Xoves 25 Abril 2024

A píllara das dunas vence o quecemento e a presión humana: alivio para unha especie singular

Entidades como SEOBirdLife e investigadores como a bióloga María Vidal constatan a recuperación desta ave en Galicia

Cada ano, a primavera enriquece as costas galegas cunha gran variedade de especies, que pasan os meses máis calorosos do ano incubando nunha vintena de praias da comunidade. Unha das máis especiais dos areais galegos é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Este pequeno paxaro, de apenas 16 centímetros de lonxitude, peteiro curto e patas escuras, enfóntase cada ano a unha gran variedade de perigos que atentan contra a súa vida e a das súas crías. O seu risco de desaparición foi unha constante durante anos e segue séndoo na maior parte dos lugares europeos nos que habita, pero en Galicia, esta especie parece estar recuperando a súa poboación pouco a pouco. Entidades como SEOBirdLife indican que unha tendencia moi negativa na área de ocupación da píllara das dunas, con extincións locais en varios tramos de litoral. Esta situación parece non afectar a comunidades como Galicia, que xunto a Andalucía e Canarias, manteñen o seu balance positivo.

Trátase dunha especie linícola que vivíu ameazada durante anos e foi incluída como vulnerable no Catálogo galego de Especies Amenazadas da Xunta e no Libro Rojo de las Aves de España. Ademais, en 2014 aprobouse en Galicia o Decreto para o Plan de conservación da píllara das dunas, pola súa delicada situación. “O obxectivo deste proxecto é o de tratar de regular e levantar a unha poboación avícola que, aínda que nos últimos anos parece manterse bastante estable nas nosas costas, a súa situación a nivel global segue en declive. Por iso, estase traballando en varias medidas de conservación que poidan reverter esta situación”, explica María Vidal, bióloga e investigadora do grupo Biodiversidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Publicidade

“Nos últimos anos, a poboación permaneceu estable nas nosas costas, pero a nivel global está en declive”

As medidas vixentes para a conservación desta especie protexida están funcionando con éxito, segundo indican os datos de incubación anuais que rexistraron un incremento con respecto a períodos anteriores nos que a especie estaba en maior risco de desaparecer. “Na época dos 2000 tiñamos unha taxa de incubación anormalmente baixa, cunha eclosión que rondaba o 10% ou 15%, debido fundamentalmente á depredación natural pero tamén pola presión humana”, revela María Vidal. “Dende o ano 2010 ata o 2021, a taxa de eclosión incrementouse ata o 60%“, engade.

Principais perigos cos que se atopa a píllara

O principal factor que ameaza a conservación desta especie protexida é a degradación progresiva das praias e dunas galegas, ademais da alteración dos areais para a construción de paseos marítimos, aínda que este último está cada vez máis controlado. Porén, existen outros perigos cos que se atopa a píllara cada ano á hora de reproducirse. Entre eles, María Vidal destaca dous importantes que as leis actuais e organismos de protección natural e animal intentan frear: a presión humana nas praias e a presenza reiterada de animais domésticos que acompañan os visitantes estacionais, factores cada vez máis crecentes e ameazantes para estes paxaros.

A presión humana nas praias e a presenza dos animais domésticos son as súas grandes ameazas

Outros factores que non son tan fáciles de prever para a protección da especie e dos seus niños son os efectos negativos que teñen as alteracións tanto climáticas como mareais. “As condicións climáticas e a crecida do nivel do mar están causando unha importante perda de hábitat para esta especie en Galicia”, alerta a bióloga. Deste modo, a pesar de que haxa zonas acoutadas temporalmente para que as aves estean máis tranquilas á hora de elixir o seu territorio de incubación, estas parcelas de exclusión non son efectivas de cara aos fenómenos naturais que poidan afectar os niños. “Non podemos protexer a especie das épocas de temporais, das rachas de frío, que rompen coa estabilidade de reprodución da píllara”, explica a investigadora.

Como contribuír á preservación da especie

O anteriormente mencionado Plan de Conservación da especie en Galicia conta con actualizacións en diversos areais. Entre as principais medidas destaca unha pronta localización das parellas e dos seus posteriores niños. “Faise un esforzo importante cando as parellas comezan a definir os seus territorios para conseguir protexer os niños mediante balizas ou parcelas de exclusión de depredadores, ademais dunha zona perimetrada para evitar que as persoas se acheguen ao adulto que está incubando e a posible ameaza doutras especies como pode ser o córvido, o seu principal depredador animal”, relata Vidal.

Outra solución para protexer a especie, que está a desenvolver a Consellería, ten que ver coa redución do impacto que ten a marea na supervivencia da píllara, pois reduciu moito o hábitat da ave nos últimos anos. “Estase a facer un esforzo importante para previr que a marea leve os niños. Os colaboradores o que fan é que, cando observan que un niño está nunha posición susceptible de ser arrastrado, vixían o calendario de mareas e valoran a súa situación. Moitos deses niños lévanse a un ‘proxecto de conservación in situ da fauna salvaxe, situado en Oleiros”, declara a investigadora. Alí incúbanse e cóidanse os polos ata que alcanzan a idade de voo para novamente ser liberados nas praias.

