Luns 4 Novembro 2024

O físico José Manuel Fernández de Labastida ingresa na Academia de Ciencias de Galicia

É catedrático na USC e xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico no Consello Europeo de Investigación

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou a tarde deste mércores no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de José Manuel Fernández de Labastida (Madrid, 1958) como académico correspondente da institución. O catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago (USC) e actual xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico no Consello Europeo de Investigación (ERC) pronunciou o seu discurso de ingreso co título De la investigación a la política científica: una mirada polifacética a la ciencia. Realizou a laudatio en nome da RAGC o académico de honra Carlos Pajares.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos e académicas, así como a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, Carlos Salgado; o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Felipe Criado; o responsable de I+D do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, Daniel Torrecilla; e a directora do Centro Oceanográfico de Vigo, Rosa Figueroa; xunto a outros representantes de institucións políticas, científicas, económicas, empresariais, culturais e académicas galegas e familiares do homenaxeado.

Publicidade

Unha forte conexión coa ciencia galega

O presidente deulle a benvida ao novo académico, do que salientou que “ten contribuído dun xeito excepcional tanto á creación de coñecemento como á promoción da investigación mediante programas ambiciosos e dinamizadores”. Así, puxo de relevo que “o profesor Labastida mantivo sempre unha moi forte conexión coa ciencia galega e o seu papel na xestión da promoción científica en España e en Europa foi de enorme importancia”.

Labastida, de investigador a xestor no ámbito da política científica

No seu discurso, Labastida reflexionou sobre a ciencia a través dunha viaxe pola súa traxectoria profesional, destacando a importancia da colaboración e a competición como factores esenciais para o avance científico. “A colaboración facilita o intercambio de ideas e recursos, mentres que a competición estimula a creatividade e o traballo arduo”, indicou. Nesta liña, afondou na súa experiencia no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton e no CERN de Xenebra, mencionando así mesmo a relevancia da ética na ciencia.

Publicidade

O novo académico narrou como, tras formar parte do equipo docente da USC, comezou a asumir responsabilidades na xestión académica, en particular como director do departamento de Física de Partículas, decano da facultade de Física e director da Escola de Posgrao. Explicou como nesta universidade centrou a súa investigación nas teorías cuánticas de campos topolóxicos, salientando que este eido representa un bo exemplo de como a interdisciplinariedade é un elemento importante para o progreso da ciencia.

O físico referiuse á súa transición de investigador a xestor, ocupando postos de responsabilidade en Ministerios de Ciencia —entre 2009 e 2010 foi director xeral de Investigación e entre 2008 e 2009 secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica no Ministerio de Ciencia e Innovación— e no CSIC, organismo do que foi vicepresidente de Investigación Científica e Técnica. “Estas experiencias permitíronme constribuír ao avance da investigación en España”, manifestou. En relación a este aspecto declarou a “importancia de ter xestores con experiencia investigadora no ámbito da política científica”.

Importante traxectoria europea

Dedicado xa por completo á xestión da ciencia, Labastida puxo de relevo a súa traxectoria europea, en particular o seu papel no Consello Europeo de Investigación (ERC), do que foi o primeiro responsable do seu departamento científico. “Esta experiencia proporcionoume unha visión global da ciencia e permitiume comparar diferentes contextos, reafirmándome no enorme valor da investigación guiada pola curiosidade para o avance do coñecemento”, apuntou.

O homenaxeado concluíu o seu discurso facendo un chamamento a “un maior e mellor investimento en ciencia e en educación en España”. Así, lembrou que “o investimento público español en investigación e desenvolvemento está por debaixo da media europea” e manifestou que “as universidades deberían ter incentivos para seleccionar os investigadores máis competitivos independentemente da súa orixe. Requírese do consenso dos gobernos central e autonómicos e tamén da comunidade universitaria. Se superamos con éxito este reto, estaremos pavimentando unhas bases sólidas para a investigación científica en España”.

“Traballou sempre por mellorar a investigación de Galicia e da USC”

O académico de honra da RAGC Carlos Pajares realizou a laudatio do novo membro da institución, ao que se referiu como “investigador destacado e magnífico director de Política Científica”. Sinalou que “como investigador fixo importantes contribucións amplamente recoñecidas, algunhas en colaboración con destacadas figuras do campo e publicadas nas mellores revistas da especialidade. Na dirección de Política Científica, tanto na USC como no CSIC, no Ministerio de Ciencia e Innovación, na Comision Europea e na European Research Council, realizou un traballo que marcou un camiño e unha traza a seguir”.

En relación á implicación de Labastida na xestión e dirección de Política Científica, Pajares salientou que formou parte do equipo responsable de poñer en marcha as axudas Ramón y Cajal, así como o seu labor como presidente dos grupos de traballo que realizaron o anteproxecto da Lei de Ciencia. Concluíu manifestando que “sempre levou na súa cabeza a Galicia e á USC, traballando pola mellora da súa investigación. A súa incorporación á RAGC engádelle máis prestixio á nosa institución”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

Un equipo da USC describe un mecanismo esencial na aparición da diabetes tipo 1

O achado do CiMUS, publicado na revista 'Nature Communications', suxire a necesidade de identificar que sinal inicia a enfermidade

Supervermes para facer desaparecer o plástico: a curiosa investigación do CiQUS

O científico Massimo Lazzari estuda o comportamento da especie 'Zophobas morio', capaz de degradar e incorporar polímeros na súa dieta, como estratexia para facer fronte aos residuos

Un proxecto escoita os sons do mar para caracterizar o fondo do litoral galego

A información achegada polos investigadores do CITMAga sobre o estado do leito mariño axudará a cuantificar a presenza e a concentración de bivalvos e a saúde dos seus ecosistemas