Dous científicos da USC reciben dúas prestixiosas axudas de Europa para as súas investigacións

Os investigadores Saray Busto Ulloa e Ismael González García recibirán ata 1,5 millóns de euros durante cinco anos grazas á financiación do ERC, recoñecendo a súa prometedora carreira investigadora

Dous proxectos que se desenvolverán na Universidade de Santiago (USC), liderados respectivamente por Saray Busto Ulloa e Ismael González García, acaban de ser recoñecidos na última convocatoria Starting Grant do European Research Council (ERC).

Este programa do Consello Europeo de Investigación proporciona financiamento para apoiar persoal investigador con proxectos vangardistas e rompedores, sendo a excelencia científica o único criterio de avaliación.

Publicidade

En concreto, a modalidade Starting Grant distingue persoal cunha traxectoria posdoutoral de entre dous e sete anos, outorgando para cada iniciativa un financiamento de ata 1,5 millóns de euros por un período de cinco anos. Nesta edición presentáronse un total de 3.928 propostas, das cales foron seleccionadas 478.

SUPREMUM

A investigadora Saray Busto Ulloa lidera SUPREMUM, un proxecto centrado no desenvolvemento e estudo teórico de novos métodos numéricos que preserven a estrutura de modelos hiperbólicos da mecánica dos medios continuos. O obxectivo final do proxecto é deseñar, por vez primeira, métodos capaces de verificar simultaneamente todas as propiedades estruturais dos modelos: compatibilidade termodinámica, conservación das solucións de equilibrio, cumprimento das involucións naturais e preservación dos límites asintóticos.

Publicidade

“Desenvolveremos esquemas numéricos eficientes e de alta orde, en mallas non estruturadas, combinando diversas familias de métodos”, explica Busto Ulloa. O proxecto fará uso do modelo unificado Godunov-Peshkov-Romenski, que permite representar tanto o movemento dos fluídos coma o dos sólidos, facilitando o deseño dun novidoso software para a resolución de problemas de fluído-estrutura. “Integraremos estes métodos no marco dos modelos de orde reducida para lograr metodoloxías veloces que preserven rigorosamente as propiedades estruturais das leis de conservación”, engade.

Nas aplicacións prácticas, o proxecto centrarase inicialmente na simulación do sistema cardiovascular. Os avances derivados de SUPREMUM teñen o potencial de impulsar a transformación dixital, abrindo novas liñas de investigación en análise numérica, enxeñería e biomedicina.

HypoPause

Liderado por Ismael Gómez García, o proxecto HypoPause ten como obxectivo estudar os cambios moleculares e celulares que se producen no hipotálamo durante a menopausa e comprender o seu papel nos mecanismos fisiopatolóxicos que impulsan as alteracións metabólicas.

“O hipotálamo é unha área cerebral clave que controla múltiples sistemas fisiolóxicos, como o balance enerxético (faino, por exemplo, regulando a fame, a saciedade e o gasto enerxético), a homeostase da glicosa e o metabolismo óseo”, explica o investigador. As hormonas ováricas actúan sobre o hipotálamo para regular a fisioloxía feminina, pero despois da menopausa, a súa produción detense, provocando unha drástica diminución de estradiol e proxesterona.

“A partir de estudos previos, sabemos que esta falta de hormonas afecta a función hipotalámica”, matiza. Décadas de investigación permitiron identificar o mecanismo hipotalámico que causa os síntomas vasomotores (coñecidos comunmente como “sufocos”) asociados á transición menopáusica. Con todo, aínda está por explorar se a menopausa altera tamén os mecanismos hipotalámicos que controlan o metabolismo e se estas posibles alteracións explican os cambios metabólicos asociados a esta etapa da vida dunha muller.

Para abordar estas cuestións e grazas ao apoio do ERC, o proxecto desenvolverá un plan de investigación que combina técnicas de secuenciación de ARN, análise histolóxica en modelos preclínicos de menopausa e edición xenética in vivo co fin de comprender se existen alteracións nos mecanismos hipotalámicos que controlan o metabolismo e se estas inflúen na adiposidade, homeostase da glicosa e metabolismo óseo durante a menopausa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa impulsa dende o CiQUS o desenvolvemento de novas baterías recargables e seguras

O grupo liderado por María Giménez López obtén un proxecto Proof of Concept do Consello Europeo de Investigación para avanzar cara a sistemas de almacenamento enerxético máis estables e eficientes

O CiQUS da USC suma dúas axudas europeas para proxectos de investigación punteira

Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela serán os beneficiarios das Consolidator Grant, coas que o centro singular alcanza os 17 proxectos financiados polo ERC

Dous proxectos nos que participa a USC reciben 24 millóns de euros de Europa

A iniciativa do CiQUS desenvolverá fármacos biotecnolóxicos impermeables e a do IGFAE centrarase na detección dos neutrinos

De Kiev a Compostela: a ciencia como refuxio para a guerra

O investigador ucraíno Oleg Dimitriev atopa no CiQUS un espazo de colaboración e aprendizaxe grazas ao programa europeo ERC for Ukraine