Outra das solucións para protexer a especie está na redución do impacto que ten a marea na supervivencia da píllara

En Galicia estanse conseguindo grandes avances en materia de conservación da especie. “Podemos estar orgullosos polos esforzos e o gran traballo que están a facer dende a Dirección Xeral da Conservación da Natureza, os axentes e vixilantes e demais organismos”, admite Vidal. Nos últimos anos, coas novas medidas de protección, conseguiuse que foran cada vez máis as parellas de píllara da duna que sobreviviran ao período de posta de ovos. “Cantos máis ovos se salven, máis probabilidade haberá de que os polos alcancen a idade de voo”, explica a investigadora.

Dende SEOBirdLife, Sociedade Española de Ornitoloxía, levan varios anos traballando nun proxecto para a preservación do chorlitejo patinegro nas praias da península da Barbanza, en colaboración coa Deputación da Coruña. Neste plan, as accións de conservación que se levan a cabo realízanse durante o periodo reprodutor da especie. Entre as súas medidas destacan a de sensibilizar e informar á poboación sobre a importancia da conservación desta ave, así como reclamar a atención das institucións e de actores públicos relevantes con impacto nestas praias. Ademais, levan a cabo diferentes actividades para informar da situación da píllara das dunas: conferencias, vídeos, saídas á praia para coñecer a especie, entre outras.

O proceso reprodutivo da especie no litoral galego

O período reprodutivo ten os seus inicios no mes de marzo, estendéndose ata a súa finalización no mes de agosto ou setembro. Estas aves comezan definindo e identificando os territorios, e elixirán o que perciban máis axeitado para facer o niño e pór os seus ovos. Posteriormente, escollen a súa parella. Nese proceso o macho escava na area un niño sen estrutura, composto únicamente por un simple oco no terreo. Entre a diversidade de cuncas, a femia selecciona unha delas para realizar a posta dos ovos.

Dende que pon o primeiro ovo ata que este eclosiona, pasa un total de 30 días. As píllaras adoitan pór en cada niño unha media de tres ovos. María Vidal indica que se este proceso avanza sen imprevistos, unha vez eclosionado o ovo, o polo comeza a moverse pola praia, explorando e buscando alimento. “Son especies moi independentes, a pesar de que os pais seguen proporcionándolles protección, se houbese algún perigo, e de cando en vez regulan a súa temperatura corporal, colocándoos baixo as súas ás, en momentos de moito frío ou moito calor”, explica.

Adoitan poñer en cada niño unha media de tres ovos

Nese período, ata que pasan 26 días, os polos aínda non saben voar, polo que a especie se atopa nun momento moi vulnerable. “Non hai moito que facer, aos polos non os podemos engaiolar para que non se despracen pola praia”, comenta a bióloga. Se non conseguen voar ou o niño fracasa, as parellas adoitan comezar un total de 5 ou 6 postas por temporada, ata que consigan ter éxito. Ademais, é moi frecuente que tras o nacemento dos polos, a femia abandone o niño e se desprace en busca doutro macho para iniciar un novo evento reprodutivo. Este proceso ten lugar coa fin de incrementar a produtividade dunha tempada.

Tras varios anos de observacións da píllara das dunas, os investigadores determinaron que a súa distribución nas praias débese principalmente a unha predilección por ambientes salvaxes con vexetación e duna, espazos amplos e de calidade onde poidan refuxiarse, que permitan a conservación dos niños e a cría dos polos. “En Galicia cabe destacar que a maior parte da especie é residente, permanece aquí durante todo o ano, aínda que no inverno utilice menos praias”, comenta a bióloga. Os adultos de píllara das dunas son filopátricos; isto quere dicir que se van críar nunha praia determinada un ano, adoitan volver aniñar nos mesmos territorios no período seguinte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un consorcio europeo reducirá a captura accidental de especies mariñas ameazadas

O obxectivo é minimizar o dano en animais en perigo de extinción ou que na actualidade están protexidos para evitar que desaparezan

A ameaza dos visóns de Carral: un estudo recomenda extremar precaucións

A investigación sobre o brote da granxa galega do pasado outono revela que é necesario fortalecer a bioseguridade e implementar programas de vixilancia

As colonias de aves mariñas poden concentrar ata 100 toneladas de metais tóxicos

Un equipo da USC analiza os seus excrementos e estima a cantidade de cadmio, mercurio e chumbo que se depositan nas zonas de reprodución

As nove especies de fauna e flora ameazadas polo megaproxecto industrial de Palas de Rei

A multinacional portuguesa Altri quere construír unha fábrica de fibras téxtiles na comarca da Ulloa, nun espazo ambiental sensible e preto da Rede Natura