O verán de 2025 pasa unha factura climática a Galicia de máis de 2.000 millóns de euros

España é o país máis afectado con perdas de ata 34.000 millóns de euros, segundo un estudo da Universidade de Mannheim e o Banco Central Europeo

As altas temperaturas deste verán en Galicia custarán 2.100 millóns de euros. Así o estima un informe da Universidade de Mannheim, en Alemaña, en colaboración con dous autores do Banco Central Europeo, no que se realiza unha aproximación conservadora das perdas derivadas das condicións meteorolóxicas extremas. O estudo non ten en conta o impacto dos incendios que arrasaron o país en agosto.

O documento realiza dúas medicións: unha sobre o custo que terá a meteoroloxía extrema deste verán para este ano, e outra sobre o impacto económico total que terá co paso dos anos, ata 2029. Malia que o custo a medio prazo será de 2.100 millóns, só neste ano xa suporán 850 millóns. Isto é un 1,1% do valor agregado bruto (VAB) da comunidade. Un 2,9%, se tomamos os datos de 2029.

Publicidade

O alto impacto das secas

O estudo tamén analiza o impacto económico que tiveron as secas. No caso de Galicia, é o motivo das perdas por situacións climatolóxicas extremas. Segundo o informe, só na provincia da Coruña haberá un impacto de 953,75 millóns de euros ata 2029, unha cifra similar á de Zaragoza. O custo para este ano na provincia galega é de 370,46 millóns de euros. Posto que non ten en conta o que pode supoñer soportar unha das maiores vagas de incendios da historia de Galicia, é unha estimación moi á baixa.

España é o país máis afectado en termos de valor agregado bruto de todos os analizados. As perdas serán de 12.000 millóns de euros a curto prazo e de 34.000 millóns para 2029. Este último dato supón un impacto do 2,4% no VAB, moito maior que a media europea (0,78%). As secas vividas este verán suporán unha parte importante dos custos: perderanse 27.599,43 millóns por ese motivo. Do total, 7.220 millóns son polos efectos das ondas de calor.

Publicidade

Europa estivo repleta de eventos de meteoroloxía extrema, como ondas de calor. “O verdadeiro custo aparece pouco a pouco porque afecta as vidas dunha forma ampla que va máis alá do impacto inicial”, afirma Sehrish Usman, investigadora posdoutoral na Universidade de Mannheim e autora principal do estudo.

344 eventos meteorolóxicos extremos

En total, 96 rexións sufriron ondas de calor, 195 padeceron secas e 53 foron vítimas de inundacións. Estes eventos impactan de distintas maneiras, como coa redución da produtividade, as consecuencias nos campos e os danos a infraestruturas. Ademais, a interrupción por un evento meteorolóxico de, por exemplo, unha produción, afecta a toda a cadea de subministro, o cal ten custos maiores. Estes factores específicos indirectos tampouco se teñen en conta nas cifras estimadas. Algo distintivo deste informe é que se produce pouco despois de rematar o verán, onde estes datos poden ser máis útiles. “As estimacións oficiais do impacto adóitanse atrasar”, asegura Usman.

Os custos totais na Unión Europea son de 43.000 millóns para 2025 e un total de 126.000 millóns do impacto que terá ata 2029. E todo isto, só polas consecuencias derivadas do tempo este verán. O sur de Europa é a zona máis afectada, polo risco que supoñen as ondas de calor e as secas. Outros países do norte e centro do continente, como Dinamarca, Suecia e Alemaña sofren, de momento, menos danos. Porén, o número de eventos extremos está a aumentar.

Unha das conclusións do estudo é que malia que frear e adaptarse ao cambio climático supón un investimento elevado, non facer nada custa moito máis. “Ter estimacións do impacto axuda aos responsables políticos a dirixir o apoio e adaptar estratexias”, considera Usman. Por iso, o equipo pide axudas urxentes para reducir as emisións e protexer as cidades e os terreos fronte á calor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana