O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a comunidade rexistrou no mes de xaneiro unha precipitación media un 98% superior aos valores habituais neste período. En concreto, a precipitación media acumulada para a serie histórica que abarca dende 1961 a 2026 foi de 290 l/m2. Segundo os datos rexistrados en 16 estacións meteorolóxicas, supón case o dobre dos valores climáticos normais. Deste xeito, pode considerarse un mes moi húmido e o oitavo xaneiro máis húmido desde que hai rexistros.
Este período caracterizouse pola continua chegada de borrascas desde o océano Atlántico, sendo Francis, Goretti, Ingrid e Joseph as que máis afectaron a Galicia. Así, as dúas últimas motivaron mesmo a activación de avisos vermellos. No caso de Ingrid, os días 22 e 23, foi no mar, mentres que as precipitacións causadas pola borrasca Joseph provocaron a activación dese aviso no interior de Pontevedra por acumulación o día 26. Neste caso foi, ademais, a primeira vez que MeteoGalicia activou un aviso vermello por precipitacións.
Máis polo miúdo, os acumulados máis altos rexistráronse nas serras litorais e, sobre todo, no oeste e suroeste da provincia da Coruña con valores de entre 550 e 700 l/m2. En contraste, a menor cantidade de precipitacións, por debaixo dos 100 l/m2, rexistrouse en zonas de val do leste da provincia de Ourense.
Pola contra, as temperaturas non presentan anomalías moi significativas. A temperatura media para a serie rexional foi de 8,3 grados, 3 décimas por riba do valor habitual segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas. Estes rexistros fan que o mes de xaneiro se poida considerar normal en canto ás temperaturas.














