A ciencia, moi presente nos encontros LGx15 Ideas para o futuro da lingua

O catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo abre este domingo o evento, lembrando as súas experiencias co galego no ensino e a investigación

Os encontros LGx15 Ideas para o futuro da lingua organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) reúnen desde hai cinco anos a persoas que achegan as súas experiencias, argumentos, propostas, reflexións ou ideas sobre o futuro da lingua galega. Desde diversas disciplinas, abórdanse algunhas claves “que poden, e queren, influír no uso e prestixio do galego e/ou nas actitudes e comportamentos lingüísticos, procurando reflexións, accións e cambios”, segundo expoñen os organizadores do encontro.

Este ano, a pandemia da Covid-19 converterá o encontro, que se celebraba de forma presencial, en charlas de 15 minutos que se transmitirán na canle de YouTube da CTNL e no Facebook do LGx15, onde xa se poden ver algúns extractos. Entre o domingo 22 e o sábado 28 de novembro, ás 21 horas, estrearanse os vídeos dos participantes na edición deste ano.

Publicidade

E o LGx15 deste 2020 vai ser aberto o domingo 22 por un dos científicos galegos máis recoñecidos: Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Carracedo avogou durante toda a súa traxectoria polo uso e normalización da lingua na ciencia e a divulgación. Baixo o título O galego na miña vida, o investigador abordará desde a súa experiencia persoal o uso do galego na ciencia, no ensino universitario ou na divulgación científica.

 O LGx15 complétase coas seguintes charlas:

Publicidade

  • O luns 23, Esther Estévez, xornalista que conduce a iniciativa #DígochoEu na CRTVG, abordará, co título E falarei como eu queira, ou? as vantaxes de transmitir contidos lingüísticos de forma divertida.
  • Adrián Dios (adestrador de baloncesto e profesor universitario) falará da súa experiencia como adestrador e árbitro de baloncesto e daranos argumentos para que o galego se asente na práctica deportiva, especialmente dos nenos e das nenas. A charla Sempre coa lingua fóra: usando o galego no deporte será o martes 24.
  • Beatriz Campos, actriz, narradora e presentadora, con En galego, dende o berce, falará da responsabilidade para transmitir a lingua e os consellos para logralo. Será o mércores 25 de novembro.
  • Laura Marín, a participante máis nova desta edición, con 16 anos, contará a súa experiencia en O camiño para volver ó galego, onde explica como superar as dificultades e as barreiras con compromiso e constancia. Escoitarémola o xoves 26.
  • Manuel Gago (xornalista, profesor universitario, investigador e escritor) abordará como a lingua pode axudarnos a percorrer a historia e o patrimonio de Galicia. Levo milenios de memoria entre os meus beizos é o suxestivo título da súa intervención, que se difundirá o venres 27.
  • O LGx15 de 2020 pecha co dúo musical Verto, formado por Alberto Mira e Fernando Peleteiro. Falarán de Música pop e normalización lingüística, da democratización da música e de como ven eles o futuro. Será o sábado 28 de novembro ás 21.00 h.

As intervencións foron gravadas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, en Santiago de Compostela, grazas á cesión do espazo por parte do concello compostelán. O LGx15 conta coa axuda económica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Dentro do proxecto de Carracedo: como poñer nome ás enfermidades raras de galegos sen diagnóstico

A análise do xenoma completo e o uso de tecnoloxías avanzadas permiten detectar mutacións complexas tras máis dunha década de probas sen resultado

Un proxecto liderado por Carracedo resolve os casos de 18 galegos que levaban 10 anos sen diagnóstico

A iniciativa é un dos eixos da Estratexia Nacional de Medicina Personalizada e conta cunha rede de 110 hospitais e máis de 500 expertos de toda España