África González: “Deseñamos unha nova terapia CAR-T contra os cancros de páncreas e estómago”

A catedrática da UVigo acaba de ser galardoada co Premio María Josefa Wonenburger polas súas contribucións ao eido da inmunoloxía

África González é unha das científicas máis recoñecidas en Europa no eido da inmunoloxía. A súa voz soou clara e potente durante a pandemia por covid-19, cando se converteu nun altofalante de información veraz e fiable nun momento en que as noticias falsas circulaban a unha velocidade imparable. Constituíu con esforzo a área de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo), onde chegou en 1996 para quedar. Aínda que naceu en Alcalá de Henares (Madrid), recoñece que xa é galega de adopción.

Agora, o seu traballo incansable para a ciencia galega, europea e internacional recibe o recoñecemento da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Acaba de ser galardoada co Premio María Josefa Wonenburger 2025, un galardón que pon en valor as científicas que traballan a prol da ciencia galega. Falamos con ela dos seus comezos en Vigo e dos grandes avances da inmunoloxía nas últimas décadas.

—Moitos parabéns polos premio. Como recibiu a noticia?

—Estou moi contenta, pero este premio non é individual, senón colectivo. É para a gran familia da inmunoloxía en Vigo. Sinto que é un recoñecemento ao labor destes anos e da xente que estivo e está comigo no equipo.

Publicidade

—Vostede chegou a Vigo en 1996.

—Exacto, si. Eu son de Alcalá de Henares e incorporeime á Universidade de Vigo despois de facer un posdoutoramento en Inglaterra. Xa levo aquí case 30 anos.

—Como foron os comezos?

—Foron difíciles. A universidade levaba pouco tempo e a área de Inmunoloxía era nova. Funme a Inglaterra para que me deran material que xa non usaban, como axitadores e micropipetas. As casas comerciais tamén me proporcionaban produtos caducados. Eu intenteino, pero os comezos sempre son complexos. Incluso merquei libros co meu propio peto. Pero fomos medrando, somos a única área de Inmunoloxía das tres universidades galegas, xa hai varios profesores titulares de área e temos un grupo de investigación que xa é unha familia.

É un premio colectivo para a gran familia da inmunoloxía en Vigo

—Cales foron os grandes fitos no eido da inmunoloxía nos últimos 30 anos?

—Se hai unha área na que se viu un enorme cambio e unha enorme progresión esa é, sen dúbida, a inmunoloxía. A xente xa sabe o que é. Sóanlle os linfocitos, o timo… e non soamente pola covid, senón sobre todo pola inmunoterapia, que marcou un antes e un despois. Os novos métodos de diagnóstico tamén nos permiten coñecer mellor as enfermidades. Cando unha persoa recibe un tratamento biolóxico estamos a falar de anticorpos monoclonais.

Nos últimos anos naceron terapias máis dirixidas e personalizadas como a terapia celular, as CAR-T, as vacinas… Isto demostra algo que eu xa sabía: a importancia que ten o sistema inmunitario. Podemos modificalo e manipulalo no noso propio beneficio para tratar moitas enfermidades, sobre todo autoinmunitarias, pero tamén o cancro. c.

 —A covid levou a ciencia aos fogares de maneira xeneralizada, incluídos os conceptos básicos de inmunoloxía. Pero hoxe, cinco anos despois, xa non é unha ameaza.

—Non, non supón ningunha ameaza, pero o coronavirus continúa e continuará circulando. É un virus que se integrou con nós e é probable que siga infectando, sobre todo a persoas vulnerables, que é nas que temos que poñer o foco da vacinación. Nas demais non, porque xa é un virus coñecido para o noso sistema inmunitario.

—En definitiva, chegou para quedar.

—Exacto. Non é un virus estacional e, polo tanto, poderemos velo en verán cando haxa máis movemento da poboación. Imos continuar tendo covid.

