A quen podes atopar nunha praia un domingo pola mañá en inverno? Unha imaxe moi habitual é a de paseantes acompañados dos seus cans xogando na area. Con todo, a fauna litoral pode verse afectada pola presenza destes compañeiros inseparables do ser humano, especialmente as aves acuáticas. No seu Traballo de Fin de Grao, Sabela Barcia, bióloga da Universidade de Santiago (USC) e actualmente estudante do máster en Biodiversidade Terrestre, analizou o impacto das actividades humanas, en particular o uso das praias por parte dos cans, e a súa interacción coas aves acuáticas que as utilizan como zona de descanso.
“As aves son moi sensibles tanto á nosa presenza como á dos cans porque nos perciben como depredadores“, explica a investigadora. Esta é unha das principais conclusións dun estudo realizado entre marzo e xullo en dúas praias non caninas e unha canina situadas nos concellos de Barreiros (Galicia), Tapia e Castropol (Asturias).
Aínda que humanos e cans afectan ás aves, estas non reaccionan do mesmo modo ante uns e outros. Sabela Barcia constatou que os maiores tempos de retorno —o intervalo que pasa dende que as aves alzan o voo ata que regresan á praia— están provocados por paseantes acompañados dun ou varios cans, ou mesmo por cans soltos.
“Os cans son menos predicibles e percorren maiores distancias dentro da praia”, sinala. A bióloga destaca, ademais, un dato revelador: mentres unha persoa percorre de media uns tres quilómetros nun paseo pola praia, un can pode superar os 33. “Son máis activos, xeran un maior nivel de estrés e provocan respostas máis esaxeradas nas aves”, engade.
As persecucións e os seus efectos
Segundo o estudo de Sabela Barcia, as carreiras e persecucións protagonizadas polos cans son as condutas que máis afectan as aves acuáticas. A resposta das aves depende de diversos factores, como a velocidade ou o tamaño do axente perturbador. “A presenza de cans ou unha elevada afluencia de persoas implica maiores alteracións”, subliña a investigadora.
Pero que ocorre exactamente cando as aves comparten praia con estes animais? Neste contexto, reducen o tempo dedicado a alimentarse ou descansar e increméntase o tempo que pasan en vixilancia. As reaccións ás persecucións inclúen o levantamento do voo e diferentes alteracións fisiolóxicas, como un maior gasto enerxético pola vixilia constante ou picos de cortisol derivados do estrés. En ocasións, a presión pode obrigalas a desprazarse: se están nunha zona con recursos valiosos e son perturbadas por cans, e os areais próximos non cumpren os requisitos necesarios, vense forzadas a realizar traslados máis longos, co correspondente incremento no gasto de enerxía.
“As aves residentes poden chegar a adaptarse, pero no caso das migratorias é moi delicado”, advirte Barcia. Isto débese a que o balance enerxético durante as migracións é extremadamente axustado. Así, vense obrigadas a buscar zonas con condicións óptimas ou incluso poden ver comprometida a súa capacidade reprodutiva no destino, especialmente nas migracións de longa distancia. No caso das aves reprodutoras, aínda que non forman parte do estudo de Barcia, a presenza dos cans poden supoñer risco directo: poden chegar a capturar adultos ou crías e causarlles danos. “Os adultos tenden a protexer as crías e simulan estar feridos para afastar o perigo”, explica. Porén, este comportamento, aínda que estratéxico, tamén as volve máis vulnerables á captura.
Un cambio nos patróns de ocupación

A presenza de cans inflúe directamente nos patróns de ocupación das aves acuáticas. Mentres no inverno a súa presenza é máis constante pola ausencia de restricións, no verán tenden a concentrarse nas primeiras horas da mañá e nas últimas da tarde-noite. “É nese momento cando máis tempo pasan as aves nas praias”, explica Barcia, o que provoca que coincidan coas persoas e cos seus cans.
A mostraxe realizada pola bióloga da USC entre marzo e xullo revelou unha presenza continua de visitantes durante os cinco meses, cun aumento progresivo a medida que avanza o verán. Ademais, resulta difícil separar a afluencia humana da dos cans, xa que adoitan ir acompañados. “Non podemos saber realmente canto usarían as aves as praias se nós non estivésemos”, sinala Barcia.
Ao longo do ano existen, ademais, momentos especialmente delicados no ciclo vital das aves, como a reprodución, a migración e os períodos de muda. “Durante a muda prodúcese o cambio de plumaxe que implica un gasto enerxético importante”, lembra a investigadora.
O caso da píllara das dunas
Unha das especies máis afectadas pola presenza dos cans é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha pequena ave limícola que atopa en Galicia o seu último reduto no norte da península ibérica, logo de desaparecer do resto do litoral cantábrico. Está incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas cun status de vulnerable. Sabela Barcia participou en labores de voluntariado dedicadas á súa conservación, xa que esta especie sofre especialmente cando os adultos, durante a incubación ou a alimentación, se ven obrigados a abandonar os niños por mor das molestias.

Na praia da Lanzada (O Grove) aínda se mantén unha pequena poboación. Por iso, na primavera, co inicio do período reprodutor nas praias ben conservadas e con cordón dunar, restrínxese o acceso dos cans. Cando nacen as crías, precisan aproximadamente un mes movéndose pola praia ata acadar a autonomía suficiente. “Son momentos moi delicados para a especie”, sinala Barcia. Con todo, non sempre se respectan estas restricións, o que incrementa o risco para a píllara e dificulta a súa recuperación.
Que facer para protexer as aves acuáticas?
Ante as medidas destinadas a protexer as aves acuáticas, hai quen defende un uso totalmente libre da praia, sen ter en conta as normas de conservación. Sabela Barcia lembra que “falamos de especies que dependen totalmente destes espazos para sobrevivir”. Pola contra, nin as persoas nin os cans necesitan as praias para manter a súa vida diaria. “Creo que hai pouca sensibilidade respecto ao valor que teñen estes espazos para un gran número de especies”, engade.
O primeiro paso é tomar conciencia desta realidade. “Deberíamos buscar a maneira de compartir o espazo e coexistir con elas“, afirma Barcia. Porén, mesmo nas praias consideradas non caninas incluídas no seu estudo, onde existe unha prohibición explícita, detectouse presenza de cans durante todo o ano.
Outra medida eficaz sería o uso obrigatorio da correa. “O 98% das perturbacións producidas por cans foron causadas por animais soltos”, sinala a investigadora. Unha terceira medida, que implicaría máis planificación administrativa, sería limitar o acceso de persoas con cans ás zonas onde as aves dispoñen de máis recursos, facilitando así que as utilicen con maior tranquilidade. “Poderían desenvolver as súas condutas de forma natural e reduciríanse moito as perturbacións“, explica. Segundo a praia e as características da súa fauna, estas restricións poderían ser temporais ou permanentes: “Farían falta estudos específicos”, conclúe.
Así, Sabela Barcia pon de manifesto que a convivencia entre persoas, cans e aves acuáticas nas praias é posible, pero require responsabilidade e coñecemento. A protección destes ecosistemas pasa por medidas sinxelas, como respectar as restricións, e convértese na única maneira de preservar a riqueza natural das praias.














Moitos que se din defensores dos animais son os que levan os cans as praias non caninas e deixanos soltos. Sería necesaria máis vixiancia e multas coerticitivas.
En canto as persoas se cadra tamén debería de haber praias as que non poideran acceder para que serviran de reservas.
Gustoume moito o artigo
A cabeciña non vos para