A revolución silenciosa das traídas veciñais: Pontevedra transforma o abastecemento no rural

Un plan de axudas da Deputación promove a modernización e reforzamento das entidades que xestionan recursos hídricos

A auga é un elemento indispensable nas nosas vidas e como parte da nosa economía. Porén, o cambio climático converteuse nunha ameaza para este recurso esencial. Nos últimos anos, diversos factores externos como as condicións meteorolóxicas están a provocar que sexan máis frecuentes as secas. Ante a crecente preocupación por esta situación, os expertos poñen o foco na xestión do subministro. Neste aspecto, o labor das comunidades de augas é imprescindible e o estado das infraestruturas, crucial para minimizar as perdas no proceso. Desde 2023, un novo investimento desde a Deputación de Pontevedra de máis de catro millóns de euros permitiu que se atendesen 600 solicitudes para mellorar o acceso á auga na provincia.

O investimento canalizouse a través de dous programas concretos, +Aqua e +Novaqua. As medidas forman parte do chamado plan de Acción Comunitario, dividido en tres bloques. “En principio eran só +Aqua e plan Provincia Comunitaria”, explica Javier Touris, deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos, Fondos Europeos e Estación Fitopatolóxica Areeiro. Porén, no último ano ampliouse coa proposta de +Novaqua.

Publicidade

Mellorar as traídas

Por un lado, porque a través da liña de +Aqua permiten financiar actualizacións, melloras e reparacións das instalacións de captación, potabilización, tratamento e almacenamento da auga nas traídas. Isto permite mellorar a eficiencia e que se perda a menor cantidade de auga no proceso e favorecer a súa calidade, así como estender a capacidade das tuberías. Ademais, fai estes sistemas máis sostibles e baixo niveis máis estritos de eficiencia enerxética. “É algo que permite poñer clorímetros, maquinaria… Hai comunidades de auga que xa son realmente punteiras e detectan a fuga telematicamente“, destaca.

Inicialmente, estas actuacións estaban dotadas con 1 millón de euros, pero a súa boa acollida fixo que se ampliase ata os 1,6 millóns, de tal forma que se pode atender a un total de 173 comunidades de augas con achegas de entre 6.000 e 10.000 euros. Na edición deste ano, visto o éxito da anterior, decidiuse duplicar as axudas para favorecer estes colectivos.

Publicidade

Máis comunidades de augas rexistradas

Porén, outro dos problemas que se estaba a dar coas traídas de augas eran as complicacións para os grupos que queren xestionalas pero que aínda non dispoñen dunha concesión e necesitan legalizar a súa situación. Porque unha parte imprescindible para que este recurso chegue ás billas de todos os fogares en Galicia é a participación das comunidades de augas, grupos de veciños que axudan a soster o sistema. Por iso, o seu proceso para estar rexistradas é constituírse como comunidades e acadar unha concesión. “Unha vez que queres legalizar unha comunidade os custos son moi elevados, de entre 4.000 e 6.000 euros entre facer o proxecto, as analíticas, publicacións, permisos…”, recorda Touris.

Para facilitar esa participación, o ano pasado a Deputación creou unha nova liña de axuda vinculada: +Novaqua. Está deseñada para financiar diversos custos: os de redacción do proxecto, os das analíticas, de topografía, notariais… A súa recepción por parte das novas comunidades fixo que se triplicase o crédito inicial para acadar os 300.000 euros. En total, xa beneficiou a 61 comunidades das 85 presentadas.

“A verdade é que a acollida foi espectacular, facía moita falta este tipo de axuda para mellorar a calidade de vida destes veciños“, asegura Touris. As 24 comunidades restantes só terán que esperar porque, coa intención de non deixar a ninguén atrás, ampliouse ata os 340.000 euros.

Premios +Aqua

Desde a Deputación aseguran que Pontevedra se sitúa como un referente nacional en canto a políticas de auga. Algo no que tamén ten moito que ver o traballo dos técnicos e das comunidades de veciños que dedican o seu tempo a avanzar na captación desas traídas de auga para mellorar a calidade de vida das vilas da zona. Ademais, un programa complementario propón a creación da oficina +Aqua e un observatorio sobre a xestión da auga no ámbito rural. Ademais, prevese a creación dos Premios +Aqua, dotados de 12.000 euros. A idea é que se permita recoñecer o labor desas comunidades que buscan innovar e mellorar a calidade de auga de cara ao consumo humano.

A auga é un recurso esencial e limitado. De aí que o seu coidado sexa esencial e que como patrimonio social, ambiental e económico debe traducirse en axudas que protexan este elemento crucial para a vida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pontevedra prepárase para a eclipse de agosto cunha rede de observación integrada por 42 concellos

O proxecto ‘Baixo o Ceo das Rías Baixas’ impulsa o astroturismo e promove espazos organizados para seguir o fenómeno astronómico do ano

Cando a auga deixa de ser o único fogar das biomoléculas

O químico Adrián Sánchez, distinguido co Premio María Miguel 2026 da ECIS, estuda como os disolventes eutécticos poden modificar o comportamento de proteínas e ácidos nucleicos

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino