Días de treboada, plans de mañá: por que son máis habituais polas tardes?

Galicia entra nunha fin de semana de alerta por tormentas logo dun xoves no que xa caeron máis de 300 raios

A primavera é época de recuperar as temperaturas agradables, pero tamén é tempo de treboadas. E este mes de maio está a cumprir con este canon. Porque despois dunha primeira fin de semana de mes de descargas eléctricas e intensas precipitacións por momentos, a que arranca este venres volverá a seguir o mesmo patrón. De feito, boa parte do territorio galego terá avisos por treboadas ao longo destes días.

Os episodios tormentosos comezaron xa este xoves, no que os aparellos de Meteogalicia captaron máis de 300 raios caídos, fundamentalmente, en puntos do interior da xeografía galega. Houbo máis, pero a meirande parte dos máis dun milleiro de raios detectados o 8 de maio déronse no mar. Para este venres mantense activa a alerta amarela por treboadas, que se espallarán por toda a provincia de Ourense e o centro de Lugo. O sábado a alerta manterase no interior da Coruña, Pontevedra, no sur de Lugo e no noroeste de Ourense.

Publicidade

Os avisos meteorolóxicos apuntan ás tardes como o momento no que as nubes descargarán con forza sobre a nosa comunidade. Pero, por que é habitual que as tormentas e choivas en primavera acostumen a producirse contra o final do día, e son menos habituais polas mañás?

Unha cuestión de temperatura

A resposta está en que, a medida en que avanza a xornada, o aire da superficie vaise quentando polas temperaturas relativamente cálidas desta época do ano. Isto, unido á humidade que tamén vai cargado o aire, fai que este vaia ascendendo en altura e condensando en capas máis elevadas. Alí entran en contacto co aire frío en altura, un proceso denominado convección que deriva na formación de cumulonimbos.

Publicidade

Estas nubes de tormenta soen atoparse a menos de dous quilómetros de altura e o seu pico pode chegar ata os 20 quilómetros de altitude. Vanse formando ao longo de todo o día, por iso en primavera temos días máis solleiros polas mañás que van tornando en grises ata que contra o final da tarde ou xa na noite, descargan con forza.

Isto é o que está a acontecer nestes primeiros días de maio, nos que un anticiclón situado no norte de Europa mantén a circulación de aire frío en altura e impide a chegada de masas de aire quente que eleven as temperaturas. Por iso, o paraugas continúa a ser un grande aliado nestes días, nos que é mellor planificar as actividades ao aire libre durante as mañás se queremos que a choiva non nos acompañe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía