Degusta A Coruña, o congreso itinerante cargado de propostas gastronómicas

O evento chegou a Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo para reinvidicar a excelencia dos produtos e da cociña da rexión

Degusta A Coruña, a provincia que sabe foi un congreso que esta semana percorreu diferentes zonas da provincia da Coruña. En concreto, Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo foron as vilas testemuña dun simposio onde se mesturaron as experiencias de grandes e pequenas empresas de transformación e distribución, así como de hoteis e restaurantes. A pauta que os uniu a todos foi a calidade e coidado nos seus produtos, así como a preocupación pola contorna.

“Queriamos clausurar a temporada cun congreso turístico, pero que tamén servise de escaparate para toda a cadea enogastronómica”, conta Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación. “E por iso, decidimos facer un congreso plural con moitas voces e moi complexo. Onde tiveran participación todos os elos desa cadea. Non só a parte máis visible, que sempre é a restauración, senón ademais o sector da produción de alimentos, da transformación e da distribución, e o mundo da comunicación turística”, engade.

A importancia do produto local

Dende a Deputación, contan que o congreso se enmarca, á súa vez, nunha campaña de defensa do produto local e de quilómetro cero. Tamén, na procura dun espazo no que poder conversar sobre a sostibilidade e o turismo. Este último, un fenómeno que ten unha pegada evidente no territorio e que está tendo voces críticas nos últimos anos, pero que ten, comentan, outras oportunidades.

“Trátase de exportar a gastronomía da provincia, e o turismo centrado nela, a todo o resto do estado español”, reflexiona Lolo Mosteiro, chef e propietario, xunto con Paula Martínez, do restaurante A Artesa da Moza Crecha. “Penso que hai un potencial moi forte, tanto de produtores —con xente que cada vez está facendo mellor as cousas— como de produto —somos unha provincia que ten produtos de mar de e de terra—. Este congreso foi unha oportunidade para que nos xuntaramos todos aqueles que formamos parte da cadea que pon o produto final na mesa, e facer da provincia da Coruña un lugar onde a xente vén na procura dun bo xeito de facer as cousas na gastronomía”, sosteñen.

Publicidade

Un percorrido pola provincia

Unha das curiosidades do congreso Degusta A Coruña foi que non tivo unha sede fixa nun espazo pechado, senón que se moveu por toda a provincia. A intención, comentan desde a Deputación, era reivindicar todo territorio e as persoas que traballan nel.

Elaboración dunha degustación durante a celebración do congreso Degusta A Coruña.

“Sen as persoas que traballan no territorio e obteñen os produtos esenciais del, non existirían nin a gastronomía nin o turismo gastronómico”, defende Regueira. “Por iso, quixemos amosar as experiencias de persoas que apostan polo territorio, e tamén falar da importancia da nosa paisaxe. Porque é hora de tomar consciencia de que, se non tratamos ben a contorna e non non nos preocupamos de que a xente protexa o territorio, ímolo pasar mal no futuro. Por esa razón, queriamos que o congreso non se limitara a un espazo pechado —un pazo de congresos e un auditorio onde cada un fora falar do que considerara que tiña que transmitir— senón que o territorio fora un personaxe esencial máis”, apunta.

Amosar un pouco de todo

Unha idea que, para participantes e traballadores gastronómicos, como o propio Lolo Mosteiro, foi moi acertada porque permitiu amosar un pouco de todo o que hai na provincia coruñesa, desde o marisqueo da ría de Ferrol, ata o viño con identificación xeográfica protexida da Terra de Betanzos.

Por outra banda, Mosteiro destacou a importancia de eventos coma este para poder falar con xente, coñecida e non tanto, e poder saber as súas opinións sobre o produto da Coruña e sobre os diferentes proxectos que se dan na provincia. Xornalistas gastronómicos, persoas ligadas á gastronomía e á alta cociña, ou mesmo grandes cociñeiros doutras partes do estado español. “O primeiro día, por exemplo, tivemos unha cociña a seis mans con Luís Veira”, di Mosteiro. “E foi moi interesante charlar con el, coñecelo e saber que pensa el, e outros expertos, dos produtos da Coruña”, detalla.

O primeiro de moitos

Para Xosé Regueira, este Congreso naceu para intentar sacar conclusións e reflexionar de cara ao futuro despois do remate da temporada de verán. Ademais, o feito de telo organizado con tantas voces, todas elas moi potentes e tanto de dentro como de fóra de Galicia, fala da intención de poder repetilo nos vindeiros anos.

“Agora que está de moda a palabra futurismo, e que temos un obxectivo na Axenda 2030 a nivel global de erradicar a fame no mundo, creo que cómpre falar de gastronomía”, reflexiona Regueira. “Pero tamén, toca avaliar e reflexionar sobre os retos que temos como sociedade a nivel xeral e a nivel global dentro da nosa parcela, da parcela da provincia coruñesa. Por outra banda, queremos facelo con respecto, pero sobre todo con responsabilidade —tendo en conta que somos unha administración que neste momento traballa cinco plans de sostibilidade turística— e convertendo a nosa contorna nun territorio claramente sustentable”, argumenta.

Un labor que chefs como Lolo Mosteiro agradecen, xa que axuda a “dar bombo” á gastronomía da provincia e a captar os visitantes que se achegan ata A Coruña polo potencial gastronómico que existe nesta zona de Galicia, tanto de produto como de traballadores. Xente formada e cualificada que está ao nivel de grandes cidades como Madrid ou Barcelona.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubertas dúas especies de cogomelos inéditas en Galicia

Un estudo da Federación Galega de Micoloxía e impulsado pola Deputación da Coruña identifica os exemplares no Pazo de Mariñán, no concello de Bergondo

Dona Urraca, a raíña indomable que dobregou os roles de xénero

Foi capaz de afrontar un reinado cheo de desafíos e con loitas abertas contra o seu fillo, a súa irmá en Portugal e o bispo Xelmírez en Compostela

GCiencia lanza un proxecto multimedia para recuperar a memoria das galegas medievais

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais

Practicar, viaxar e aprender: o camiño para ser un hostaleiro en Galicia

Galicia conta cun dos centros de formación máis importantes de Europa no sector e o seu grao ten máis dun 90% de inserción laboral