Alerta por fortes treboadas nos vindeiros días: estas son as zonas de Galicia afectadas

O vento impactará con maior forza nalgúns puntos do litoral aínda que as precipitacións caerán nas franxas do sur e do interior

Dun xoves cun sol radiante a fortes treboadas. Meteogalicia lanzou unha alerta para esta mesma tarde que afecta, sobre todo, ao centro e sur de Galicia. A inestabilidade atmosférica vai en aumento e a choiva chega a practicamente toda a comunidade cunha borrasca que impactará inicialmente no centro e no sur.

A alerta amarela afectará a zonas do interior de Pontevedra e da Coruña, así como o sur de Ourense e de Lugo. Tamén están alertadas por estes chuvascos tormentosos as áreas próximas ao Miño a partir da metade sur de Galicia. Algúns dos concellos afectados serán Santiago de Compostela, Ourense, Lalín e As Pontes de García Rodríguez.

Publicidade

Estas treboadas irán espallándose por toda a provincia de Ourense e tamén cara ao centro de Lugo durante o venres. O sábado a alerta manterase no interior da Coruña, Pontevedra, no sur de Lugo e no noroeste de Ourense.

A borrasca xa chegou á parte sur de Ourense, e nalgúns puntos do sur e do interior de Pontevedra xa se están a rexistrar algunhas precipitacións. Este xoves a choiva non chegará con tanta forza nas zonas do litoral aínda que non se descarta. Os ventos do nordés tamén evitarán que as bategadas cheguen tan ao norte, segundo indican as previsións meteorolóxicas.

Publicidade

Leve descenso das máximas

A fronte entrará nesta tarde do xoves en varios puntos de Galicia sen grandes cambios nas temperaturas. Iso si, as máximas baixarán nas Rías Baixas. Algo máis de frío en Lugo, os valores máis altos descenderán ata os 13 graos no domingo, aínda que irá recuperando a temperatura no medio prazo ata acadar os 19. Un anticiclón situado no norte de Europa é o responsable da circulación deste aire máis frío e que non permite tempos máis próximos aos do verán.

A fin de semana contará, segundo Meteogalicia, con ceos nubrados con chuvascos e tormentas. A dinámica será nestes días parecida á do xoves, cun tempo máis moderado e con menor probabilidade de precipitacións pola mañá e choivas máis intensas pola tarde. Esa fórmula cambiará o domingo, cando as chuvias máis intensas chegarán pola mañá, segundo Meteogalicia. Ese mesmo día, preto das 17:00 da tarde, a situación comezará a mellorar aínda que haberá precipitacións nalgunhas zonas de Galicia ata o martes.

O vento soprará de forma moderada a partir desta mesma tarde. Entre Bares e Fisterra terá maior forza mentres no resto da comunidade será frouxo pero con certa variabilidade. A axencia meteorolóxica galega tamén indica que nesas mesmas zonas e ata Cabo Prior haberá unha forte marusía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía