Completadas as primeiras actuacións para evitar danos maiores nas zonas afectadas polo lume. Augas de Galicia xa traballa desde hai varios días para minimizar o impacto dos arrastres que poden causar as choivas na cinza presente no monte. A intención é evitar que cheguen aos ríos, onde poden ter un impacto moi negativo.
Para evitar estas situacións, o organismo está a crear barreiras para frear a contaminación nas contornas das zonas afectadas, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello de Goberno. Concretamente, nos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a única de competencia autonómica das catro que ten a comunidade. Tamén hai definidas numerosas actuacións para executar durante as próximas semanas.
Barreiras de madeira e biomasa
As medidas varían en función do terreo e das necesidades de cada zona. Os equipos técnicos realizaron a instalación de cordóns vexetais a base de ramas e troncos procedentes da contorna afectada polo lume. É unha ferramenta útil para crear armazóns de biomasa que minimicen a perda de solo e favorezan a pronta implantación de especies vexetais. Tamén realizaron barreiras de madeira, transversais ao curso da propia canle, en puntos con elevada pendente onde estas poden resultar efectivas para reducir a velocidade da auga e fixar arrastres.
Un exemplo destas actuacións é no concello de Ponteceso. Alí xa se implementou unha armazón de biomasa feita a base de ramas e troncos nun tramo de máis de 400 metros no regato de Bouzas, en ambas as marxes, para anticiparse a posibles escorras. Así mesmo, persoal do programa de conservación fluvial de Augas de Galicia tamén actuou en Lousame para evitar arrastres ao río Tállara. Alí, realizaron cordóns de vexetación de ata 50 centímetros nas zonas de monte con maior pendente e colocaron barreiras na propia canle para reducir a velocidade da auga e fixar os posibles arrastres.
Seguen as actuacións en Meaño onde os técnicos continúan coa instalación no río Chanca de 350 metros de cordóns de madeira e 25 metros con muros de pedra. A curto prazo, continuarán en lugares como Vilaboa e Agolada. Para poder realizalas, o operativo habitual dedicado ao mantemento e conservación das contornas fluviais de Galicia-Costa ten orde de darlle prioridade á protección das canles ante posibles arrastres de cinza e de restos de madeira queimada.
Competencias limitadas
A Xunta tamén ten pendente presentar un plan integral para poder traballar nos montes. “Agardamos que chegue a axuda do exército”, declaraba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. De momento, a prioridade está na protección dos ríos e en evitar danos maiores. Iso si, a competencia autonómica é limitada. A capacidade de actuación de Augas de Galicia en materia de mantemento e conservación fluvial limítanse ao ámbito da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Esta esténdese ao longo de 12.990 quilómetros cadrados, con 14.700 quilómetros de rede fluvial. Na cunca hai un total de 2.070.645 habitantes que viven repartidos entre 182 concellos, o que representa máis de tres cuartas partes da poboación e a maioría dos municipios que hai no conxunto da comunidade. Iso si, non é a cunca máis afectada polos incendios.
A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (a outra gran cunca da comunidade) xa solicitou unha reunión coa Xunta para coordinar as súas actuacións. Os organismos buscan coordinarse e intercambiar as súas experiencias para mellorar a eficacia das accións que se levan a cabo na zona.














