O ano de dioivo continuo en Galicia que provocou unha gran fame a mediados do século XVIII

Once meses de precipitacións por riba do normal derivaron nunha crise de subsistencia á que seguiron anos de alta mortaldade en Galicia e no norte de Portugal

Un ano de choiva case sen parar. Iso foi o que viviron os galegos entre xuño de 1768 e maio de 1769, nos que as precipitacións estiveron por riba da media en 11 dos 12 meses do ano. O dioivo provocou a última gran crise de subsistencia no noroeste península ibérica que derivou nunha fame que levou por diante a vida de milleiros de persoas nos seguintes tres anos.

A crise de mediados do século XVIII foi analizada, desde unha perspectiva climatolóxica, por un grupo de investigadores EPHysLab da Universidade de Vigo. O traballo, publicado na revista Climate of the Past, editada pola Unión Europea de Xeociencias, aproxímase á anomalía climática que causou a crise agrícola máis grave en Galicia e o norte de Portugal até a data.

Publicidade

Entre xuño de 1768 e maio de 1769, acadáronse valores por riba do normal en todos os meses agás en marzo de 1769. Nese período, no que as choivas tamén afectaron a outras rexións do arco Atlántico, Galicia tivo os dous meses máis húmidos do século: xuño de 1768 e setembro dese mesmo ano.

Os patróns sinópticos atmosféricos dos meses máis chuviosos amosan anomalías negativas tanto na presión a nivel do mar como na altura xeopotencial de 500 hectopascales (hPa) no atlántico nororiental. Un escenario de dioivo que, como apuntan os investigadores, fixo que valgadas situadas ao norte do atlántico impedisen a progresión de anticiclóns.

Publicidade

A análise do acontecido hai tres séculos levouse a cabo empregando datos de paleorreanálise EKF400v2, que recolle información desde o século XVIII ata comezos do XXI. Un exceso de precipitacións que quedou reflectido en documentos históricos como a emisión de rogativas eclesiásticas pro-serenitate, as pregarias desde a Igrexa para rogar ao ceo que deixase de chover e que tiñan a súa contrapartida nas pro-pluvia, enfocadas a pedir auga. Tamén recolleron escritos que testemuñan este período infrecuente de precipitacións, ao que seguiron dous anos (1769 e 1770) nos que se deu un exceso de mortaldade do que da conta a bibliografía histórica.

Estudar o pasado climático para entender o presente

O estudo do pasado climático é un campo cada vez máis explorado desde a ciencia, que comprendeu hai décadas que coñecer o que pasou na historia climatolóxica pode servir para interpretar de mellor forma o que acontece no presente e adiantarse ao que vai acontecer.

“Nas últimas décadas, a comunidade científica ten tomado conciencia da importancia de retroceder no tempo para afondar na nosa comprensión do clima, xa que os rexistros máis extensos permiten interpretacións máis fiables e consistentes do clima”, sinalan os investigadores do estudo, firmado polos membros do Campus Auga da UVigo Maite de Castro, Moncho Gesteira, José González e Nicolás G. De Castro, en colaboración con Juan Taboada, de MeteoGalicia, e o profesor José M. Vaquero da Universidade de Estremadura.

A historia climática permite coñecer o xeito no que as forzas ambientais moldearon os distintos sectores da sociedade, desde os sociais aos económicos. Pero analizar o acontecido antes da era industrial é unha meta moi complexa, pois obriga a empregar datos non sempre técnicos, como, por exemplo, as citadas pregarias eclesiásticas para rogar a Deus que intercedese ante a ausencia ou exceso de precipitacións.

 “A pesar destes desafíos, o estudo dos procesos climáticos históricos ofrece información valiosa sobre a variabilidade climática a longo prazo e axuda a contextualizar as tendencias climáticas modernas e as proxeccións futuras”, sinala o equipo investigador encargado de estudar o gran dioivo que asolou Galicia hai case 300 anos.


Referencia: Assessing the most severe subsistence crisis of the 18th century in the northwest of the Iberian Peninsula: a climatological perspective (Publicado en Climate of the Past).

Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o inverno meteorolóxico empeza o 1 de decembro e o astronómico o 21?

A AEMET explica as razóns polas que as estacións definidas polo clima seguen un criterio fixo diferente ao marcado pola órbita terrestre

Días de treboada, plans de mañá: por que son máis habituais polas tardes?

Galicia entra nunha fin de semana de alerta por tormentas logo dun xoves no que xa caeron máis de 300 raios

Maio marcea: un anticiclón instalado no norte de Europa anticipa un mes frío e de treboadas

Haberá que agardar para que suban as temperaturas en maio, que chegou despois dun abril caloroso e moi húmido

Un tren de borrascas e unha valgada polar traen unha Semana Santa invernal con choiva, frío e ata neve

Unha valgada polar fará caer os termómetros a valores invernais e dúas borrascas atlánticas provocarán choivas a meirande parte da semana