As medidas de control parecen estar freando o avance da couza en Galicia. Foto: xunta.gal.
As medidas de control parecen estar freando o avance da couza en Galicia. Foto: xunta.gal.

A Xunta permite plantar pataca en nove concellos tras dous anos sen couza

Os municipios, situados no norte da Coruña e Lugo, entrarán na denominada zona tampón, onde se permitirá a plantación, pero con estrita vixilancia

Pouco a pouco, o risco que se xerou co avance da couza da pataca (Tecia solanivora) por Galicia vaise esvacendo, despois do plan de control e erradicación impulsado desde hai varios anos. A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, anunciou este xoves que nos vindeiros días, unha vez saia publicada no Diario Oficial de Galicia, levantarase a prohibición vixente desde hai máis de dous respecto ás plantacións de pataca en nove concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo. Entre eles está Neda, un dos tres primeiros concellos, xunto a Ferrol e Narón, onde se tomaron hai cinco anos as primeiras medidas.

Deste xeito, o levantamento da prohibición de plantar pataca abrangue aos concellos coruñeses de Cariño, Ortigueira e Neda e os lucenses de Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro. Nestas áreas non se rexistrou ningunha captura do insecto nos últimos dous anos, polo que deixarán de ser consideradas zonas infestadas pola couza e convértense en zona tampón.

Así, segundo a normativa, nestes municipios permitirase plantar pataca pero farase un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural, que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación co obxectivo último de controlar a expansión da couza. Para isto, os responsables das plantacións poderán declarar ata o 1 de abril as zonas de cultivo nestas áreas tampón.

A comezos de 2020, Medio Rural xa anunciara o levantamento da prohibición de plantar pataca nos concellos coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez e os lucenses de Ourol e Abadín, ao pasar de seren concellos infestados a zona declarada como tampón. En todos eles, informa a Xunta, confirmouse a ausencia de capturas de couza guatemalteca no que vai de 2020, pero mantívose igualmente o control das plantacións. A mesma resolución excluía da zona tampón toda a superficie dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na provincia da Coruña, e dos municipios de Xermade e Vilalba na provincia de Lugo. Desta forma, adquiren o rango de zona libre de couza e deixaron de estar sometidos a control por parte da Consellería.

Por agora mantense a prohibición noutras áreas do norte de Galicia, a pesar da boa evolución a partir do control e seguimento desenvolvidos. Seguen prohibidas as plantacións en practicamente toda a comarca da Mariña, cos municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, O Vicedo, Trabada, Viveiro e Xove (Lugo), ademais de San Sadurniño, Mañón, Narón e Valdoviño. Hai tamén outras dúas zonas de prohibición en Muxía e nas parroquias de Lendo e Caión (A Laracha) e Noicela (Carballo). Neste último caso, preocupa a posible propagación pola comarca de Bergantiños, unha das principais comarcas produtoras de pataca en Galicia, ademais da importante rede de autoabastecemento que supón para agricultores, familias e persoas próximas.

Que é a couza da pataca?

A praga está provocada pola  Tecia solanivora Povolny, un insecto que provoca importantes danos económicos no cultivo en América Central, de onde é orixinaria, e nos países de América do Sur, nos que se foi introducindo, como Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa, este insecto foi observado e identificado nas illas Canarias (1999-2006).

Patacas afectadas pola couza. Fonte: Medio Rural / EPPO.

Trátase dun pequeno insecto que estraga o interior do pataca. Os danos prodúcense tanto en campo como en almacén, penetrando no tubérculo para alimentarse facendo galerías. O insecto pon os seus ovos na pataca, e son as larvas as que se alimentan do tubérculo, estragándoo. Non ten ningún problema para a saúde humana nin de seguridade alimentaria, pero pode xerar grandes danos nas colleitas a gran escala se se acaba estendendo.

Para conter este avance, desenvólvense constantes trampeos nas zonas afectadas e as de tampón, e establécense medidas en aspectos como a almacenaxe e transporte dos tubérculos, ambientes acaídos para a reprodución e propagación da couza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.