Cal é o risco de seca ou inundación no teu concello en 2050? Consúltao neste mapa

Un atlas internacional reflicte os niveis dos riscos hídricos a nivel mundial e local tanto da actualidade como as previsións de futuro

Galicia corre un serio perigo de inundacións, seca ou maior eutrofización da auga. A auga potable é un elemento esencial para a vida do ser humano, xa sexa en ámbitos como a nutrición, a industria, a agricultura ou mesmo a produción de enerxía. O cambio climático e a mala xestión están a agravando os problemas relacionados con este recurso e os riscos hídricos son un problema que a sociedade precisa tratar con urxencia, segundo advirten os expertos. Para poder afrontalos é preciso identificalos e grazas a un mapa internacional creado polo Instituto de Recursos Mundiais (World Resources Institute, WRI) pódese consultar en que niveis de ameaza se atopa o territorio galego.

O WRI é unha organización de investigación ambiental que vén de publicar unha nova actualización da súa plataforma Aqueduct. Dentro das catro ferramentas que contén, unha delas é un mapa interactivo con datos actuais e previsións de futuro sobre os riscos hídricos a nivel mundial e local. Acorde ao seu estudo, ata 4.000 millóns de persoas están expostas a estrés hídrico, que mide a relación entre a subministración e demanda total da auga. Prevese que esta última poida crecer ata un 30% para 2050, mentres o cambio climático agrava o problema, intensificando as inundacións e as secas, modificando os padróns das chuvias e aumentando o nivel do mar.

Publicidade

Datos actuais e previsión de futuro

Dividido en tres indicadores principais, cantidade, calidade e de reputación, o mapa interactivo permite consultar factores como o estrés hídrico, a escaseza de auga, o risco de inundacións fluviais ou costeiras e perigos de seca. Algúns destes parámetros —como o abastecemento, demanda ou esgotamento da auga— tamén se plasman con perspectiva de futuro, con previsións para 2030, 2050 e 2080 en escenarios normais, optimistas ou pesimistas.

Este mapa indica para o territorio galego un risco medio e alto de sufrir estrés hídrico, inundacións fluviais, secas e eutrofización. Se ben os datos actuais que relacionan a demanda e a disposición de auga en Galicia reflicten un perigo baixo-medio, para o ano 2030 este parámetro crecerá un nivel nas zonas do interior da comunidade, afectando sobre todo á provincia de Ourense, boa parte do interior de Lugo e o sureste de Pontevedra. Nun escenario normal, o perigo aumentará para 2080 aínda máis en todo o territorio, salvo para os concellos pontevedreses das Rías Baixas e a área dos Ancares. Para estas datas, as comarcas da Baixa Limia, Limia, Verín e Viana sufrirían un alto risco de estrés hídrico.

Publicidade

Con respecto ás inundacións fluviais, o mapa do WRI reflicte un perigo medio-alto de que a poboación galega se vexa afectada en case todo o territorio, salvo nas Rías Baixas pontevedresas e en parte das comarcas do Deza, Arzúa e Santiago, cuxo nivel é baixo. Pola contra, a veciñanza da Fonsagrada e dos Ancares estaría nun risco alto de verse prexudicada polos asolagamentos causados polos rios.

Alto risco de eutrofización

Por outro lado, a ameza de sufrir secas no territorio galego hoxe en día está valorada por Aqueduct cun rango baixo-medio e medio, sendo máis acusado na franxa central da provincia de Lugo, o suroeste de Pontevedra e en todo Ourense. Dentro da visión de futuro do mapa, o instituto sinala un risco baixo-medio de padecer esgotamento de auga en Galicia, salvo nas comarcas da Baixa Limia e Limia, cuxo parámetro sería medio-alto de cara a 2080.

No que respecta á eutrofización, WRI sinala un risco medio na meirande parte da comunidade, sendo máis alto nas comarcas de Verín e Viana do Bolo e agravándose aínda máis na Baixa Limia e na Limia. Este parámetro indica un exceso de nutrientes na auga, o que crea condicións máis favorables para o crecemento descontrolado de organismos, descenso do osíxeno, perda de calidade e aparición de toxinas.

Niveis de risco de eutrofización en Galicia na actualidade. Foto: Aqueduct, WRI.
Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As mulleres da resistencia antifranquista: a historia que as aulas galegas deben rescatar

A cooperativa Mazarelos publica unha unidade didáctica que explora os procesos de represión e as experiencias das protagonistas a partir da documentación histórica

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Unha masa de aire moi cálido sobe ata 10ºC as temperaturas en Galicia na ponte de decembro

O desprazamento do anticiclón das Azores traerá valores inusuais xunto a chuvias persistentes e forte mar de fondo en toda a costa