As posibilidades da inmunoterapia son enormes

—Talvez o que máis preocupe agora é a gripe. A tempada adiantouse en Galicia e xa se están rexistrando as primeiras hospitalizacións. Como é a vacina deste ano?

A gripe adiantouse. Estanse rexistrando bastantes casos e isto adoita asociarse a cambios de temperatura. Con esta onda de frío, é habitual que ocorra. Así que nesta tempada imos ter gripe e virus respiratorio sincitial. En canto á vacina, a OMS detectou que unha das cepas de gripe, a B, xa non está circulando. Retirárona das vacinas, que este ano son trivalentes: para dúas cepas de gripe A e unha de gripe B.

—Como se prevé a tempada de gripe? Será máis virulenta que outros anos?

—Aínda é pronto para sabelo. Iso adoita estar máis relacionado cos cambios do propio virus e que a cepa sexa diferente á que se empregou para a vacina. Se agora hai máis hospitalizacións é porque acaba de comezar o pico da gripe, pero é pronto para valorar a súa intensidade.

—A gripe poderá provocar a próxima pandemia? A gripe aviaria está facendo soar as alarmas, aínda que o risco para os humanos, agora mesmo, é moi baixo.

—As pandemias de gripe adoitan producirse cada 35 ou 50 anos e tivemos moitas ao longo da historia. Unha das máis letais foi a de 1918. A partir de aí tivemos a da gripe A, que non provocou tanta mortalidade como inicialmente se pensaba. Pero para ter unha pandemia de gripe precísase que haxa unha recombinación entre virus. Por exemplo, os porcos poden infectarse do virus da ave e recombinarse. Despois, eses dous virus recombinados poden xuntarse co virus humano. Así se podería crear unha especie de virus Frankestein que tería unha parte do virus do porco, do aviario e do humano. E son estes os que adoitan producir grandes pandemias.

O importante non é só controlar o virus da gripe en humanos, senón tamén o que circula en porcos e aves. Por iso é tan importante o control da gripe aviaria. É difícil que salte directamente ao humano, pero se hai moita gripe aviaria tamén pode haber unha maior probabilidade de recombinación con outros virus da gripe que infectan a outros animais, como o porco. Cada vez imos vendo que as zoonoses poden saltar tamén aos humanos e por iso precisamos controis tanto en persoas como en animais.

—Máis alá das infeccións respiratorias e das súas correspondentes vacinas, cada vez fálase máis das vacinas contra o cancro. En que punto está a investigación ao respecto?

—Estase avanzando bastante. Hai un par de anos que se impulsaron ensaios clínicos con vacinas semellantes ás que nos puxeron para a covid, é dicir, vacinas de ARN. Estanse empregando tamén para o cancro de páncreas e mostraron moi bos resultados, pero en poucos pacientes. É un comezo. Tamén se están intentando facer vacinas personalizadas cos derivados do tumor do propio paciente para activar o seu sistema inmunitario, así como vacinas máis xerais con proteínas que se expresan en distintos tumores.

É certo que se está avanzando, pero non tan rápido como nos gustaría. O desenvolvemento máis impresionante produciuse realmente cos anticorpos monoclonais e coas terapias CAR-T. Dentro da inmunoterapia estanse probando distintas opcións e unha delas é a vacina.

—Está a ciencia enfocándose na cronificación do cancro? Talvez é máis complicado conseguir unha cura.

—Cada cancro é un mundo. Hai moitos que curan e outros que se cronifican. Hai persoas que incluso tiñan metástase, ás que lle deron poucos meses de vida e hoxe en día levan anos coa enfermidade. O tumor segue aí, si, pero o paciente fai unha vida practicamente normal.

