Non era a primeira vez que pasaba, pero a intensidade e o seu característico son parece que recuperan parte da súa forza. A Pedra de Abalar é parte do patrimonio histórico de Muxía, pero nos últimos 10 anos vive como un elemento do pasado. O motivo, unha rotura que fixo que a pedra perdese ese equilibrio delicado que permitía o seu característico son e movemento. Agora, a pedra recupera parte do que foi.
O elemento patrimonial atópase entre o Santuario da Virxe da Barca e o mar. É este último, xunto coa choiva, o vento e outros elementos meteorolóxicos os que definen e erosionan as rochas ata converterse en abaladoiras. Pola súa forma e a da súa contorna, fan que coa gravidade quede apoiada en só dous puntos. Por iso, deixan un efecto curioso: a pesar de ter unha lonxitude de 8,7 metros e 30 metros de perímetro, pódese mover. A de Muxía non é a única de Galicia: hai rexistradas ata 32.
Pero máis que unha unicidade relacionada coa ciencia e a xeoloxía, se algo caracteriza á de Muxía son as lendas que agocha. As pedras abaladoiras foron utilizadas, en moitas culturas, como parte de ancestrais ritos. No caso da Pedra de Abalar, conseguir mover a rocha funcionaba como unha especie de limpeza da alma para acadar unha maior pureza espiritual. Non é por casualidade. A lenda di que esa pedra pertencía á barca do apóstolo Santiago, ao igual ca outras dúas pedras, a dos Cadrís (que formaría parte da vela) e a do Timón.
Ruptura tras ruptura
A historia moderna, como ocorre en moitas ocasións, é menos espiritual e lendaria e máis parecida ao mundo que coñecemos. Para empezar, rompeu. E non só nunha ocasión: ocorreu catro veces, nos anos 1978, 1987, 1997 e 1998. Pola importancia que tiña para os seus veciños e a xente da zona, estes reclamaron reparacións ás autoridades. E conseguíronas en todas esas ocasións, malia que non durasen moito. Despois da ruptura de 1998, decidiron facer unha obra máis grande, non usar só resina senón diversas técnicas. Funcionou, ata que deixou de funcionar. No día de Reis do ano 2014, as ondas do mar rachárona por un dos lados e os intentos para recuperala non conseguiron resultados.
Máis de 10 anos despois, a pedra volve abalarse. Malia que algunhas persoas aseguran que o conseguiron no pasado, é a primeira vez que se logra con esta magnitude. E todo, a poucos días da romaría da Virxe da Barca de Muxía. Quizais a natureza (e o paso de persoas) fan que pouco a pouco recupere a súa oscilación orixinal. Ou quizais, alguén conseguiu purificar a súa alma.















Gciencia, esa que mostrades non é a Pedra de Abalar. Esa é a Pedra dos Cadrís ( a suposta vela da Barca da Virxe). A barca na que a Virxe se lle apareceu a Santiago, según a lenda.