Publicidade

Os cans sinalan obxectos aos humanos, pero os porcos non

A etóloga Paula Pérez Fraga é a primeira autora dun estudo que investiga como se comunican as especies domésticas cos seus titores

A investigadora galega Paula Pérez Fraga, actualmente no departamento de Etoloxía da Universidade Eötvös Loránd, en Hungría, acaba de participar nun estudo para examinar se os porcos e cans de compañía serían capaces de sinalarlles aos seus titores a localización dunha recompensa comestible que se atopase fóra do seu alcance. Descubriron que, se o titor estaba só na habitación, os porcos prestábanlle tanta atención como os cans. Con todo, cando a recompensa tamén estaba presente, só os cans tentaron dirixir a atención do propietario cara á localización da mesma. Isto suxire que quizá non todos os animais domésticos son capaces de dirixir a atención dos humanos cara a lugares interesantes. Os porcos talvez carezan de características que son cruciais para o desenvolvemento deste tipo de comunicación. O estudo foi publicado en Scientific Reports.

A comunicación referencial

A comunicación referencial é o acto de dirixir a atención doutra persoa a unha entidade concreta da contorna. Os humanos adoitamos utilizar a comunicación referencial a través da linguaxe e dos xestos cando, por exemplo, sinalamos cara a un obxecto. Saber se os animais fan uso de comportamento similares para mostrarnos cousas do seu interese atraeu gran atención científica. “Os animais domésticos parecen estar especialmente predispostos a comunicarse de maneira referencial cos humanos”, explica Paula Pérez Fraga, estudante de doutoramento do Neuroethology of Communication Lab no Departamento de Etoloxía da Universidade Eötvös Lorand, primeira autora do estudo.

Publicidade

“Os cans trataban de sinalar aos seus titores onde estaba a comida. Os porcos, pola contra, tentaban atopar a maneira de alcanzar a recompensa por si mesmos”

ATTILA ANDICS, investigador do Neuroethology of Communication Lab

“Con todo, algúns animais salvaxes socializados con humanos tamén poden facelo, polo que a domesticación podería non ser clave para o desenvolvemento deste tipo de capacidades comunicativas. Fixámonos en que unha característica compartida entre estas especies é que empregan moitos sinais visuais cando se comunican cos seus conxéneres. Podería ser esta unha característica necesaria para que os animais se comuniquen referencialmente cos humanos?”, continúa explicando a investigadora galega.

Para comprobar esta hipótese, os investigadores compararon os comportamentos de dúas especies domésticas: os cans, que dependen en gran medida da comunicación visual, e os porcos, que non. Todos os animais participantes vivían de maneira similar, como animais de compañía. Os porcos miniatura pertencen ao Family Pig Project, un proxecto científico a longo prazo que asigna porcos a familias humanas onde se crían de maneira moi similar a un can de familia. Isto brinda unha oportunidade única para comparar como como se comporta e comunica cos humanos cada especie.

Publicidade

Os resultados

“Os animais entraron nunha habitación onde estaban ou ben sós co titor, sós cunha recompensa comestible escondida por unha das investigadoras ou con ambos, co titor e a comida escondida. A recompensa era inalcanzable para o animal, pero alcanzable para o titor”, engade Attila Andics, investigador principal do Neuroethology of Communication Lab. “Esperabamos un aumento dos comportamentos comunicativos referenciais cando tanto o titor como a recompensa estaban presentes, o que significaría que o animal estaba a tratar de dirixir a atención do humano á localización da comida. Descubrimos que cando os porcos e os cans estaban sós cos titores prestábanlles a mesma atención. Con todo, Cando a investigadora escondía a comida, só os cans trataban de sinalar aos seus titores onde estaba. Os porcos, pola contra, tentaban atopar a maneira de alcanzar a recompensa por si mesmos”, continúa.

Este estudo demostra que dirixir a atención humana a lugares interesantes pode non ser algo que todos os animais domésticos son capaces de facer. “Suxerimos que os porcos quizais carezan de certas características que son cruciais para que se desenvolva este tipo de comunicación”, expón Pérez Fraga. Aínda que sabemos que os cans son especialmente hábiles á hora de comunicarse cos humanos, outros animais como cabalos, gatos e mesmo canguros poden comunicarse connosco de maneira referencial e todos eles dependen en gran medida da comunicación visual cando interactúan coas súas conxéneres. Os porcos, pola contra, non.


Referencia: Out-of-reach rewards elicit human-oriented referential communicative behaviours in family dogs but not in family pigs (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O teu can ignórate? Esta é a mellor forma de chamar a súa atención (segundo a ciencia)

Investigadores austríacos demostran que sinalar e mirar fixamente un obxecto é a maneira máis efectiva de que as mascotas sigan as túas instrucións

Como os cans melloran a vida de pacientes psiquiátricos: o proxecto solidario da USC

Enfermeiras e veterinarias do Campus de Lugo realizan intervencións asistidas cos animais para demostrar os beneficios no benestar dos doentes

O meu can sofre ansiedade? Así podemos detectala e tratala

Ladrido excesivos, caída de pelo, tremores, agresividade... A ansiedade patolóxica pode manifestarse con múltiples síntomas

A calor e a contaminación poden aumentar as mordeduras de can

Un equipo de EEUU identificou un incremento da agresividade canina nos días con maiores índices de radiación ultravioleta, ozono e temperaturas