O ranking Google dos científicos españois máis citados recoñece a catro profesionais do IDIS

Felipe Casanueva, Carlos Diéguez, María José Alonso e Ángel Carracedo sitúanse entre os 200 primeiros postos dun listado de 5.000 científicos

Catro profesionais do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) destacan entre os postos 74 e 169 dun listado de 5.000 científicos na edición 2022 do Ranking de Persoal científico español, de acordo ao seus perfís no Google Scholar, onde se recoñece o seu gran número de citacións e publicacións.

Felipe Casanueva, Carlos Diéguez, María José Alonso e Ángel Carracedo son os nomes dos protagonistas. O proceso polo cal foron seleccionados parte da recollida dos datos ao longo da última semana de decembro de 2021 e logo, Google, publica na edición de 2022 o ranking no que se clasifica ás personas segundo o índice de publicacións científicas con máis repercusión.

Publicidade

Felipe Casanueva

Felipe F. Casanueva.
Felipe F. Casanueva.

Destes catro, o que se sitúa no primeiro posto é Felipe Casanueva é o número 74 desta listaxe global, cun índice de citacións de 118 e un total de 57.561. O investigador dirixiu 48 tese doutorais que recibiron a máxima cualificación e é Doutor Honoris Causa por tres universidades. Ao longo da súa traxectoria recibiu diversos premios como o Rey Jaime I de Investigación Médica e o Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía. Na actualidade é investigador do IDIS, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vicepresidente do Padroado de Dieta Atlántica, editor xefe da revista de Springer, Reviews in Endocrinology and Metabolism’ e forma parte do comité executivo da Pituitary Society.

O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) tamén lle sitúa no posto 74 entre as 5.000 persoas españolas investigadoras en todo o mundo en calquera disciplina.

Publicidade

Carlos Diéguez.
Carlos Diéguez.

Carlos Diéguez

O seguinte na lista é Carlos Diéguez. Situado no posto 84 e cun índice de citacións de 115 e 48.9985 publicacións, é o primeiro director científico do IDIS e, actualmente, investigador na área de Endocrinoloxía do Instituto, director do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e director científico de CIBER Obesidade e Nutrición ademais de catedrático de Fisioloxía. Con anterioridade, tamén foi presidente da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN). A súa actividade investigadora vinculada ao campo da Endocrinoloxía e Nutrición reflíctese nos máis de 450 traballos publicados en revistas internacionais.

María Jose Alonso.
María Jose Alonso.

María José Alonso

No posto 168, cun índice de 96 e 32.280 citacións, sitúase María José Alonso, prestixiosa investigadora formada en centros internacionais e creadora dun grupo de investigación pioneiro en España no ámbito da nanomedicina e nos sistemas de liberación de fármacos e vacinas. A investigadora do IDIS dirixiu e coordinou máis de 60 proxectos de investigación, dos que xurdiron 22 patentes internacionais, 300 artigos científicos e dous libros. É directora da Xunta de Goberno da Controlled Release Society (CRS), a sociedade máis importante no seu campo.

A investigadora do IDIS forma parte de plataformas tecnolóxicas como a European Technology Platform on Nanomedicine, Nanofuture e a Plataforma Española de Nanomedicina, así como de diversas redes de colaboración. Tamén participa no comité editorial de 11 revistas científicas e recibiu premios como o Rey Jaime I, o Novoa Santos e o Maurice Maria Janot.

Ángel Carracedo.
Ángel Carracedo.

Ángel Carracedo

Ángel Carracedo é o investigador que ocupa o posto 169 da listaxe, cun índice de 93 e 40.178 citacións. O doutor Carracedo é o investigador principal da área de Xenética do IDIS e director da Fundación Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Genotipado- ISCIII. Tamén foi o director do Instituto de Medicina Legal da USC e é membro do CIBERER.

Ao longo da súa traxectoria profesional publicou 12 libros e 550 artigos en revistas internacionais, ademais forma parte de sociedades nacionais e internacionais de Medicina Forense, Xenética, Farmacogenómica e Oncoloxía. Na actualidade coordina ao Grupo de Medicina Xenómica e destaca como un dos autores máis citados en Bioloxía Molecular cunha media que supera as 2.000 citacións anuais. Nos últimos exercicios, o investigador recibiu numerosos premios como a Medalla de Ouro e Prata de Galicia, o Premio Rey Jaime I de investigación, a Medalla Adelaide, a Medalla Galien, o Premio Nacional de Xenética, o premio Prismas de divulgación, o Premio Galicia de Investigación, o Premio Novoa Santos e a Medalla Castelao.

Foto cedida polo IDIS do investigador Ángel Carracedo

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela ( IDIS) nace en 2008 como froito da colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a USC. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade.
Cun equipo de máis de 1000 investigadores, 99 grupos de investigación, 31 millóns de euros de fondos e 88 proxectos de investigación captados na última anualidade, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo