Un estudo da USC alerta dun aumento do consumo de opioides e cánnabis

O informe, dirixido pola profesora de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Mónica Pérez Ríos, pon tamén o foco no auxe das bebidas enerxéticas e do cigarro electrónico

No marco do proxecto financiado polo Plan Nacional sobre Drogas “Detección e vixilancia dos determinantes das adiccións a partir de datos de enquisas, administrativos e grupos sentinela”, cuxa investigadora principal é a profesora da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Mónica Pérez Ríos, acaba de publicarse unha monografía na que se analiza a evolución do consumo de drogas en España e as características das persoas consumidoras.

O estudo realizado en colaboración co Ministerio de Sanidade pon o foco no incremento da prevalencia no consumo de analxésicos opioides, tranquilizantes, somníferos e cánnabis, ademais das bebidas enerxéticas e do cigarro electrónico. Os resultados son froito do traballo de investigadores da USC, profesionais sanitarios do SERGAS, técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Instituto Galego de Estatística, e as profesoras da Universidade da Coruña Jéssica Rial Vázquez e Nerea Mouriño Castro.

Publicidade

Aumento de opioides, tranquilizantes e cánnabis

Así, tal e como evidencia a investigación, a prevalencia de consumo de analxésicos opioides con e sen receita médica nos últimos 30 días aumentou entre 2018 e 2024, tanto en homes como en mulleres. “A prevalencia foi sempre máis alta en mulleres e no grupo de idade de 35-64 anos”, explica a profesora da USC. De tal xeito que en 2024, o perfil da persoa consumidora de analxésicos opioides con e sen receita médica nos últimos 30 días era muller, de 35-64 anos, sen estudos superiores e nada en España.

No relativo ao consumo de tranquilizantes e somníferos con e sen receita médica nos últimos 30 días, detectouse no período 2005-2024, en ambos os sexos, un aumento. “A prevalencia de consumo foi máis alta en mulleres en calquera dos anos analizados”, subliña Pérez Ríos. A prevalencia aumentou en todos os grupos de idade, sendo máxima no grupo de 55-64 anos. Con todo, o maior aumento na prevalencia “observouse no grupo de poboación coa prevalencia de consumo máis baixa, aqueles con idades comprendidas entre os 15-24 anos, tanto en homes como en mulleres”. En 2024, o perfil da persoa consumidora de tranquilizantes e somníferos con e sen receita médica nos últimos 30 días era muller, maior de 35 anos, sen estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella.

Publicidade

Entre 2005 e 2024, a prevalencia de consumo de cánnabis aumentou con independencia do sexo e da idade tanto no contexto da experimentación (algunha vez na vida) como no consumo diario. A prevalencia de consumo de cánnabis foi sempre máis alta en homes e no grupo de idade de 15-34 anos. En 2024, o perfil da persoa consumidora nos últimos 30 días era home, menor de 35 anos, sen estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella.

Bebidas enerxéticas e cigarros electrónicos entre a mocidade

No relativo ás bebidas enerxéticas, entre 2015 e 2024 a prevalencia de consumo (soas ou en combinación con alcol) aumentou en ambos os sexos, sendo sempre máis alta en homes. Ao diferenciar por grupos de idade, destaca o aumento na prevalencia de consumo no grupo de 15-34 anos. En 2024, o perfil da persoa consumidora de bebidas enerxéticas era home, menor de 35 anos, sen estudos superiores, non nada en España e que non convivía en parella.

Finalmente, entre 2015 e 2024 identificouse un aumento da prevalencia de uso de cigarros electrónicos algunha vez na vida, posiblemente asociado á experimentación con estes produtos, e na prevalencia de uso nos últimos 30 días. O grupo de idade de 15-34 anos mostrou a prevalencia máis alta, con menores diferenzas en función da idade no caso das mulleres. En 2024, o perfil da persoa usuaria de cigarros electrónicos nos últimos 30 días era menor de 35 anos, nacida en España e que non convivía en parella.

Tendencias estables

A prevalencia de consumo de tabaco permaneceu estable entre 2005 e 2022, observándose en 2024 un lixeiro descenso da prevalencia tanto en homes como en mulleres. En 2024, o perfil da persoa consumidora de tabaco nos últimos 30 días era home, de 25-34 anos, sen estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella. 

Entre 2005-2024 non se identificaron cambios relevantes na prevalencia de consumo de alcol para ningún dos marcos temporais para os que se evoca o recordo do consumo. A prevalencia foi sempre máis alta en homes, permanecendo estable ou mesmo diminuíndo lixeiramente, mentres que en mulleres observáronse estabilizacións ou aumentos lixeiros. En 2024, o perfil da persoa consumidora de alcol nos últimos 30 días era home, de 25-34 anos, con estudos superiores e nada en España.

No que respecta ao coñecido como binge drinking, entre 2005 e 2024, a prevalencia global de “atracón por consumo de alcol” nos últimos 30 días mantívose estable. A prevalencia foi sempre máis alta en homes, aínda que a diferenza entre sexos diminuíu co tempo ao aumentar esta forma de consumo en mulleres. “Nas mulleres de 15-34 anos, a prevalencia de atracón por consumo de alcol practicamente duplicouse ao longo do período estudado”, explica a investigadora. En 2024, a prevalencia no grupo de idade de 25-34 anos superou por primeira vez a prevalencia no grupo de 15-24 anos. En 2024, o perfil da persoa que declarou practicar binge drinking era home, menor de 35 anos, con estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos