Era un dos temores de produtores e autoridades, e a pesar das medidas de precaución que se tomaron desde a primeira detección en Galicia da Tecia solanivora Povolny, a coñecida como couza da pataca, en agosto de 2015: que a praga chegara á Limia ou a Bergantiños, as dúas principais comarcas produtoras do tubérculo no país. E segundo a información difundida este venres pola Consellería do Medio Rural, este organismo nocivo vén de detectarse no nordeste da comarca de Bergantiños, en tres parroquias dos concellos de Carballo (Noicela) e A Laracha (Lendo e Caión). Estes dous concellos forman parte do territorio da Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia.
A nova prodúcese un ano e medio despois de que a couza aparecera no municipio de Muxía, ampliando deste xeito a zona de corentena que ata aquel momento se cinguía ao norte das provincias da Coruña e Lugo. Segundo Medio Rural, os novos casos de tubérculos afectados en Bergantiños detectáronse en almacéns de autoconsumo, que xa foron destruídos. Ante a aparición da couza, estas tres parroquias pasan a ter “todas as medidas de control aplicadas no resto de municipios demarcados, como a prohibición de plantar patacas e o seu movemento”. A decisión farase oficial nos vindeiros días, cando a Xunta publique no Diario Oficial de Galicia a declaración ao respecto. Ademais, a consellería e os dous concellos organizarán encontros para informar aos veciños afectados das decisións tomadas para combater este organismo de corentena.
Así, de acordo coa normativa, en Lendo, Caión e Noicela só se poderá comercializar tubérculo embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, e o movemento de pataca a granel estará prohibido, igual que no resto de concellos demarcados. Alén disto, como precaución, e da mesma maneira que se fixo nos outros lugares afectados, estableceranse zonas de tampón nas parroquias limítrofes.A propagación da praga levará a Medio Rural a reforzar as medidas necesarias para evitar novos casos, sobre todo ante o risco de que a couza chegue a municipios próximos como Coristanco, un referente na produción e comercialización do tubérculo. Así, incrementarán a rede de trampeo, tendo en conta, entre outros factores, a bioloxía da couza gutemalteca, o nivel de infestación dos almacéns na zona, a distribución do cultivo de pataca, a capacidade do organismo para propagarse de forma natural, o número de capturas rexistrado e os ventos dominantes.
A couza da pataca
A Tecia solanivora Povolny é un insecto orixinario de América Central, e ten unha especial incidencia en Guatemala; de aí o seu sobrenome de guatemalteca. Foise estendendo despois a outros países de América do Sur. Pasou a Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa este insecto foi observado e identificado por primeira vez nas illas Canarias en 1999, nun cargamento ilegal de patacas.
O becho ten capacidade de atacar aos tubérculos tanto no campo como en almacén. Os exemplares adultos son nocturnos e voan distancias curtas. Cando actúan no campo, poñen os seus ovos no chan ou nos tubérculos ao descuberto. As larvas emerxentes entran en tubérculos e aliméntanse deles construíndo galerías que acaban destruíndo completamente o tubérculo. No caso de actuar no almacén, os insectos poñen os ovos nas patacas e poden chegar a provocar danos moi importantes. A fase de pupa pode ter lugar no chan, nas paredes dos almacéns, nos sacos almacenados ou na terra cultivada. Non ten ningún problema para a saúde humana, pero acaba por estragar totalmente as colleitas.
En Galicia, na actualidade a praga afecta a municipios do norte das provincias da Coruña e Lugo e da Costa da Morte, á que se suman agora os casos de Bergantiños. Porén, segundo aclara Medio Rural, a nova situación “non impide que se poidan levantar as prohibicións noutras áreas que estaban afectadas ata o momento”, no caso de que transcorran dous anos desde que se detecten positivos de couza.