A poucas semanas de cumprir 85 anos, Kip Thorne mira atrás para repasar os cambios e descubrimentos logrados na física nas últimas décadas, moitos “predicibles” e outros chegados “por sorpresa”. Faino para mirar cara adiante e augurar que os avances tecnolóxicos abren a porta a responder a que, para o nobel de Física en 2017, é a pregunta que máis o intriga: a formación do universo. “Comezamos a ter as ferramentas, tanto tecnolóxicas como observacionais, para responder á pregunta de como se formou o universo nos próximos 30 ou 40 anos”. Un camiño que pasa, de forma inexorable, por manter a forza das universidades como xeradoras de coñecemento e, por tanto, de avance para a humanidade.
É unha das reflexións que o un dos máis importantes científicos vivos deixou nun encontro cos medios de comunicación este xoves en Santiago. Thorne atópase na capital galega como convidado do programa ConCiencia, organizado pola Universidade de Santiago e o Consorcio compostelán desde 2006. E alí, desde o reitorado do Pazo de San Xerome, o físico estadounidense remarcou a necesidade de protexer a universidade, porque o traballo científico que se xera no ámbito académico é insubstituíble.
“Hai un traballo básico que leva moito e tempo e que, se non o fan as universidades, non o fai ninguén”. Unha realidade que preocupa seriamente a Thorne ante un contexto global no que a “estupidez” ou as ansias bélicas de líderes como Donald Trump ou Vladímir Putin poñen en risco a unha sociedade que, ao seu xuízo, perdeu a perspectiva do risco “grave e real” das armas nucleares, algo que si existía na Guerra Fría, como percibiu nos seus anos colaborando con científicos soviéticos ou co pai da bomba atómica estadounidense, Robert Oppenheimer.
“As tecnoloxías do século XXI que son tan importantes hoxe en día, como a intelixencia artificial, a computación cuántica, a criptografía cuántica, as tecnoloxías da ciencia material ou as tecnoloxías biomédicas, foron creadas en centros de investigación universitarios, en laboratorios, principalmente, de Estados Unidos e Europa. E só despois de que a investigación chegase a un nivel de beneficio económico a futuro, as empresas privadas se involucraron”, sinalou Thorne, acompañado este xoves polo catedrático de Física e director do programa ConCiencia, Jorge Mira, e o profesor José Daniel Edelstein, quen introducirá ao nobel na conferencia que impartirá en Santiago o venres a partir das 19,30 horas. Antes, Thorne impartirá unha clase de Gravitación para os alumnos de 4º do grao de Física e visitará a sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), onde exercen varios investigadores que colaboran no proxecto que observou a primera onda gravitacional.

A orixe do universo
De protexer e manter as inversións nas universidades depende poñer luz na que, para Thorne, é maior pregunta á que se enfronta a física nestes momentos: coñecer a orixe do universo. Unha resposta que cre que podería estar preto de chegar, sempre que continúe a desenvolverse o camiño de avances tecnolóxicos que, por exemplo, levou ao proxecto LIGO a detectar a primeira onda gravitacional, prognosticada por Albert Einstein na teoría da relatividade xeral. Un achado científico, dos máis importantes do que vai de século XXI, que valeu para Thorne o Nobel de Física en 2017 xunto cos seus colegas Rainer Weiss e Barry Barish.
40 anos despois da creación do LIGO, que tardaría 31 en observar esa ondulación do espazo-tempo que provocan fenómenos cósmicos masivos como a formación de buratos negros ou a colisión de galaxias, o físico nado en Utah cre que, no campo da física, déronse “grandes cambios e algunhas sorpresas” nas últimas décadas. “Algunhas cousas eran predicibles. Houbo grandes melloras tecnolóxicas e seguirán sucedendo se mantemos a forzas das universidades”. E mira cara ao futuro ca esperanza de que a ciencia descubra a orixe do universo nos próximos anos.
“A pregunta da física que máis me interesa, e que é probable que teñamos a resposta nos próximos 30 ou 40 anos é como se formou o universo, cales son as leis da física que controlan el nacemento do universo. Para min, esa é a maior pregunta, a creación do universo. E agora empezamos a ter as ferramentas, tanto observacional como teoricamente, para responder a esa pregunta nos próximos anos”, cre Thorne.

