Chorro polar, tren de borrascas… As claves do tempo ás portas da ponte de decembro

Unha sucesión de frontes regará o territorio galego ao longo da semana, con máximas que roldarán os 13 graos e alertas por ondas e vento no mar

O 1 de decembro marca o inicio do inverno meteorolóxico. As primeiras horas do luns estiveron marcadas polo tempo seco e solleiro, mais unha profunda borrasca situada no Atlántico norte traerá as primeiras chuvias do mes a partir do mediodía. Distintos servizos meteorolóxicos auguran unha semana pasada por auga en Galicia, coa chegada dun tren de borrascas que deixará abundantes acumulados de precipitación, sobre todo na fachada atlántica. O fenómeno detrás das fortes chuvias é a intensificación do chorro polar, unha canle de ventos moi fortes que discorre sobre a superficie terrestre. Isto complica o prognóstico de cara á ponte de decembro para a que, en principio, haberá menos probabilidade de chuvia que para o resto da semana.

“Decembro comeza cun chorro polar que se intensificará e apuntará cara a España, presentando algunhas ondulacións. Isto favorecerá a chegada dun tren de frontes que traerá chuvias e nevaradas”. Así o prevé o meteorólogo Samuel Biener nun artigo publicado este luns no portal Meteored. De feito, o experto prognostica que, ata o sábado, se poderán acumular ata 100 l/m2 no oeste da Coruña e en Pontevedra, e tamén nalgunhas comarcas suroccidentais de Ourense. As temperaturas ao longo da semana manteranse en máximas que roldarán os 13 graos e mínimas que oscilarán entre os 4 e os 8 graos.

Publicidade

Tempo “moi revolto”

En termos xerais, o tempo para a primeira quincena de decembro preséntase “moi revolto”. Así o define o meteorólogo Francisco Martín León nun artigo publicado este luns no portal Meteored. Isto débese á “presenza de sucesivas entradas de masas de aire dende o Atlántico con frontes asociadas, ningunha delas con aire moi frío de orixe ártica, pero si cargadas de humidade“. Unha previsión especialmente acorde coa primeira semana. Non obstante, agárdase que os períodos chuviosos ao longo do día se alternen con ceos despexados e tempo solleiro, en días marcados pola inestabilidade.

Segundo o prognóstico de Meteogalicia, o martes e o mércores serán días de chuvascos xeneralizados debido a unha borrasca situada no oeste de Irlanda. As precipitacións serán localmente fortes e incluso a cota de neve poderá descender ata os 900-1.000 metros. Precisamente estes días tamén se experimentará un lixeiro descenso das temperaturas, sobre todo nas mínimas, sen que as máximas experimenten grandes cambios. E os ventos serán especialmente fortes no litoral. De feito, para este luns está activada a alerta laranxa no noroeste da Coruña e na Costa da Morte por mar de vento; e a amarela por vento na Mariña e no noroeste da Coruña, tanto en terra como en mar. Nas Rías Baixas está acendido o aviso por vento no mar. O martes e o mércores haberá alerta laranxa por vento en todo o litoral galego.

Publicidade

Que tempo irá nos festivos?

O prognóstico de cara á ponte de decembro aínda é incerto. Francisco Martín León cre que entre o sábado 6 e o luns 8 de decembro o tempo se podería estabilizar na península, agás no noroeste e no terzo norte peninsular. “Unha fronte afectará a ditas zonas mentres unha cuña anticiclónica aumentará a estabilidade no sur e se estenderá a outras rexións”, sinala. Biener augura un aumento das temperaturas, pero advirte que aínda é pronto para prognosticalo. E Meteogalicia espera que as probabilidades de chuvia, que agora son do 90% entre xoves e sábado, poidan ir diminuíndo cara á fin de semana. Nestes intres continúa a haber un 80% para o domingo e un 70% para o luns, pero haberá que agardar a unha previsión máis aproximada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos