O Levante amencía hoxe baixo unha devastación total a causa dunha potente Depresión Illada en Niveis Altos (DINA): segundo os últimos datos facilitados pola Generalitat de Valencia, a cifra de mortos ascende xa a 62 na comunidade, isto sen sumar as decenas de desaparecidos e as dúas persoas falecidas en Castela- A Mancha. A situación tradúcese en chuvias torrenciais, graínzo e tormentas nas rexións de Andalucía, Murcia, Castela- A Mancha e Valencia, mantendo baixo alerta a un total de oito comunidades. Inundacións masivas, cortes na luz e nas comunicacións, peches nas estradas e colexios… Polo de agora, a prioridade é atopar ás persoas desaparecidas, e son moitos os dispositivos de rescate que se están a despregar: a propia Xunta de Galicia enviou hoxe o seu helicóptero Pesca 1, cunha capacidade de ata 10 persoas.
Ante a situación alarmante no Levante, xorden unha serie de dúbidas: é posible previr a magnitude e potencialidade destes fenómenos adversos? Podería chegar a afectar a Galicia unha DINA destas características?
Acumulacións históricas de auga
Dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía valoran sen paliativos o desastre: trátase do fenómeno meteorolóxico de gota fría máis adverso do século para a comunidade valenciana, superior aos episodios de 2019 e comparable aos grandes temporais da década dos anos 80. As trombas de auga desconcertan: ata 491,2 litros por metro cadrado no municipio de Chiva. Localidades como Cheste, Buñol ou Torís tamén chegaron a superar os 400 litros, deixando unha xornada histórica dende o punto de vista meteorolóxico.
Tal e como explican dende a Axencia da AEMET en Valencia, a verdadeira perigosidade destas acumulacións de auga “que poderíamos dicir descomunais” dáse nas zonas de interior próximas ás serras, xa que isto aumenta o risco de crecementos e avenidas nos ríos. De feito, na comunidade os maiores estragos estanse vendo ao longo do río Magro e do barranco do Poyo.
O fenómeno da DINA
Segundo explican dende MeteoGalicia nunha conversación con GCiencia, aínda que a nosa comunidade está exposta tamén a depresións deste tipo, é moito máis frecuente que se dean outros fenómenos adversos: “Debido ao punto do planeta no cal nos atopamos, nun corredor de ventos que van dende o oeste cara o leste, temos unha circulación xeral da atmosfera que nos deixa situacións de ventos fortes do suroestes, mala mar e unha cantidade de precipitacións moi importante”. Isto acontece normalmente pola chegada de importantes borrascas, ríos atmosféricos ou restos de furacáns.
Galicia tamén pode vivir o paso dunha DINA polo territorio, no sentido de que ás veces temos un aire frío nas capas altas da atmosfera que ocasiona fenómenos violentos e chuvias dun carácter que pode chegar a ser torrencial. Porén, en ningún caso cumprimos cunha das características necesarias para que se dea un escenario tan desolador como o do Levante: falamos da temperatura da auga.
A importancia dos contrastes
Tal e como sinalan os expertos de MeteoGalicia, nós atopámonos baixo a influencia dun océano Atlántico a uns 15 ou 16 graos, mentres que o Mediterráneo está a 24 ºC: “A temperatura da auga do mar é o impulso que fai que se produzan esas chuvias cunha cantidade brutal de auga, que son impulsadas polos ventos de Levante”. Eses ventos procedentes do Mediterráneo, cheos de humidade e quentes, son os que despois chocan co aire frío das capas altas da atmosfera producindo o fenómeno da gota fría.
En todo caso, explica o investigador en Física atmosférica da USC Gonzalo Míguez Macho, a temperatura da auga non é o único factor importante: “Todo vai depender do contraste, xa que o que produce a DINA non é a auga quente do Mediterráneo, senón a gran diferencia térmica entre esta e as capas altas da atmosfera”. A maiores, o experto fala doutros ingredientes, como a humidade e a localización da propia DINA: “Cando ten unha posición como a de agora, xusto enriba de Marrocos, favorécese moito a chegada de aire húmido polas capas altas da atmosfera, o cal fai que toda a columna de aire manteña humidade”.
Galicia ten a sorte de non cumprir de base coa primeira característica das DINAS que azoutan o Levante: a nosa auga fría estabiliza e mantén o equilibrio. De feito, explica Macho, a nosa chuvia está máis vencellada á interacción coa propia orografía galega: “Aquí os lugares onde se adoitan dar acumulacións importantes de auga soen ser os mesmos, e isto ten que ver coa localización dos montes e a chegada das frontes”.
Na procura do equilibrio
Para entender por que unha DINA pode chegar a ser tan violenta, o primeiro é comprender que a natureza sempre vai na procura dun equilibrio ou estabilidade: “Durante a gota fría o que vemos é unha situación totalmente inestable, xa que o aire frío, que é máis pesado que o quente, debería estar na superficie, e non nas capas altas da atmosfera”, subliñan dende MeteoGalicia. Por iso, durante as DINAS danse acumulacións de auga inmensas nun período de tempo curto, ao non poder manterse esa configuración tan inestable. “É algo imposible de evacuar”, engade Macho.
O físico tamén destaca a complexidade de predicir a evolución destes fenómenos, aínda que os danos están asegurados. Porén, os edificios cada vez están máis preparados para este tipo de eventos extremos, e os prognósticos que predín a formación das DINAS son cada vez máis efectivos, o cal pode evitar unha parte das perdas tanto materiais como humanas. Con todo, a precaución sempre é necesaria: recoméndase non saír de casa e buscar os lugares máis altos dos edificios.















O q passou em Valencia tem muitos capítulos semelhantes nessa zona. Creio que é importante recordar o de Serra Espuña alí polo 1870-80, na regiom de Murcia. Daquela houvo quase 800 mortos e o governo respostou a catástrofe com a maior restauraçom hidrológica-florestal até entom, mais de 50.000ha de semideserto forom transformadas em floresta.
Deixo ligaçom do minidoc de 24 min q fala daquel sucesso.
Hoje mais compre recordalo.
Sierra Espuña: en el límite del desierto.
https://youtu.be/FrL9jjkveEw?si=cSvA-f1e-Zxv132J