Do contedor a unha segunda vida: en que se transforma o que reciclamos?

O papel, o vidro, o plástico e a materia orgánica poden converterse en novos produtos, reducir o consumo de recursos e xerar aforro económico e ambiental

A reciclaxe non só implica recolectar e procesar residuos como o papel, o vidro, o plástico ou a materia orgánica, senón tamén crear novos produtos a partir destes materiais. Esta acción cidadá trae consigo numerosos beneficios sociais, económicos e ambientais, ademais de ser unha forma máis de aforrar no fogar. A transformación dos residuos depositados nos contedores xera novas oportunidades: por exemplo, o contedor marrón, unha iniciativa do Concello de Vigo en colaboración con FCC Medio Ambiente, permite converter a materia orgánica nun fertilizante natural rico en nutrientes. 

Neste contexto, existen tres formas de reciclar segundo a relación entre o residuo depositado e o produto no que se transforma. A reciclaxe primaria —tamén coñecida como “de circuíto pechado”— converte os materiais no mesmo que se tira; é dicir, o papel en máis papel e, as latas, en máis latas. A secundaria transforma os residuos noutros obxectos, pero fabricados co mesmo material. E, finalmente, a reciclaxe terciaria ou química descompón os residuos a fin de producir algo con características diferentes. 

Publicidade

Os resultados da transformación

Cada material depositado nun dos sete contedores nos que se recicla en Vigo pode ser obxecto de transformación. 

As fibras dos xornais vellos, as cartas ou o papel de oficina pódense empregar para fabricar papel reciclado, toallas de papel, panos de man e embalaxes de cartón, un proceso que se pode realizar en varias ocasións ata rematar a súa vida útil. Pola contra, as latas de aluminio pódense reciclar infinitamente sen perder calidade, converténdose en novos recipientes para bebidas. O mesmo ocorre co vidro: límpase, tritúrase, fúndese e transfórmase en vidro novo. No caso das botellas de plástico, as súas posibilidades son enormes: o seu uso pode ir dende a fabricación de novas botellas e envases ata a transformación en fibras de poliéster para crear roupa, chalecos de seguridade e mesmo moquetas. 

Publicidade

E a materia orgánica, depositada no contedor marrón, sepárase do resto de residuos para transformala nun fertilizante capaz de mellorar a calidade do solo e reducir a necesidade de produtos químicos. Desta forma, pódese incrementar a fertilidade, ademais de reducir a contaminación e o impacto do quecemento global. 

Que beneficios ten reciclar?

O gran número de produtos que poden derivar da reciclaxe xera un amplo abano de beneficios. En primeiro lugar, permite preservar os recursos naturais, xa que, por exemplo, reciclar papel pode evitar talas innecesarias e a contaminación da auga que conleva a súa fabricación. Isto está relacionado con outra vantaxe: a diminución da contaminación, pois permite que moitos dos residuos poidan ter unha segunda vida. 

Con todo, tamén permite aforrar: por unha banda, reciclar reduce o gasto de enerxía do proceso de fabricación de produtos, xa que crear a partir de materiais xa existentes implica menos procesos; e, por outra, para a cidadanía, porque, en moitos casos, o uso de materiais reciclados pode contribuír a reducir custos de produción, ademais do usos de determinados residuos a nivel funcional, decorativo e artístico —o que se coñece como reciclaxe creativa—. 

Un imprescindible: o aforro

Os beneficios económicos da reciclaxe abranguen a individuos, empresas e gobernos, e estas accións veñen dende diferentes vías. Ao reciclar correctamente, redúcese a cantidade de residuos que remata nos vertedoiros, o que minimiza os custos asociados á xestión de lixo e pode ser un aforro determinante a longo prazo. A reciclaxe tamén é especialmente relevantes para os consumidores, pois ao reciclar os materiais, diminúe a necesidade de extraer e procesar novas materias primas, e baixan os custos de produción.

Así, corenta botellas de plástico poden transformarse nun forro polar. Fabricar unha lata gasta un 95% máis de enerxía que reciclala. Con cada tonelada de papel que reciclamos aforramos 4.100 Kwh. E, cos residuos que chegan ao contedor marrón e a súa conversión en fertilizante, contribuímos a mellorar a calidade do solo e a dispoñibilidade de nutrientes para os cultivos.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como loitar contra o mosquito tigre en cemiterios: estas son as recomendacións principais

As macetas, os elementos florais e outros recipientes propicios a acumular auga vólveno un dos lugares predilectos de cría do insecto

Un documental mergúllase nos bosques de carrumeiro, un tesouro das costas galegas

Os submarinistas Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez asinan unha peza audiovisual que se estreará o 5 de novembro na Semana de Cine Submariño

Documentadas por primeira vez en Galicia dúas especies mariñas de augas cálidas

A detección de cinco sardinelas lombudas e un ermitán vermello grande aporta nova evidencia sobre os cambios na distribución de especies no Atlántico

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS