Xoves 18 Abril 2024

Un xene relacionado co estrés, clave na domesticación dos cans

Un equipo xaponés conclúe que dúas mutacións en MC2R, relacionado coa produción de cortisol, favoreceron o proceso

O can é o mellor amigo do home. Está é unha afirmación que non só forma parte do saber popular, senón que constatan todas aquelas persoas que tiveron este tipo de mascota nalgún momento da súa vida. A súa proximidade e o seu forte vínculo cos humanos é un obxecto de estudo recorrente. Agora, investigadores da Universidade de Azabu, en Xapón, dan un paso máis alá e afondan nas claves do proceso de domesticación dos cans. Segundo un artigo, recentemente publicado na revista Scientific Reports, a clave pode estar en dúas mutacións do xene da melanocortina 2 (MC2R), relacionado coa produción de cortisol, popularme coñecida como “hormona do estrés”.

Tal e como explica o equipo investigador en nota de prensa, ditas mutacións puideron ser fundamentais para a domesticación dos cans, posto que lles permitiu desenvolver habilidades cognitivas e sociais para interactuar e comunicarse cos humanos. Desta maneira, os cambios no xene MC2R puideron propiciar que os cans tivesen niveis de estrés máis baixos ao estar en contacto cos humanos, facilitando a súa domesticación. Ata o momento non se establecera con precisión que cambios xenéticos podían estar detrás deste proceso.

Publicidade

O experimento

O equipo, liderado por Miho Nagasawa, investigou as interaccións cognitivas e sociais de 624 cans domésticos durante a realización de dúas tarefas. Para a realización das probas dividiron os participantes en dous grupos, en función da súa raza: o grupo Antigo, formado por cans Akita e Husky siberiano (razas consideradas máis próximas xeneticamente aos lobos); e o grupo Xeral (o resto de razas, máis afastadas dos seus parentes).

Na primeira proba, o animal debía decidir que cunca tiña comida escondida debaixo en función dos sinais lanzados polos investigadores, tales como mirar, sinalar ou dar pequenos golpes. Esta era unha maneira de comprobar ata que punto os cans comprendían os xestos e a comunicación por parte dos humanos. Nesta tarefa non houbo diferenzas significativas relacionadas coa raza.

Participaron 624 cans domésticos divididos en dous grupos en función da súa semellanza xenética cos lobos

A segunda tarefa baseouse na resolución de problemas, posto que o can debía intentar abrir un recipiente para ter acceso á comida. Durante a proba, mediuse a frecuencia e o tempo que o can pasaba mirando os investigadores, un xesto que representa o apego social que lle teñen aos humanos. Os resultados mostraron que os cans do grupo Antigo e, polo tanto, os máis semellantes xeneticamente aos lobos, miraban con menos frecuencia os investigadores ca os outros participantes. O equipo de Nagasawa concluíu que estaban menos apegados aos humanos.

A continuación, os autores do estudo buscaron diferenzas nos xenes asociados ás capacidades cognitivas relacionadas cos humanos entre os dous grupos, incluídos os xenes da oxitocina, o receptor da oxitocina, o receptor de MC2R e un xene chamado WBSCR17 que está implicado na síndrome de Williams-Beuren, caracterizado por un comportamento hipersocial nos humanos. Aquí concluíron que dous cambios no xene MC2R se asociaron tanto á interpretación correcta dos xestos na primeira tarefa como a unha mirada máis atenta cara aos investigadores na proba de resolución de problemas.


Referencia: Identification of genes associated with human-canine communication in canine evolution (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo censo do lobo identifica 23 mandas no norte de Galicia, dez máis que o oficial

Un estudo publicado nunha revista da USC apunta que a Xunta subestimou nun 43,5% o número de grupos con evidencia de reprodución

MC1R, o xene dos roibos: así acurralou a xenética o asasino de Narón

*Un artigo de Estes últimos días saltou á prensa o caso...

“O lobo é patrimonio de todos como o é a catedral de Santiago”

O investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, cualifica de “mala noticia” a revisión do status de protección da UE

O meu can sofre ansiedade? Así podemos detectala e tratala

Ladrido excesivos, caída de pelo, tremores, agresividade... A ansiedade patolóxica pode manifestarse con múltiples síntomas