O cambio climático está a intensificar a frecuencia e severidade das precipitacións extremas. Un estudo internacional publicado en setembro pola MCC (Multi-Country Multi-City Collaborative Research Network) desvelaba que existe unha relación entre os eventos de choiva extrema, como o sucedido a pasada semana en Valencia, e o aumento da mortalidade. Nesta investigación realizada en 645 localizacións de 34 países ou rexións diferentes de todo o planeta despois de precipitacións extremas participou o climatólogo e doutor pola Universidade de Santiago (USC) Dominic Royé.
“Descubrimos que os eventos de choiva extrema, cun período de retorno de cinco anos, asociáronse cun aumento do 8% na mortalidade por todas as causas, un 5% na mortalidade cardiovascular e un notable 29% na mortalidade respiratoria durante un período de 0 a 14 días despois do evento de choiva. Isto é o resumo de forma global para todos os lugares analizados”, concreta o investigador, que participou neste traballo xunto a outros investigadores españois do CSIC e da propia Universidade de Valencia. Porén, estes datos globais son diferentes se só se fixan nos recollidos no sur de Europa, “aquí estariamos a falar por exemplo dun aumento do 37% nas enfermidades cardiovasculares, e dun 13% en enfermidades respiratorias“.
Fenómenos intensos e raros
Dominic Royé advirte que o sucedido coa DINA en Valencia está moi por riba do mínimo do xa considerado como unha precipitación extrema. Estes eventos adoitan ser intensos e raros, o que require unha definición que teña en conta tanto a intensidade como a frecuencia. Seguindo a recomendación da Organización Meteorolóxica Mundial, utilizaron o teorema do valor extremo para avaliar o limiar de eventos extremos de choiva. Os períodos de retorno son os tempos medios esperados entre ocorrencias dun evento extremo de certa magnitude.
Este enfoque implica considerar a frecuencia, duración e intensidade de eventos extremos ao mesmo tempo, é dicir, períodos dun ano, dous anos e cinco anos para cada grupo de cidades con clima e precipitacións de similares condicións. Por exemplo, se a probabilidade acumulada de choiva diaria alcanzou o 50% segundo a distribución axustada, este nivel de choiva foi entón asociado cun período de retorno de dous anos. Isto non implica que tales eventos ocorran regularmente cada dous anos, senón que describe a súa probabilidade de ocorrencia nun horizonte de longo prazo.
“O sucedido en Valencia coa DINA é un período de retorno moi, moi extremo. Estamos a falar de períodos de retorno de 10 ou 20 anos, polo que os riscos asociados aínda serían maiores. Estes períodos de retorno están cambiando. O que antes acontecía cada 100 anos, agora sucederá cada 10 ou 20 anos”, apunta o científico alemán residente en Galicia.
Intensidade das chuvias
O traballo realizado por máis de medio centenar de investigadores de todo o mundo sinala que as precipitacións de intensidade moderada a alta poden exercer tamén efectos protectores a través de dous mecanismos principais: mellora da calidade do aire na atmosfera, e cambios de comportamento, xa que as choivas poden alterar a vida diaria das persoas, os seus patróns, o que leva a pasar máis tempo en interiores, polo que se reduce a exposición directa á contaminación do aire exterior. “As precipitacións máis moderadas, cun periodo de retorno anual ou bianual, teñen un efecto protector. Isto significa que se protexe a poboación, xa que a atmosfera se limpa. As chuvias moderadas son beneficiosas para a nosa saúde. Cando falamos de chuvias extremas, ese efecto protector inicial desaparece e comeza a fervenza de efectos negativos, que poden ser directos ou indirectos”, sinala Dominic Royé.
Consecuencias mortais directas e indirectas
Entre ese efectos negativos destacan as alteracións críticas dos recursos, impactos fisiolóxicos e efectos indirectos. En canto as interrupcións críticas de recursos, as choivas intensas poden causar importantes perturbacións no acceso á atención sanitaria. Pódense danar as infraestruturas, provocando cortes de enerxía e obstaculizando o acceso aos servizos médicos esenciais, e afectando especialmente a poboación máis vulnerable, como persoas maiores ou pacientes con enfermidades crónicas. Trátase dun sector da sociedade que a miúdo require un acceso constante aos medicamentos e á atención sanitaria.
As investigacións previas apuntaban a que as choivas intensas poden comprometer a calidade da auga e dos alimentos, ao permitir que microorganismos patóxenos poidan reproducirse e propagarse: enfermidades diarreicas, infeccións e enfermidades asociadas, producindo un aumento na mortalidade.
En canto aos efectos fisiolóxicos, apréciase un incremento dos niveis de humidade, que facilitan o crecemento de patóxenos transmitidos polo aire, potencialmente desencadeando reaccións alérxicas e respiratorias, con problemas particularmente máis severos en individuos vulnerables. Ademais, os cambios rápidos na presión atmosférica poden reducir a presión parcial de osíxeno no corpo. Isto, sumado ás grandes flutuacións de temperatura que poden ocorrer nos días de choiva, pode ocasionar complicacións cardiovasculares e respiratorias.
Implicacións na saúde mental
En canto aos efectos indirectos, as choivas extremas poden ter efectos profundos. Por exemplo, inducindo estrés e ansiedade que poden exacerbar os problemas de saúde mental preexistentes e contribuíndo indirectamente ao aumento da mortalidade total por causas non externas. Este estudo observou tamén a conexión entre tormentas eléctricas acompañando a choivas extremas e un aumento en morbilidade e mortalidade respiratoria, especialmente en persoas con asma. “Os patóxenos no aire poden ter efectos na proliferación de alerxias e de problemas respiratorios. Tamén o patrón de comportamento dos seres humanos é diferente. Se chove máis a míudo, tes tendencia a quedar máis na túa casa. En canto aos efectos indirectos, podemos falar de estrés, ansiedade ou a propia contaminación das nosas augas, que xeran enfermidades infecciosas. A auga estancada que agora mesmo queda en moitas partes de Valencia é outro problema moi grave”, relata Royé.
Catástrofes “non naturais”
Atopouse que os efectos sobre a saúde destes eventos de choivas extremas varían segundo o tipo de clima. Eventos de choivas extremas foron máis graves en lugares con menor variabilidade de precipitacións ou escasa cobertura vexetal. A tendencia nestes días é a falar do acontencido en Valencia como un desastre natural. Segundo Dominic Royé, este fenómeno non se pode chamar natural cando a intervención humana pode alteralo, e mesmo as decisións políticas teñen a oportunidade de minimizar os danos.
“Todos os desastres son evitables, e temos capacidade para reducir eses efectos. Só hai unha catástrofe cando hai seres humanos polo medio. Unha erupción volcánica nunha illa deserta non ten impacto. Non se debe falar dun desastre natural cando a intervención humana ten que ver con estes acontencementos que se están a producir, e que por desgraza van seguir sucedendo. Aquí en Galicia un dos nosos riscos naturais máis claro son os incendios, pois mitigar os seus impactos, e conseguir que non haxa vítimas, é o noso labor”, sostén.
Sobre as precipitacións extremas que tamén se producen en Galicia, o doutor en Xeografía Física sinala que a pesar de que non teñen o mesmo comportamento que no Mediterráneo, o número de lugares innundables na nosa comunidade medrou e medrará, “aínda que non chega á mesma magnitude, nin ao impacto que pode ter en Valencia polo emprazamento xeográfico e as diferenzas do clima, polo que os efectos negativos secundarios son diferentes”, conclúe o investigador.