Xoves 25 Abril 2024

A Xunta levanta a prohibición de plantar pataca debido á couza en nove concellos

Os municipios, nas provincias da Coruña e Lugo, pasan a ser considerados zona tampón ao non teren rexistrado ningunha captura nos dous últimos anos

A Consellería de Medio Rural anunciou o pasado venres, a través do Diario Oficial de Galicia, que se levantou a prohibición de sementar pataca en nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados ata agora pola couza guatemalteca (Tecia solanivora). A decisión responde a que estas zonas deixan de estar consideradas como zonas infestadas pola couza ao non teren rexistrado ningunha captura nos dous últimos anos. A partir de agora, os nove concellos (Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, na Coruña; e Ourol e Abadín, en Lugo) pasan a situarse na demarcada como zona tampón.

A medida faise efectiva despois do acordo acadado en Madrid entre o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, José Balseiros, e o director xeral de Sanidad de la Producción Agraria do Goberno español, Valentín Almansa.

Publicidade

A partir de agora, os produtores destes nove municipios poderán plantar pataca, pero serán obxecto de seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural, que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación co obxectivo último de controlar a expansión da couza.

Seis concellos, “libres” de couza da pataca

Do mesmo xeito,  a resolución que publicou o DOG exclúe da zona tampón toda a superficie dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na provincia da Coruña, e dos municipios de Xermade e Vilalba na provincia de Lugo. Desta forma, adquiren o status de zona libre de couza e deixan de estaren sometidos a control por parte da Consellería.

Detectan couza da pataca en Bergantiños, unha das maiores comarcas produtoras

Con todo, tal e como indica o anuncio da Xunta, mantense a declaración como zonas infestadas dos concellos de Cariño, Mañón, Muxía, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e as parroquias de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha, e a parte sur da parroquia de Noicela (Santa María), no concello de Carballo, despois da detección da couza nesta zona hai unhas semanas. Na provincia de Lugo os concellos infestados son Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove.

A zona tampón queda demarcada na totalidade da superficie dos concellos de Ares, As Somozas, Cabanas, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Moeche e As Pontes de García Rodríguez, unha franxa de 5 quilómetros limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Vimianzo, e, ademais, as parroquias de Monteagudo (San Tomé) e a de Sorrizo (San Pedro) no concello de Arteixo, Rebordelos (San Salvador), Vilela (San Miguel) e a parte norte da parroquia de Noicela (Santa María), segundo figura no anexo, no concello de Carballo, e Cabovilaño (San Román), Lemaio (Santa María) e Torás (Santa María), no concello da Laracha. Na provincia de Lugo considérase zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Abadín e Ourol e unha franxa de 5 quilómetros limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Muras, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.

Fonte: Medio Rural / Elaboración propia.
Fonte: Medio Rural / Elaboración propia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses