Que historia ocultan as rochas? Unha nova páxina web galega ten a resposta

A iniciativa Xeogalicia ofrece artigos, mapas, guías e recursos educativos para achegar a xeoloxía de Galicia a todos os públicos

Galicia posúe unha extraordinaria diversidade xeolóxica. As súas montañas, vales, rías, praias, cantís e outras formas da paisaxe son o resultado dunha complexa historia xeolóxica desenvolvida ao longo de millóns de anos, aínda que boa parte deste coñecemento permanece restrinxido ao ámbito científico ou especializado. Con este punto de partida nace Xeogalicia, un proxecto de divulgación científica impulsado polo xeólogo e investigador da Universidade de Vigo Ángel Enrique López Pérez, que pretende achegar as Ciencias da Terra a un público amplo e ofrecer ferramentas para comprender mellor a xeoloxía que hai detrás das paisaxes galegas.

A iniciativa toma forma a través dunha páxina web que xa se pode visitar —aínda está en desenvolvemento— e que contará con artigos de divulgación, explicacións de conceptos xeolóxicos, un dicionario de termos, guías xeolóxicas, mapas e recursos educativos, así como contidos dedicados a lugares concretos de interese xeolóxico. Entre estes últimos destacan os Xeolugares, unha proposta orientada a descubrir espazos do territorio galego e interpretar as rochas, estruturas e procesos que explican a súa configuración.

Publicidade

Así, Xeogalicia aposta por unha divulgación científica rigorosa pero accesible, empregando unha linguaxe próxima e comprensible para explicar conceptos, procesos e fenómenos xeolóxicos que forman parte da realidade cotiá. “Entender a xeoloxía é entender o territorio”, explica López Pérez, e engade que “moitas veces pasamos diante dunha rocha, dunha praia, dun cantil ou dunha determinada forma do relevo sen saber que historia nos está contando».

Da divulgación á conservación

Un dos obxectivos fundamentais é contribuír ao coñecemento, valoración e conservación da xeodiversidade e do patrimonio xeolóxico de Galicia. A xeodiversidade comprende a variedade de elementos xeolóxicos, xeomorfolóxicos e edáficos dun territorio, así como os procesos que os orixinan e transforman ao longo do tempo. É unha parte esencial do patrimonio natural e contribúe a definir a identidade e a paisaxe dun territorio.

Publicidade

Moitos destes elementos constitúen auténticos arquivos da historia da Terra. As rochas rexistran procesos que ocorreron hai millóns de anos; e as estruturas tectónicas e as formas do relevo axudan a reconstruír a evolución xeolóxica de Galicia. A perda ou destrución irreversible destes elementos supón, polo tanto, a desaparición dunha parte do rexistro da historia xeolóxica do territorio. “É difícil valorar e defender aquilo que non coñecemos. A divulgación pode axudar a que a sociedade recoñeza o valor da xeodiversidade e entenda que a conservación do patrimonio natural tamén inclúe a súa dimensión xeolóxica“, subliña o investigador.

Xeoloxía para toda a sociedade

O proxecto está dirixido tanto ao público xeral como ao ámbito educativo, con contidos destinados a estudantes, profesorado, afeccionados ás Ciencias da Terra e a todas aquelas persoas interesadas en coñecer mellor Galicia. A iniciativa busca tamén facilitar recursos que poidan ser empregados en centros educativos e actividades de divulgación, así como establecer colaboracións con universidades, concellos, entidades culturais e ambientais e outras organizacións relacionadas coa educación científica e a conservación do patrimonio natural. “Galicia ten unha historia xeolóxica extraordinaria e unha enorme diversidade de paisaxes. O noso propósito é contribuír a que esa riqueza sexa máis coñecida e valorada, e que a sociedade poida comprender que tamén forma parte do patrimonio natural“, conclúe López Pérez.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía