Carracedo, no primeiro dos audiovisuais do encontro organizado pola CTNL.

Carracedo: “O galego é un idioma precioso que non debemos deixar perder”

O investigador abriu os encontros 'LGx15 Ideas para o futuro da lingua' organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua

O galego “é un idioma precioso que non podemos deixar perder nunca”. Así se expresa o catedrático da USC e investigador en Xenética Forense Ángel Carracedo, no primeiro dos encontros LGx15 Ideas para o futuro da lingua organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). A edición deste ano é gravada, pero pode ser seguida a través da canle de Youtube da CTNL.

Na súa charla, Carracedo lembrou que se criou como un cativo de Santa Comba “o que me permitiu dende neno ser bilingüe“. E segue a empregar o galego no seu propio grupo de investigación, un dos máis recoñecidos no mundo na súa especialidade, aínda que recordou que é “moi internacional. Hai galego, hai castelán, hai inglés. E todo o mundo séntese a gusto”.

“Pódese facer ciencia en galego?”, preguntouse o profesor Carracedo, quen recoñeceu que “a comunicación da nosa investigación é en inglés. Nin sequera en castelán. Pódese facer en galego? Pódese. Pero para cousas máis nosas, relacionadas coa nosa terra…”. Neste senso, comparou o inglés cunha sorte de ‘esperanto’ científico.

Cando exerce a Medicina, Carracedo emprega o galego para comunicar as súas diagnoses aos familiares dos doentes: “Fágoo en galego, porque son de aquí e é a súa lingua”. Tamén fai a divulgación científica en galego. E a docencia, que antes impartía en castelán, pasou a galego, porque “estamos a ter un problema grave co uso do galego. Estase a perder. Son do 3 ou 5 por cento dos profesores que empregan o galego na Facultade de Medicina”.

En países lusófonos, tamén usa o galego para a divulgación -“ás veces con algunha palabra de cortesía en portugués”- e considera “importante explicarlles que existe unha lingua tan próxima, que nun tempo foi a mesma que o portugués. E segue a ser o galego unha lingua moi descoñecida por eles”.

“Animo a todo o mundo a que utilice o galego, porque é un idioma precioso que non debemos deixar perder nunca”, rematou Carracedo.

Os encontros LGx15 Ideas para o futuro da lingua organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) reúnen desde hai cinco anos a persoas que achegan as súas experiencias, argumentos, propostas, reflexións ou ideas sobre o futuro da lingua galega. Desde diversas disciplinas, abórdanse algunhas claves “que poden, e queren, influír no uso e prestixio do galego e/ou nas actitudes e comportamentos lingüísticos, procurando reflexións, accións e cambios”, segundo expoñen os organizadores.

Este ano, a pandemia da Covid-19 converte o encontro, que se celebraba de xeito presencial, en charlas de 15 minutos que se transmiten na canle de YouTube da CTNL e no Facebook do LGx15. Ángel Carracedo foi o primeiro protagonista desta programación.

 O LGx15 complétase coas seguintes charlas:

  • O luns 23, Esther Estévez, xornalista que conduce a iniciativa #DígochoEu na CRTVG, abordará, co título E falarei como eu queira, ou? as vantaxes de transmitir contidos lingüísticos de forma divertida.
  • Adrián Dios (adestrador de baloncesto e profesor universitario) falará da súa experiencia como adestrador e árbitro de baloncesto e daranos argumentos para que o galego se asente na práctica deportiva, especialmente dos nenos e das nenas. A charla Sempre coa lingua fóra: usando o galego no deporte será o martes 24.
  • Beatriz Campos, actriz, narradora e presentadora, con En galego, dende o berce, falará da responsabilidade para transmitir a lingua e os consellos para logralo. Será o mércores 25 de novembro.
  • Laura Marín, a participante máis nova desta edición, con 16 anos, contará a súa experiencia en O camiño para volver ó galego, onde explica como superar as dificultades e as barreiras con compromiso e constancia. Escoitarémola o xoves 26.
  • Manuel Gago (xornalista, profesor universitario, investigador e escritor) abordará como a lingua pode axudarnos a percorrer a historia e o patrimonio de Galicia. Levo milenios de memoria entre os meus beizos é o suxestivo título da súa intervención, que se difundirá o venres 27.
  • O LGx15 de 2020 pecha co dúo musicaVerto, formado por Alberto Mira e Fernando Peleteiro. Falarán de Música pop e normalización lingüística, da democratización da música e de como ven eles o futuro. Será o sábado 28 de novembro ás 21.00 h.

As intervencións foron gravadas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, en Santiago de Compostela, grazas á cesión do espazo por parte do concello compostelán. O LGx15 conta coa axuda económica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

1 comentario

  1. Curioso… diz quem nunca dou uma liñção em galego na Faculdade de Medicina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.