O importante non é só controlar o virus da gripe en humanos, senón tamén o que circula en porcos e aves

Nalgúns tumores a cura está clara, como algunhas leucemias en nenos. Hai cancros que se se detectan pronto teñen unha boa evolución. Esa detección temperá pode permitir que se eliminen simplemente con cirurxía ou con determinados tratamentos. Pero naqueles casos nos que a enfermidade está moi avanzada, o que podemos facer é facer que avance moito máis despacio. Iso tamén dá tempo a que aparezan nodos tratamentos. Hai persoas que levan máis de 10 anos cun tumor, que foron recibindo diferentes fármacos e gañaron tempo de vida. Tempo e calidade. Porque o que tamén estamos intentando é que os medicamentos sexan cada vez menos tóxicos, máis dirixidos e máis personalizados. Hai quimioterapias que son moi agresivas.

—Vostede estuda o cancro de páncreas, un dos máis letais e para os que hai pouca esperanza cando se diagnostica. En que punto está a súa investigación?

—O páncreas está detrás do estómago e cando dá a cara adoita ser tarde. Compórtase dunha forma un pouco diferente a outros cancros e, ademais, ao non ser tan frecuente como outros cancros, investigouse menos.

Nós estamos intentando abordalo dende diferentes puntos de vista. Un deles son os fármacos inhibidores epixenéticos. Tamén estamos tratando de bloquear a coiraza de estroma que ten arredor porque realmente é como unha muralla impenetrable á que non chegan ben os fármacos nin a inmunoterapia. Tratamos de facer buratos nese muro para que a medicación chegue. Estamos xa traballando con modelos preclínicos e está funcionando ben.

Tamén deseñamos unha terapia CAR-T contra os cancros de páncreas e de estómago en colaboración co Centro de Terapias Avanzadas e co Hospital Clínic. Acabamos de pedir unha patente europea. Os dous tipos de tumores expresan unha molécula que se chama claudina e estamos intentando eliminar o cancro con anticorpos e células modificadas.

—Manda vostede unha mensaxe de esperanza. O cancro de páncreas é moi letal, pero están investigando.

—Si, é o que intentamos. Pero a xente debería entender que a investigación leva moito tempo… e diñeiro. O problema de financiamento é moi, moi importante. Nós queremos facer agora un ensaio clínico que custa aproximadamente dous millóns de euros. Nós podemos ter un produto estupendo, pero se non temos cartos non o imos poder levar aos pacientes.

—As comparacións son odiosas pero talvez xere frustración ver canto se avanzou coa covid nun ano e o lentos que son algúns avances en cancro. Pero o cancro son moitas enfermidades distintas…

—Exacto. A investigación abre camiños e, ás veces, eses camiños non te levan a ningún lago. Por iso hai que publicar e difundir o que se fai. Pero toda a investigación é positiva e hai que financiala ben.

—En que consiste o ensaio que queren levar a cabo?

Queremos realizar un CAR-T académico, é dicir, que non estea liderado pola industria. E queremos realizalo no Centro de Terapias Avanzadas en Galicia. Fixémolo dende aquí e queremos facelo aquí. Se un CAR-T rolda os 300.000 euros, os de tipo académico poden estar entre os 80.000 e os 90.000 euros. Iso permite un mellor acceso e maior número de pacientes. Pero, para iso, primeiro temos que probar que a terapia funcione. Os ensaios clínicos son fundamentais para demostrar que as terapias son eficaces.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A inmunóloga África González, premio Wonenburger 25

A Xunta outorga o galardón á catedrática da UVigo polo seu labor nas ciencias biomédicas e na nanomedicina

O frío adianta a tempada de gripe en Galicia: o que debes saber ante o aumento de casos

As hospitalizacións aumentan a 182 na última semana mentres o goberno galego activa medidas do Plan sanitario de inverno ante a aparición temperá de virus respiratorios

Que son as CAR-T, as terapias que ofrecen unha esperanza a 250 galegos

O innovador tratamento modifica xeneticamente os linfocitos T e os devolve ao corpo de forma que poidan loitar contra varios tipos de cancro e enfermidades raras

A Xunta inviste 100 millóns de euros en terapias CAR-T para tratar o mieloma múltiple

O cancro que se produce na médula ósea é a segunda neoplasia hematolóxica máis habitual en Galicia