Galicia enfronta unha crise provocada por unha das vagas de incendios forestais máis devastadoras da súa historia. En agosto de 2025, arderon máis de 130.000 hectáreas, segundo o programa europeo Copernicus, co incendio de Larouco como o gran protagonista da devastación. A esta situación engádese un importante impacto medioambiental, nun contexto de lumes cada vez máis frecuentes, intensos e difíciles de controlar. Ante esta realidade, expertos e expertas da comunidade de incendios forestais reuníronse na mañá do xoves 4 de setembro na Asociación da Prensa de Madrid (APM).
Durante o encontro presentaron as propostas de acción que consideran necesarias para facer fronte aos grandes lumes forestais. Na presentación participaron un total de dez expertos, entre eles o investigador e profesor en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, e Arantza Pérez de Oleaga, vicedecana do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes.
Estas propostas parten das conclusións do “Foro de Debate e Propostas de Acción para a Xestión dos Grandes Incendios Forestais en España”, celebrado en Madrid en 2023. O foro reuniu a 58 profesionais de ámbitos como a extinción e xestión forestal, investigación, conservación, sector primario e sociedade civil. Como resultado deste traballo xurdiu un documento de consenso que define as medidas necesarias para transformar a maneira en que España xestiona os incendios forestais. “Unha planificación que non se executa é literatura, e unha execución sen planificación é improvisación”, sinala Juan Picos como portavoz de Galicia na reunión, unha das comunidades máis afectadas polos lumes.
Sete eixes de actuación
Na convocatoria de prensa, que durou máis de dúas horas e que se pode seguir en YouTube, os expertos presentaron as propostas de acción estruturadas en sete eixes de actuación:
—Xestión de ecosistemas forestais para promover bosques máis resilientes e sostibles, cunha estrutura que limite a intensidade do lume.
—Planificación territorial para deseñar paisaxes diversas e resilientes que reduzan a vulnerabilidade e faciliten o labor de extinción.
—Comunidades rurais vivas para fortalecer o sector primario como garante de paisaxes menos vulnerables e de maior valor socioambiental.
—Uso e ecoloxía do lume para recuperar o lume como proceso natural e ferramenta de xestión, a través dun uso prescrito e planificado.
—Comunicación, educación e sensibilización para dotar a sociedade de ferramentas e coñecemento para aprender a convivir co lume.
—Coñecemento e extinción: reforzar a capacidade dos dispositivos de emerxencia, promover a investigación e crear un observatorio de incendios, e escenarios futuros.
—Preparar a sociedade e o territorio para convivir con episodios extremos inevitables no contexto do cambio climático.
“É difícil dicir cal é a medida máis importante”, indica Picos. Mais, se o foco recae nos axentes que poden actuar na protección dos bosques, cada un tería un labor. Neste sentido, o investigador da UVigo considera que a Administración debería encargarse da planificación e fomento da prevención, mentres que para a poboación o máis importante sería a autoprotección.
A estes eixes súmanse tres dimensións transversais imprescindibles. En primeiro lugar, a política e gobernanza, que promove unha corresponsabilidade de todos os actores. En segundo lugar, a conservación da natureza, a fin de garantir a compatibilidade coa biodiversidade. En terceiro e último lugar, a adaptación ao cambio climático para asegurar a resiliencia de ecosistemas e sociedade.
Medidas de acción
Entre as medidas de acción, os expertos subliñan a necesidade de incrementar o investimento en xestión forestal. En termos concretos, reclaman destinar polo menos 1.000 millóns de euros anuais para xestionar de maneira sostida o 1% da paisaxe forestal nacional, que consta dun total de 260.000 hectáreas.
Tamén propoñen maximizar a autoprotección das áreas de interface urbano-forestal mediante a planificación e a xestión da seguridade en, como mínimo, o 25% de todas as estas zonas en España.
A maiores, destacan a importancia de frear o despoboamento rural, apostando por un sector primario vivo e sostible, que non só dinamice o territorio senón que tamén contribúa á redución do risco de grandes incendios. “Non podemos asumir que a comunidade rural é algo que podemos subcontratar para que nós non teñamos incidencias”, argumenta Juan Picos. Así, considera que canto máis produtiva e rexuvenecida sexa esta comunidade, maiores serán os beneficios fronte aos incendios.
Finalmente, salientan a utilidade de recuperar o lume como ferramenta de xestión, empregándoo de forma planificada para xerar paisaxes máis heteroxéneas, restaurar a biodiversidade e manter os servizos ecosistémicos.
Podes consultar a convocatoria de prensa da reunión de expertos na Asociación da Prensa de Madrid na seguinte ligazón.














