Estes son os beneficios de non gañar a lotería de Nadal

Varios estudos analizan os impactos dos cuantiosos premios do sorteo que teñen nas rexións afortunadas, máis alá dos propios vencedores

A lotería de Nadal é unha tradición de preto de 200 anos que xa forma parte da cultura española, como os seus coñecidos anuncios nos lembran cada ano. 

O sorteo está considerado como un dos maiores eventos de azar do mundo, polos seus cuantiosos premios e a alta participación: estímase que xoga un 75% da poboación española, segundo un estudo publicado este ano pola Universidade de Cambridge. 

A lotería como experimento económico 

Hai varias peculiaridades que converten a Lotería de Nadal nun fenómeno económico con interese para o seu estudo: o gran tamaño e cantidade de premios, a agrupación de premios entre individuos dunha mesma provincia e o alto nivel de participación.  

No sorteo hai 100.000 números con cinco díxitos, e divídense en décimos que se adoitan compartir tradicionalmente entre amigos ou familiares. Este fenómeno de repartición, unido a que cada número se vende xeralmente só nun establecemento, provoca que os premios estean moi localizados xeograficamente.  

Publicidade

Dita concentración xera unha variación significativa nos premios de lotería nas 50 provincias de España. De media, as provincias gañadoras reciben un shock de ingreso equivalente ao 0,2% do seu PIB, que chega ao 3,4% nas provincias que reciben o maior premio per cápita, segundo outro traballo publicado en 2023. 

O optimismo ‘contaxioso’ de gañar a lotería 

Curiosamente, a pesar de que a probabilidade de recibir calquera dos premios máis importantes nunha provincia gañadora é do 0,015%, este estudo con participación española observou que ao vivir onde se gaña a lotería experiméntanse beneficios inesperados. 

“O noso traballo mostra evidencia empírica de que a lotería de Nadal xera unha onda de optimismo nas provincias gañadoras. Dita confianza pode explicar parte dos efectos económicos reais que observamos nestas rexións, como a caída do desemprego ou o aumento do gasto en bens duradeiros, máis aló do propio efecto renda que ten a lotería”, explica a SINC Isabel Micó, analista do Banco de España e unha das autoras. 

Os investigadores argumentan como o optimismo se xera en parte debido a que a lotería de Nadal premia a moitos individuos xeolocalizados nunha mesma área, a diferenza do Euromillón ou a Primitiva, onde hai un único gañador. 

Con todo, os efectos son limitados. A pesar de advertir a euforia dos fogares con respecto ás súas finanzas e á súa traxectoria laboral, os autores non atoparon evidencia de que os fogares nas provincias gañadoras melloren a súa habilidade para chegar a fin de mes con respecto ás non premiadas. 

A lotería como motor de emprendemento 

E que ocorre co espírito emprendedor? O traballo de 2024, liderado por economistas de España, Portugal e Estados Unidos, analiza o impacto da lotería desde o ángulo do emprendemento. 

“Nas provincias gañadoras obsérvase un aumento na creación de empresas, na xeración de emprego e no número de autónomos”, afirma a SINC Rafael Zambrana, profesor asociado de Economía na Universidade de Notre Dame (Estados Unidos) e un dos autores. 

Así, as mulleres, as persoas maiores de 40 anos e quen ten un único emprego ou xestionan negocios con varios empregados son os perfís máis propensos a emprender. Ademais, o impacto nótase especialmente no sector de servizos e na manufactura. 

Estes novos negocios tenden a ser máis rendibles e duradeiros que os que xa existían e os de provincias non graciadas. “A lotería non parece afectar o crecemento nin a rendibilidade das empresas xa consolidadas, pero leva a que aumenten os salarios debido á maior competencia nos mercados laborais locais”, engade Zambrana. 

Sobre por que se nota máis o impacto da lotería na creación de negocios, parece que os emprendedores aproveitan este novo acceso ao capital, mentres que as empresas consolidadas dependen das oportunidades de investimento dispoñibles na súa contorna. Ademais, o tamaño relativamente pequeno dos premios —a escala empresarial— limita o impacto na expansión de compañías existentes, segundo o estudo. 

E se os meus veciños gañan a lotería, pero eu non? 

As investigacións apuntan que é probable que a inxección económica dos gañadores e a onda de optimismo entre aqueles que residen na mesma provincia estimulen a actividade económica da súa rexión. E que este comportamento se traduza no aumento da compra de automóbiles, unha redución do desemprego, máis ofertas de traballo, a creación de empresas e o aumento moderado no prezo dalgúns produtos. 

É dicir que, se vostede non gaña, pero os que ten preto si, quizais algún destes efectos poida aliviar o seu desacougo. Se non, lembre rebaixar as súas expectativas. Á fin e ao cabo, neste xogo a probabilidade de gañar o Gordo é tan só de 1 entre 100.000. 


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves neurolóxicas do Nadal: que lle pasa ao noso cerebro durante as festas

O investigador da UVigo Juan Pérez explica como o sistema límbico integra tradicións, memorias e estímulos para provocar sentimentos intensos nesta época

Alerxia ao frío: como as baixas temperaturas poden provocar urticaria

Trátase dunha reacción pouco coñecida que aparece ante baixas temperaturas, nunha Galicia que se prepara para mínimas que poden chegar aos -2ºC, especialmente no interior

O Nadal e os trastornos alimentarios: “A saúde non é un número na báscula”

A psiquiatra Iria Veiga sinala que os comentarios sobre o corpo alleo e os cambios na alimentación durante as festas poden aumentar a ansiedade e os síntomas

Mercados, beléns e espectáculos: a guía do Nadal nas provincias galegas

A Axencia de Turismo da Xunta dá a coñecer as actividades festivas, obradoiros e experiencias de interese cultural da comunidade que se poden visitar entre decembro e xaneiro