Galicia é unha das comunidades máis punteiras en ciencia, con centros de referencia en física de partículas, tecnoloxías intelixentes, biotecnoloxía e protonterapia. Porén, para que a investigación desenvolvida nestes ámbitos poida saír da universidade e chegar ao mercado, é imprescindible contar con investimento. Con este obxectivo nace o evento Investir en Ciencia, organizado pola empresa de capital de risco Unirisco e pola sociedade xestora de entidades de investimento dependente da Xunta, XesGalicia. Os días 11 e 12 de febreiro, Santiago de Compostela acollerá a cuarta edición deste encontro, que busca afondar no ecosistema de investimento en ciencia e tecnoloxía deeptech. Para coñecer máis detalles sobre as xornadas, falamos con Inmaculada González Cuervo, directora de Unirisco e unha das organizadoras do evento.
—O evento Investir en Ciencia nace para concienciar sobre a importancia de investir en ciencia e tecnoloxía. Que pensa que aínda non se entende ben, a nivel social e empresarial, sobre este tipo de investimento?
O primeiro é a necesidade de investir en ciencia, porque non cae do ceo e require esforzo tanto intelectual como económico. Temos que ser conscientes de hai que sacar estes proxectos, desenvolvelos, maduralos e levalos ao mercado. Os emprendedores científicos e tecnolóxicos teñen patentes, boas ideas e un coñecemento técnico excelente, pero non contan cos recursos empresariais comercializar os seus descubrimentos, e iso é o que precisan. Isto é o que hai que visibilizar: investir en ciencia é responsabilidade de todos, non só dos estados ou das grandes farmacéuticas.
—Esta IV edición consolídase como un punto de encontro do ecosistema de transferencia. Cal será o seu eixo principal?
Este ano temos varios enfoques. Por unha banda, a soberanía tecnolóxica e, por outra, unha aposta clarísima polo aeroespacial e a conversión cara ao sector da seguridade. No eido da saúde, imos falar do novo Centro de Protonterapia, as terapias inmunolóxicas e as CAR-T. Na parte transversal poremos especial foco na factoría de intelixencia artificial que é Galicia, xunto aos principais axentes implicados neste desenvolvemento, para amosar á sociedade a importancia do que imos facer e para que. Temos unha gran responsabilidade ao desenvolver toda esta actividade.
Imos contar coa Axencia Espacial Europea (ESA) e outros axentes moi importantes do ecosistema, como o peche de ouro coa participación de Cristina Garmendia, un referente como emprendedora, investidora e científica. Tamén participan tres fundacións e asociacións que son un referente: a Asociación Española contra o Cancro, a Fundación Stop Leucemia e a Fundación Damián Rodríguez Olivares (DRO).
—Que novidades terá o encontro de 2026 respecto a edicións anteriores?
Este ano é a primeira vez que imos visitar o Centro Singular de Investigaciónó en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que é moi pioneiro e único. Outra cousa que nunca vin en ningún outro evento sectorial ata a data e que trouxemos a esta xornada é tratar saída dos investidores e das futuras empresas. Temos unha mesa o día 11 pola tarde que se dedica a falar sobre que das spin-offs se sae. É un diñeiro paciente, pero en España hai unha situación complicada para ese mercado secundario e deixar que os investidores poidamos ir cara a novos proxectos. Esta é unha das dificultades cando imos buscar diñeiro aos nosos capitais de risco: o que preocupa é saber que retorno ten, aínda que sexan moitos anos despois, cando e como. Isto é moi importante, e por iso imos dedicar toda a tarde ás opcións, a como preparalo e sendo conscientes de que os investidores estamos un tempo, non para sempre.
—Nun contexto económico complexo, que papel xoga o evento Investir en Ciencia para conectar ciencia, capital e mercado de forma efectiva?
Estes espazos son necesarios para poder falar, debater e crear unha rede de networking no que podan manifestarse tanto investigadores como xestores de innovación ou axentes de transferencia nun ambiente desenfadado, agradable, pero non exento de rigor. Por moito que exista LinkedIn, o poder mostrar, comentar, compartir opinións e puntos de vista ten un alto valor. Unha das claves deste evento é precisamente o networking, que se orixina cunha alta calidade de poñentes e asistentes, e é unha oportunidade para que investigadores, emprendedores e administracións convivan nun mesmo espazo.
—Dende a súa experiencia como directora de Unirisco, que oportunidades concretas ofrece hoxe Galicia para o investimento en ciencia e tecnoloxía?
Neste evento nacional mostramos con detalle todas as capacidades e o potencial que ten Galicia. O máis destacable que ten é un dos ecosistemas máis cohesionado que eu vin xamais en ningún lugar: noutros sectores non se ve a investigadores, institucións públicas, nacionais e rexionais, e empresas tan aliñados. Tamén temos un talento investigador incrible. Sen ir máis lonxe, no informe presentado polo Mobile World Congress no estudo das spin-off, a Universidade de Santiago sae como a cuarta universidade produtora destas empresas. En Galicia temos unha produción e emprendemento científico enormes. Hai referentes mundiais en investigación punteira como o doutor Carracedo ou María José Alonso, e tantísima xente que sería imposible mencionar. O nivel que temos de desenvolvemento tecnolóxico e instalacións é moi destacable.
—Acaba de recibir o Premio Entalpía na categoría de Transferencia Tecnolóxica. Que significado persoal e profesional ten este recoñecemento e como pensa que axuda a visibilizar a importancia da transferencia de coñecemento ao mercado?
Para min foi unha honra enorme. Son bióloga de vocación, empresaria e xestora de empresas dende hai moitos anos. Polo tanto, afondar nunha vocación científica xunto ao coñecemento, amor e paixón que teño polo mundo empresarial é unha honra. O que podo achegar é o foco na transformación que estamos a realizar sobre Galicia, porque eu son galega e Unirisco é unha empresa tremendamente galega. Tamén queremos amosar e pór en valor a nosa iniciativa, xa que moita xente non sabe o que facemos e, se non o saben, non poden colaborar, axudar ou impulsar. Esta é unha das cousas máis importantes para nós.
Podes inscribirte nas xornadas Investir en Ciencia na seguinte ligazón.














