A caza ameaza a fauna refuxiada en zonas limítrofes aos incendios a 40 días do inicio da tempada

Medio Ambiente evita a prohibición das especies que non están en veda e estuda autorizar as batidas do resto a partir do 19 de outubro

Os incendios que arrasaron Galicia deixan tras de si numerosas consecuencias. Entre elas, as relativas ao desprazamento e morte de milleiros de animais, así como a perda do seu hábitat. A Xunta decidiu prohibir a caza en toda a provincia mentres os incendios seguían activos, coa intención de protexer a fauna e evitar os perigos de ter cazadores no monte. Porén, unha vez rematados, a situación segue a ser complicada para os animais. Diversas poboacións deberon fuxir dos lumes masivos que se produciron durante o mes de agosto cara a outras zonas, pero a caza das especies aínda non está limitada nos terreos limítrofes.

A lexislación é clara con este tema: a caza está prohibida nos terreos queimados durante dous anos. Pero tamén nos chamados días de fortuna. É dicir, sempre e cando como consecuencia de incendios, inundacións, secas ou causas similares, os animais queden concentrados en determinados lugares. Tamén cando non poidan defenderse con normalidade. Porén, a recuperación dos montes precisa de anos ata estar nunha condición favorable para volver pouco a pouco á normalidade. Mentres, as poboacións distribúense a partir de zonas próximas, e o veto da súa caza nestes lugares non é automático, senón que require a activación por parte da Xunta, segundo explica María José Mata, avogada de Intercids, unha rede de operadores xurídicos que promoven a protección da fauna.

Publicidade

“Están habilitados para facelo e a necesidade e a urxencia está acreditada”, asegura Mata. A Lei do Patrimonio Natural e a Biodiversidade tamén habilita, segundo destaca, a posibilidade de establecer moratorias temporais. É por iso que piden o cesamento da caza nas zonas afectadas, pero contando como parte destas tamén os terreos lindeiros, onde a situación pode ser fráxil. Aínda faltan semanas para a tempada de caza común. Con todo, a captura dalgunhas especies está permitida nestas datas en certas condicións, como é o caso do corzo e do raposo.

Paralización temporal da caza en Ourense

A Xunta aprobara para Ourense, mentres se producían os incendios, a prohibición da caza. Isto veu da man da decisión de elevar a provincia de Ourense a nivel dous de emerxencia “debido ao estado dos incendios forestais”, segundo unha resolución do 13 de agosto no Diario Oficial de Galicia (DOG). Unha vez retirado ese nivel dous, os cazadores xa poden realizar as súas tarefas, segundo confirman desde a Federación Galega da Caza.

Publicidade

“O hábitat quedou esnaquizado”, explica Juan Ángel Díaz, profesor no Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago (USC). Para a primavera empezará a brotar algo de vexetación, pero os montes necesitan de moito máis tempo para que estea en condicións, segundo asegura. “Precisan espazos para esconderse, para facer os seus niños, para criar… e ter alimento”, considera o experto. O profesor asegura que esta é unha das claves, xa que tras a morte masiva de, por exemplo, artrópodos como os insectos, é difícil que outros animais dependentes deles para comer poidan sobrevivir.

“A pirámide trófica está truncada”, recorda Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e investigador na Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). Como os animais superviventes deberán seguir buscando comida e nos bosques queimados iso é imposible, seguirán desprazados en lugares próximos. Por iso, é especialmente importante, segundo o experto, protexer a contorna non queimada. “Alí estarán os refuxiados do lume”, explica. Ademais, estes poderán estar en condicións de debilidade. E, especialmente, González advirte da necesidade de ter coidado coas contornas en cotas baixas. “O natural é que cando faga frío, tanto por meteoroloxía como por alimento, se despracen a eses lugares”, explica.

A dificultade de recuperar os ecosistemas

“Hai infinidade de animais que morreron porque non tiñan posibilidade de fuxir”, destaca González. O experto é incapaz de cuantificar os danos producidos á fauna pola magnitude do sucedido. Tamén ve complicada, ao igual que Díaz, a súa medición. O que si pode asegurar é que a afección é enorme. “Sobre todo invertebrados e animais pequenos e medianos, non teñen opcións”, explica. O presidente da SGHN destaca o especial risco que supón para animais como a iberolacerta galani, unha especie de lagarta única no mundo que só habita nos montes. Si tiveron máis posibilidades aves e mamíferos medianos e grandes, malia que tamén se viron moi afectados.

Desde o goberno autonómico tamén anunciaron axudas económicas para recuperar terreos e hábitats cinexéticos. Foi unha das primeiras baterías de subvencións avanzadas pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o pasado agosto. As achegas pretenden compensar aos responsables dos chamados tecores, terreos cinexeticamente ordenados. Por outra banda, tamén explicaron que axudarán a cubrir gastos relacionados coa semente dos cereais de cara a que contribúan a recuperar os hábitats e a fauna da zona. De feito, o pasado venres a Xunta concretou que se distribuiría 31.000 quilogramos de palla e 3.000 quilogramos de cereais nos lugares onde se poidan resgardar ao conservar vexetación.

Dificultade de acceso

A afección é tan masiva que moitos dos puntos de actuación son de difícil acceso por terra, polo que utilizarán medios aéreos. Isto está pensado para certas zonas que quedaron protexidas dos incendios, pequenas illas de vexetación onde aínda pode sobrevivir a fauna. Estas primeiras actuacións faranse nos concellos de Beade, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, A Mezquita, Oímbra, Avión, Maceda e Vilardevós.

A Xunta tamén dedicará recursos para a recuperación de refuxios, cercados, bebedoiros e comedores para animais que poidan ter sido afectadas. Medidas que, debido ao masivo do sucedido, non poderán crear pronto un ecosistema que devolva á normalidade ás case 150.000 hectáreas queimadas na comunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Oito actuacións para mellorar a xestión do risco de incendio e protexer a poboación

O acontecido en Los Gallardos demostra que se precisa un cambio profundo na forma en que se entende e se xestiona o risco de lume

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas