Muxía vístese de gala para acoller, entre o venres 11 e o luns 14 de setembro, as celebracións da Romaría da Virxe da Barca. Este evento, que se repite anualmente no noveno mes, celebra unha lenda relixiosa que entretece a identidade mariñeira do pobo muxiá coa tradición cristiá do Camiño de Santiago. O escenario da historia é o Santuario da Virxe de Nosa Señora da Barca, unha edificación que mira o mar e que Turismo de Galicia definiu como “un dos lugares de peregrinación máis antigos de Galicia”. Esta tradición conta con séculos de historia documentados a través de escritos de todos os tipos, entre os que se contan versos que Rosalía de Castro incluíu nos seus Cantares Gallegos. O longo traxecto da romaría, así como as súas características culturais e turísticas, motivaron que o Concello de Muxía iniciara o proceso para declarala Festa de Interese Turístico Internacional, pois conta xa co recoñecemento de interese nacional.
Tralo éxito da súa edición anterior —que, como indican dende a organización da celebración, pechou cun balance de máis de 55.000 participantes nas actividades festivas do 2025—, a Romaría da Virxe da Barca prepárase para acoller un dos maiores eventos que ofrece a Costa da Morte nas portas do outono.
Festa de Interese Turístico (Inter)Nacional
A Romaría da Virxe da Barca foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1989. Agora, o Concello de Muxía está na procura de obter o recoñecemento de Interese Turístico Internacional, o que impulsaría o alcance da celebración máis alá das fronteiras nacionais. Turismo de Galicia xa expresou o seu apoio a esta proposta, que, agora, está á espera dunha resolución definitiva por parte do Ministerio de Industria e Turismo.
A relixión nas orixes da festa
As orixes da Romaría da Virxe da Barca de Muxía poden situarse na Idade Media, un tempo no que se fusionaron o culto ancestral ás pedras sagradas do litoral e a fe cristiá. Dende o portal oficial da festa explican que, aínda que os primeiros rexistros escritos dunha romaría na vila datan do século XVII, a crenza neses elementos xa sitúa a súa existencia entre os séculos XV e XVI.
Un dos grandes atractivos desta celebración é a súa vinculación coa peregrinación á capital galega, e que se remonta a tempos do Apóstolo Santiago. A lenda sostén que a Virxe se apareceu nunha barca de pedra ao apóstolo para infundirlle ánimos na súa labor evanxelizadora. Deste encontro quedou como testemuña un conxunto de rochas con supostas propiedades sanadoras que rodean o templo. Esta conexión relixiosa leva séculos atraendo un bo número de viaxeiros, tal como apunta a existencia dun hospital para peregrinos documentado no ano 1571 na Memoria de Hospitales del Arzobispado de Santiago. Así o recolle a web oficial da Romaría, que engade como o documento refire un “aposento ‘ben reparado'” que suxire que este espazo médico levaba certo tempo ao servizo dos viaxeiros.
“A chegada da cristianización transformou estas pedras en fieis probas da aparición da Virxe María a Santiago Apóstolo. Así, Muxía convértese no lugar onde a lenda do océano se entrelaza cunha devoción centenaria“, afirman no portal especializado.
A pegada da romaría na literatura
“A comenzos do século XVIII, a Romaría da Virxe da Barca experimentaba un auxe extraordinario e atraía multitudes de romeus de ‘partes moi remotas’, tal como ou documentou o arzobispo Luis Salcedo en 1720“, explica a páxina oficial da festa. Conta tamén como este persoeiro deu a orde de pechar as portas do santuario ao caer a noite co gallo de evitar que as persoas que emprendían a peregrinaxe cara á Catedral de Santiago pasaran a noite no interior do edificio. Isto reflicte unha afluencia que superaba a capacidade da propia vila para acoller os visitantes que pasaban por Muxía no camiño.
O ano 1728 marcou un punto de inflexión na proxección da Romaría da Barca coa publicación de La barca más prodigiosa de Antonio Rioboo e Seixas, unha obra literaria que vinculou Muxía co camiño compostelán e testemuñou, de novo, a cantidade masiva de peregrinos. Un século despois, este fervor e a súa vibrante atmosfera quedaron inmortalizados na pluma de Rosalía de Castro, quen tras visitar a festividade en 1853 plasmou nos seus versos de Cantares Gallegos —no poema de 226 versos octosílabos “Nosa Señora da Barca”— un retrato vivo que, engaden no portal da Romaría de Muxía, “evoca sorprendentes similitudes coa romaría que disfrutamos hoxe en día”.
O programa dunha festa centenaria
A orixe da Romaría da Virxe da Barca está nas crenzas cristiás, pero a celebración irá máis alá dos actos relixiosos: é unha festividade que contará con música, pirotecnia, mercados e propostas gastronómicas. O venres 11 de setembro arranca o evento co Pregón da Virxe da Barca, que terá lugar ás 20:00 horas no Cabo da Vila. A festa entrará pola porta grande cunha mestura culinaria e musical: dentro do Mercado da Deputación da Coruña denominado A paisaxe que sabe (que poderá visitarse durante a totalidade da romaría), celebrarase o concerto da cantante galega Sés. O solpor non deterá a música: 9Louro, Disco Móbil Impacto e a Orquestra Bomba acompañarán a noite.
A noite do sábado 12 terá lugar un dos momentos de maior reclamo turístico da celebración: o espectáculo de fogos artificiais que salpicará o ceo nocturno de luz e cor ás 00:30 horas. A pirotecnia terá como banda sonora as actuacións de París de Noia e a Orquestra Fuego.
O domingo 13 poderá desfrutarse o aspecto máis tradicional da festa de Muxía, pois será o día de celebración da Misa e a Procesión da Virxe da Barca. Acto seguido, o evento coroarase coa tirada da maior traca —espectáculo pirotécnico no que se lanzan varios petardos consecutivos— de Galicia. Durante a tarde e a noite soarán polas rúas da Mar Dávila, o grupo Satélites e a Orquestra Magos.
A semana comezará en Muxía coa despedida da súa romaría por todo o alto. O luns 14, a Virxe da Barca regresará ao seu Santuario para, a continuación, celebrarse unha nova eucaristía. A velada rematará seguindo o ritmo de Olympus e Escaparate.

















