Valdeorras, punto crítico da leishmaniose: dúas décadas de loita contra a grave doenza dos cans

Un estudo demostra que os casos están descendendo na comarca ourensá pero a patoloxía xa se considera unha endemia na zona

Dous casos de leishmaniose canina en Galicia no principio da década dos noventa e un estudo de seroprevalencia realizado en Valdeorras (Ourense) despuntado o 2000 puxo en dúbida a crenza aceptada de que o territorio galego era unha área libre da enfermidade. A prevalencia da infección notificada en Galicia oscila, segundo os datos rexistrados, entre o 2,5% e o 7,5%, mentres que en Ourense o abano vai do 7,5% ao 35,6%. A percepción cambiou e a leishmaniose canina pasou de ser “inexistente” a clasificarse como enfermidade hiperendémica.

Con estes antecedentes, investigadores das facultades de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid  e da Universidade de León, xunto con profesionais dunha clínica veterinaria do Barco de Valdeorras, puxeron en marcha un estudo para coñecer a evolución da incidencia de novos casos da Leishmania infantum en cans de Valdeorras (Ourense), así como o papel xogado polas variables climáticas e a xeneralización de medidas preventivas —uso de ectoparasiticidas e vacinación—  na devandita evolución. O artigo foi publicado na revista Springer Nature.

Publicidade

Causada por un parasito

A leishmaniose canina é unha enfermidade grave causada en España polo protozoo Leishmania infantum, e os cans son o principal reservorio deste parasito. Aínda que hai constancia dalgúns casos de transmisión horizontal e vertical, a principal causa de transmisión é a picadura dunha femia de flebótomos infectada. Estes insectos están moi presentes en zonas bioclimáticas tépedas (ao redor da liña do Ecuador), polo que se consideraba o nordés ibérico protexido polo seu clima frío e chuvioso. Porén, Ourense ten un clima supramediterráneo propio que abre as portas ao Leishmania infantum. Mais non só afecta aos cans. Estímase que cada ano se notifican entre 700.000 e un millón de novos casos de leishmaniose en humanos.

O traballo, liderado por Patricia Olmeda, é unha das avaliacións máis extensas realizadas sobre unha poboación fixa: cans con propietarios, atendidos nunha clínica veterinaria de Valdeorras, ao longo de dúas décadas, desde maio do 2003 a abril de 2023. Trátase do centro Servicios Veterinarios del Sil, do que dous dos seus profesionais, Adolfo García e Francisco Herrero, son coautores do estudo.   

Publicidade

Malia ser unha poboación nesgada de animais enfermos, subliña Olmeda, non destorce de xeito significativo os resultados, xa que a súa prevalencia é menor que noutras poboacións, por exemplo, os cans rueiros.

Nestes 20 anos avaliáronse 2.909 cans, aos que se practicaron 3.785 probas IFAT (inmunofluorescencia indirecta) para detectar a presenza de anticorpos ou confirmar a infección nos animais. Un período no que a porcentaxe media de novos casos marcou unha gráfica descendente, non lineal. Entre maio de 2003 e abril de 2008, o dato medio era do 35,3%. Entre maio de 2018 e abril de 2023 a cifra reduciuse ata o 12,9%.

Que causa a caída da incidencia?

Os investigadores acharon, por unha banda, unha correlación entre a humidade e a aparición de novos casos, de tal maneira que a maior humidade relativa no inverno, máis casos de infección por Leishmania infantum. As medicións realizadas a longo das dúas décadas rexistraron unha diminución lineal significativa da humidade.

Pero sobre, todo foi, o uso xeneralizado de ectoparasiticidas e medidas de prevención o que afastou o risco de infección. Unha actuación na que foi fundamental o papel xogado polos veterinarios, que tomaron conciencia, e concienciaron aos donos dos animais, de que estaban fronte a unha enfermidade endémica que se podía combater.

Esta toma de conciencia traduciuse na inclusión da proba da enfermidade nos recoñecementos rutineiros de saúde, apostando por un enfoque de diagnóstico temperán e prevención no que as vacinas xogan un papel fundamental.

Tamén inflúe na evolución da infección Leishmania infentum o cambio das condicións de vida dos cans. Tradicionalmente en áreas rurais, como Valdeorras, os máis dos cans vivían ao aire libre, realizando tarefas de vixilancia, coidado do gando, caza… e estaban máis expostos aos flebótomos.


Referencia: Twenty-year evolution of Leishmania infantum infection in dogs in Valdeorras (Galicia, Northwestern Spain): implication of climatic factors and preventive measures (Publicado en Springer Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga

A falta de retención dos solos tras os incendios de 2025 agravou as riadas de Ourense

O edafólogo Agustín Merino vincula as escorreduras do 17 de xuño coa escasa revexetación durante o inverno e a ausencia de actuacións de restauración

Cámaras térmicas rexistran 40 graos nun patio escolar de Ourense

A organización Greenpeace mediu as temperaturas de escolas de cinco cidades españolas e determinou que as aulas dun colexio ourensán ten mínimas de 27 graos