Máis de 200 falecidos, busca imparable de desaparecidos, augas estancadas, accesos cortados e unha longa lista de destrución que deixou a DINA en Valencia. O 29 de outubro un fenómeno meteorolóxico sen precedentes asolagou vilas como Paiporta e Utiel, onde os veciños seguen achicando lodo de garaxes, casas e rúas días despois da catástrofe. Un desastre semellante dificilmente acontecería en Galicia —polas diferenzas no tipo de solo e de temperatura do mar, entre outros factores—, mais non significa que non haxa áreas no territorio cunha alta probabilidade de sufrir un anegamento. Urbanizar e construír preto dos ríos é un gran risco e un mapa interactivo do Ministerio de Transición Ecolóxica sinala os puntos quentes en Galicia en caso de inundacións.
O Sistema Nacional de Cartografía de Zonas Inundables é o nome da ferramenta que permite saber se o barrio no que vives ten unha alta probabilidade de inundarse en caso de fenómenos meteorolóxicos extremos. Trátase dun mapa interactivo que ten paneis despregables nos que o usuario pode seleccionar as variables que máis lle interesen. Por exemplo, pode introducir o nome do río que pasa preto da súa casa, a demarcación hidrográfica, a provincia e a comunidade autónoma. Unha vez que selecciona estes criterios, clica no botón “Área de servizos” situado na parte superior da páxina. Na nova pestana despregable pincha na cartografía de zonas inundables de tipo fluvial e o indicador que máis lle interese. Neste caso avaliouse a alta probabilidade, pero tamén se poden visualizar as áreas que se anegan con frecuencia ou aquelas que non están expostas.
As zonas con máis risco
Un dos puntos que máis chama a atención do mapa, unha vez seleccionados os criterios anteriores, é a antiga lagoa de Antela, que foi desecada nos anos 50. Situada na comarca da Limia, a zona potencialmente inundable esténdese ata Rairiz de Veiga e parte do núcleo de Xinzo de Limia. Moi preto desta área, o centro de Verín tamén se vería afectado, dado que o mapa interactivo do ministerio cualifícaa como unha zona con alta probabilidade de anegamento. Neste caso, o río que se desbordaría sería o Támega. Pero na mesma provincia non se pode ignorar o paso do Miño por Ourense, a terceira cidade con máis poboación de Galicia, que desbordaría pola meirande parte do paseo e por algunhas das casas que están máis próximas ao leito.
Estes son algúns exemplos, pero no mapa pódese facer zoom e ir analizando cada curso de auga en detalle. En Monforte, unha parte considerable do seu núcleo quedaría completamente anegado en caso de inundación. Acontece o mesmo con Sarria e os seus arredores. Na provincia de Pontevedra, a cidade homónima estaría en alto risco polo paso do Lérez polo seu centro. Nos arredores de Vigo acontecería o mesmo polo río Lagares. Porén, os puntos máis quentes da provincia son as desembocaduras dos ríos Umia e Ulla, que provocarían extensas áreas de anegamentos. Na provincia da Coruña non se aprecian zonas tan amplas de potenciais inundacións, pero si se verían afectados núcleos de poboación como Betanzos, Carballo e Ponteceso.
Creo que tamen é importante falar do que se esta a facer en xeral para a prevención dos desastres naturales; por exemplo, na lexislatura municipal anterior, en Pontevedra, como ben decides, unha zona de alto risco polo paso do Lérez, presentou un proxecto chamado Pontevedra Flúe, que a partires de solucións baseadas na natureza, como estase promovendo dende a UE, reducía a perigosidade das inundacións, sen embargo, os recelos políticos fixeron que o plan desbotarase, poñendo en perigo a toda a cidadania de Pontevedra.
De feito, organizarase unha exposición destas de cubos na Ponte do Burgo explicando o proxecto, e os vándalos tirarana o río