Venres 29 Marzo 2024

Detectan couza da pataca en Bergantiños, unha das maiores comarcas produtoras

A Consellería de Medio Rural dá conta da presenza da tecia nas parroquias de Lendo e Caión (A Laracha) e Noicela (Carballo)

Era un dos temores de produtores e autoridades, e a pesar das medidas de precaución que se tomaron desde a primeira detección en Galicia da Tecia solanivora Povolny, a coñecida como couza da pataca, en agosto de 2015: que a praga chegara á Limia ou a Bergantiños, as dúas principais comarcas produtoras do tubérculo no país. E segundo a información difundida este venres pola Consellería do Medio Rural, este organismo nocivo vén de detectarse no nordeste da comarca de Bergantiños, en tres parroquias dos concellos de Carballo (Noicela) e A Laracha (Lendo e Caión). Estes dous concellos forman parte do territorio da Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia.

A nova prodúcese un ano e medio despois de que a couza aparecera no municipio de Muxía, ampliando deste xeito a zona de corentena que ata aquel momento se cinguía ao norte das provincias da Coruña e Lugo. Segundo Medio Rural, os novos casos de tubérculos afectados en Bergantiños detectáronse en almacéns de autoconsumo, que xa foron destruídos. Ante a aparición da couza, estas tres parroquias pasan a ter “todas as medidas de control aplicadas no resto de municipios demarcados, como a prohibición de plantar patacas e o seu movemento”. A decisión farase oficial nos vindeiros días, cando a Xunta publique no Diario Oficial de Galicia a declaración ao respecto. Ademais, a consellería e os dous concellos organizarán encontros para informar aos veciños afectados das decisións tomadas para combater este organismo de corentena.

Publicidade

En vermello, zona da comarca de Bergantiños onde se detectou a couza. As áreas en azul marcan as zonas infestadas, e en verde, as zonas tampón. Fonte: Medio Rural /Elaboración propia.
En vermello, zona da comarca de Bergantiños onde se detectou a couza. As áreas en azul marcan as zonas infestadas, e en verde, as zonas tampón. Fonte: Medio Rural /Elaboración propia.

Así, de acordo coa normativa, en Lendo, Caión e Noicela só se poderá comercializar tubérculo embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, e o movemento de pataca a granel estará prohibido, igual que no resto de concellos demarcados. Alén disto, como precaución, e da mesma maneira que se fixo nos outros lugares afectados, estableceranse zonas de tampón nas parroquias limítrofes.A propagación da praga levará a Medio Rural a reforzar as medidas necesarias para evitar novos casos, sobre todo ante o risco de que a couza chegue a municipios próximos como Coristanco, un referente na produción e comercialización do tubérculo. Así, incrementarán a rede de trampeo, tendo en conta, entre outros factores, a bioloxía da couza gutemalteca, o nivel de infestación dos almacéns na zona, a distribución do cultivo de pataca, a capacidade do organismo para propagarse de forma natural, o número de capturas rexistrado e os ventos dominantes.
A couza da pataca

A Tecia solanivora Povolny é un insecto orixinario de América Central, e ten unha especial incidencia en Guatemala; de aí o seu sobrenome de guatemalteca. Foise estendendo despois a outros países de América do Sur. Pasou a Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa este insecto foi observado e identificado por primeira vez nas illas Canarias en 1999, nun cargamento ilegal de patacas.

O becho ten capacidade de atacar aos tubérculos tanto no campo como en almacén. Os exemplares adultos son nocturnos e voan distancias curtas. Cando actúan no campo, poñen os seus ovos no chan ou nos tubérculos ao descuberto. As larvas emerxentes entran en tubérculos e aliméntanse deles construíndo galerías que acaban destruíndo completamente o tubérculo. No caso de actuar no almacén, os insectos poñen os ovos nas patacas e poden chegar a provocar danos moi importantes. A fase de pupa pode ter lugar no chan, nas paredes dos almacéns, nos sacos almacenados ou na terra cultivada. Non ten ningún problema para a saúde humana, pero acaba por estragar totalmente as colleitas.

En Galicia, na actualidade a praga afecta a municipios do norte das provincias da Coruña e Lugo e da Costa da Morte, á que se suman agora os casos de Bergantiños. Porén, segundo aclara Medio Rural, a nova situación “non impide que se poidan levantar as prohibicións noutras áreas que estaban afectadas ata o momento”, no caso de que transcorran dous anos desde que se detecten positivos de couza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os vermes que ameazan os cultivos multiplícanse en Galicia: a praga que ninguén esperaba

O crecemento desmesurado desta poboación vén provocado polas altas temperaturas e a humidade entre o final do verán e o inicio do outono

A Doñana de Galicia: como os regadíos na Limia secan os ríos dende hai 25 anos

A extracción de augas subterráneas para as plantacións impacta na biodiversidade da comarca, con especies en perigo de extinción

Fogóns de Anllóns e Fragas do Eume, protagonistas da Deputación da Coruña en Fitur

Os cinco concellos de Bergantiños e os cinco do Eume estarán representados na Feira especializada en Turismo máis representativa do Estado

As follas caídas protexen do arrastre de cinzas nas zonas arrasadas polos incendios

Medio Rural confirma que se detectaron gromos de vexetación nalgunhas das áreas máis afectadas polos lumes do verán