Para despexar esa incógnita, as ondas gravitacionais son clave porque son a única onda ou radiación “que puido ser creada ao comezo do universo” polo que trae ao presente información desas orixes. “Todo o demais absórbese ou se esconde, perde a súa información cando o universo era moi novo. O universo era tan cálido e tan denso ao principio que a luz non se podía propagar, igual que as ondas de radio, os raios X, os gamma, partículas fundamentais, raios cósmicos ou neutrinos. As ondas gravitacionais son as únicas que teñen este poder penetrante e que poden vir a nós e traernos a información que tiñan no comezo do universo”.
Ademais da información que traen do pasado as ondas gravitacionais, Thorne destaca o traballo dos físicos teóricos, coma el, que tratan de entender as leis da gravidade cuántica que controlan o nacemento do universo e que indagan para que as observacións e experimentos neste eido sexan “completamente consistentes con todas as outras leis físicas”.
Viaxes no tempo e… unha nova película?
A figura de Thorne popularizouse alén do mundo científico hai unha década, cando asesorou e exerceu de produtor executivo de Christopher Nolan no éxito da gran pantalla Interestellar. Confesou que ninguén se lle achegou para preguntarlle polo segredo da xuventude que acada o protagonista ao viaxar por un burato de verme pero que si que lle teñen cuestionado sobre a posibilidade de viaxar atrás no tempo para cambiar a historia.
“Hai moitas persoas que viviron algún suceso traumático, como a morte de algún ser querido, e desesperadamente queren volver atrás no tempo e cambiar a historia. Temo que non podo axudalos“, dixo Thorne, compañeiro durante anos de Stephen Hawking, con quen se aproximou á idea das viaxes cara ao pasado. “Stephen mais eu tivemos moitas discusións sobre isto”, sinalou, para logo apuntar a teoría de Hawking de que unha máquina deseñada para viaxar atrás no tempo explotaría no momento en que fose activada para “manter ao universo a salvo para os historiadores de todas as especies”.
“O único que sabemos é que a tecnoloxía para volver atrás no tempo, se é posible, está moi moi lonxe de calquera capacidade humana”, engadiu Thorne, quen hai anos anunciou que traballaba nunha idea para levar ao cine xunto con Hawking e a produtora Linda Obst, a súa “esposa de Hollywood”, finada hai meses. Celoso de desvelar detalles, algo que di ter aprendido de Nolan, confesou en Santiago que pretende levar a idea a unha novela de ciencia ficción que, quen sabe, podería chegar despois á gran pantalla. “Creo que isto nunca llo dixera á prensa”, chanceou.
“Trump destrúe os lugares onde se incuba a ciencia”
“Trump pretende destruír os lugares onde se incuba a ciencia do século XXI”. Así de rotundo se amosou Thorne, quen cre que é o momento das democracias e, en concreto, dos países europeos de redobrar os esforzos na ciencia e no coñecemento para plantar cara á guerra declarada pola administración Trump contra a investigación e as universidades nos Estados Unidos, unha teima que ve froito da “estupidez” do republicano e que, ao seu xuízo, provocará unha fuga de cerebros que compara co que aconteceu na Segunda Guerra Mundial cara aos Estados Unidos.

“Está tratando de destruír as universidades porque que as ve como beneficiarias de grandes sumas de diñeiro do goberno que non achegan ningún retorno máis que combater a propaganda da súa forma de facer política. As cousas que fai Trump son extremadamente perigosas para o futuro dos Estados Unidos e o futuro do mundo libre. Non se da conta que está destruíndo a semente da tecnoloxía do século XXI”, sinalou.
Por iso, cre que Europa ten a responsabilidade de acudir ao rescate. “É unha necesidade desesperada para nós, nos Estados Unidos, que en Europa aproveiten esta oportunidade e invistan en fortalecer as súas universidades”. Para Thorne, Europa pode beneficiarse deste contexto como fixo o seu país para desenvolver a investigación e, en concreto, a física grazas aos refuxiados, na maioría xudeus, que chegaron a terras norteamericanas polo conflito bélico.
Unha responsabilidade que recae nas costas dos países europeos que se suma, segundo o científico, na necesidade de enfrontar a ambición de Putin de “recrear o imperio ruso”. “De novo, as nacións europeas democráticas son cruciais para o mundo”, opina o físico teórico, que cre que non existe unha sensibilización social ante o problema que representa unha guerra nuclear, unha posibilidade “real”.
Thorne, que traballou con científicos soviéticos desde os anos 1960 ata a caída da cortina de ferro, considera que se esqueceu o respecto ás armas nucleares que si existía durante os anos da Guerra Fría. “Os que inventaron as bombas americanas e rusas eran conscientes do perigo. Tamén a poboación daquel tempo. Pero agora hai unha nova xeración que non o ve”.
Deste xeito, o nobel sinala que aí, nas ambicións dos líderes globais, están os verdadeiros riscos para a humanidade, e non nos perigos que poida traer o desenvolvemento das novas tecnoloxías e, en concreto, a intelixencia artificial. Porque ese desprezo cara o saber cuestiona o avance do coñecemento, un proceso no que, como aprendeu do seu mentor Richard Feynman, “non importa moito cal é o punto de vista correcto” porque “todos son útiles”. “E iso é o que debería ser importante para un científico”.