Patacas afectadas pola couza guatemalteca.
Patacas afectadas pola couza guatemalteca.

Detectada en Muxía a couza da pataca

A couza da pataca segue avanzando por Galicia e xa chega ao oeste do país. O pasado sábado, La Voz de Galicia adiantaba que se detectara nunha finca de Muxía a presenza da Tecia solanivora Povolny, o insecto que provoca a praga. E este luns, o Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola cal se amplían as zonas en corentena para evitar a expansión deste becho, que se alimenta das patacas e destrúe de forma masiva as plantacións, así como os tubérculos conservados nos almacéns.

Por este motivo, tal e como contempla a normativa, o Concello de Muxía pasa a ter a declaración de zona infestada. Deste xeito, neste municipio quedará prohibido o cutivo de patacas. E ademais, os produtores deberán desenterrar todas as plantacións existentes e os rebrotes de anos anteriores, e ademais é obrigatorio aplicar un tratamento fitosanitario nas parcelas cultivadas na anterior sementeira. No caso das patacas xa almacenadas, tanto as de consumo como as de semente deberán ser destruídas, así como todos os sacos e caixas que estiveran en contacto ou na mesma estancia que as patacas contaminadas, e tamén haberá que aplicar tratamentos de desinfección e limpeza nos lugares de almacenamento.

Zona onde se prohíbe a semente de pataca (Muxía) e zona tampón. Fonte: Medio Rural.
Zona onde se prohíbe a semente de pataca (Muxía) e zona tampón. Fonte: Medio Rural.

As medidas de prevención estenderanse tamén a unha zona de tampón arredor do concello de Muxía, e que afecta aos municipios de Fisterra, Cee, Dumbría, Vimianzo e Camariñas. Nesta zona, será obrigado declarar a situación e superficie das plantacións de pataca, así como tomar diversas medidas de prevención e desinfección para evitar que a couza guatemalteca se espalle.

Descoñécese, por agora, a vía de chegada da praga a Muxía, toda vez que esta localidade está bastante afastada da zona ata agora afectada en Galicia (norte das provincias da Coruña e Lugo), así como en Asturias. Segundo apuntaba a Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, a La Voz, non se descarta que puidera entrar por mar a través do porto muxían.

Preocupación

A presenza da couza da pataca en Muxía causou preocupación e inquedanza entre os produtores profesionais do tubérculo, debido á proximidade con Bergantiños, unha das principais comarcas produtoras de pataca en Galicia, xunto á da Limia.

Como actúa a couza da pataca?

A Tecia solanivora ten capacidade de atacar ás patacas tanto no campo como en almacén. Os exemplares adultos son nocturnos e voan distancias curtas. Cando actúan no campo, poñen os seus ovos no chan ou nos tubérculos ao descuberto. As larvas emerxentes entran nas patacas e aliméntanse delas construíndo galerías que acaban destruíndoo completamente. No caso de actuar no almacén, os insectos poñen os ovos nos tubérculos e poden chegar a provocar danos moi importantes. A fase de pupa pode ter lugar no chan, nas paredes dos almacéns, nos sacos almacenados ou na terra cultivada. Non ten ningún problema para a saúde humana, nin tampouco de seguridade alimentaria, pero acaba por estragar totalmente as colleitas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.