases completas. Sobre isto, Paula Pérez clara: “Para os humanos, a fala é tan importante que calquera son que caia no mesmo dominio espectral ca a nosa voz fai que o cerebro nos leve a interpretar que se trata de fala”. É dicir, se un ladrido ou un queixume asemella moito a unha palabra humana, o noso cerebro tende automaticamente a recoñecelo como tal.
Na maioría dos casos, estes comportamentos están reforzados polo propio titor do animal. O can emite un son, o humano interprétao como unha palabra e prémiao por iso. “Desta forma, é moito máis probable que o can repita ese comportamento”, explica a investigadora.
Limitacións anatómicas
Aínda que novas investigacións apuntan a que as limitacións anatómicas dos cans non son tan determinantes á hora de impedir que poidan “falar”, si existen varios factores que fan que este fenómeno sexa pouco probable.
En primeiro lugar, cómpre ter en conta a posición da larinxe canina. “Non está tan descendida nin é tan estable como na nosa especie”, explica Paula Pérez. Isto condiciona a configuración do tracto vocal e dificulta a produción precisa de vogais claramente diferenciadas. A esta posición súmase o movemento dinámico da larinxe, que nos cans, aínda que hai pouca investigación arredor, pode dicirse que aparece con pouca frecuencia. En esencia, non dispoñen do mesmo grao de control sobre os músculos larínxeos que permite aos humanos modular os sons con tanta precisión. “Con todo, teñen suficiente flexibilidade vocal para producir sons semellantes á fala”, matiza a investigadora.
“A fala é un sistema complexo que inclúe múltiples capas”, lembra Pérez. Ademais da produción de sons, implica elementos como a sintaxe, e ata o momento non existe ningunha evidencia de que os cans poidan levar a cabo procesos deste tipo. Tamén é característica humana a capacidade de realizar un intercambio fluído de quendas durante unha conversa, un tipo de control comunicativo que non se observa en moitas especies animais.
As habilidades caninas próximas á fala
Aínda que non poden falar, os cans posúen numerosas habilidades que os achegan, nalgúns aspectos, ao funcionamento da linguaxe. Por exemplo, Paula Pérez explica que son capaces de representar mentalmente obxectos a partir do seu nome, levando a unha representación multisensorial, tanto pola vista como polo olfacto: “Isto reforza a idea de que poden formar unha imaxe mental do obxecto”. Así, vinculan a etiqueta semántica co referente físico, un proceso moi semellante ao que se produce na linguaxe humana.
Algunhas destas capacidades veñen de antigo e están ligadas á necesidade humana de cooperación e coordinación. Entre os prerrequisitos asociados á comunicación humana atópase a comunicación multimodal: “Os cans son capaces de procesar sinais visuais e auditivos dos humanos”, sinala Pérez. Por iso manteñen contacto visual coa persoa, algo pouco común noutras especies.

No caso dos cans guía tamén se observa a súa habilidade para cooperar e respectar quendas: “Ás veces son eles quen lideran as decisións durante un paseo”. Ademais, todos os cans presentan unha notable sensibilidade ás intencións humanas. Estudos recentes mostran que son máis pacientes cunha persoa que lle quere dar un premio pero non pode facelo debido a unha barreira, en comparación cun individuo que ofrece o premio pero retira a man logo, como se se burlase.
Haberá “cans falantes” nun futuro?
Paula Pérez ten claro que, grazas ás novas tecnoloxías, os donos poderemos comprender cada vez mellor a comunicación canina. De feito, xa existen aplicacións capaces de rexistrar e analizar as vocalizacións dos cans. Con algo máis de desenvolvemento, sinala a investigadora, poderían aparecer ferramentas capaces de indicar o estado emocional do animal a partir deses sons. “Creo que a tecnoloxía pode axudarnos a comprender mellor, pero non fará que os cans comecen a falar“, sinala.
Xorde entón outra cuestión: habería algún dilema ético arredor dos hipotéticos “cans falantes”? Segundo o grupo de investigación BARKS, como especialistas en comportamento canino, tentar que os cans empreguen “linguaxe humana” implica un forte grao de antropomorfización, é dicir, atribuírlles características propias das persoas. Isto pode xerar frustración tanto no animal como no seu titor se o can non responde como este espera. “Por iso insistimos en que o mellor camiño é aprender as maneiras nas que os cans se comunican con nós, e que o fan tan ben”, sinala a investigadora.
Mirando ao futuro, Paula Pérez fala tamén da etorrobótica e do desenvolvemento de robots sociais como unha ferramenta con potencial para contribuír ao benestar humano. “Non queremos substituír aos cans reais, pero estes robots poderían resultar útiles en determinados contextos”, explica. Por exemplo, en hospitais ou centros de atención, poderían ofrecer apoio emocional, e mesmo servir como axentes sociais que acompañan aos propios cans.
Co avance da investigación e da tecnoloxía, é probable que xurdan mellores aplicacións e interfaces que nos permitan comprender con máis precisión aos cans e a outras especies, sempre co obxectivo de mellorar o seu benestar e a convivencia entre humanos e animais. Porén, respecto á eterna pregunta que nos acompaña dende as películas da infancia, Paula Pérez é clara: “Se ata agora non falaron, e sendo algo que lles sería moi adaptativo, non creo que aconteza no futuro“.














