As condicións que favorecen os lumes son 40 veces máis probables polo cambio climático

Os incendios da península impulsan un estudo que sinala ao quecemento global como un dos factores máis importantes para a súa expansión

O cambio climático provocado polo ser humano fixo que as condicións de calor, secura e vento que alimentaron os incendios forestais do verán e que causaron a morte de oito persoas en España e Portugal fosen ata 40 veces máis probables. Esa é unha das conclusións do informe elaborado por World Weather Attribution, que analiza os vínculos entre o cambio climático e os fenómenos meteorolóxicos extremos.

“España está a ser duramente golpeada polo cambio climático”, explica Friederike Otto, profesora de Ciencias do Clima no Imperial College de Londres. A experta advirte das consecuencias que está a provocar un quecemento de 1,3 graos, menos da metade do prognosticado para o final de século. A autora reclama que se tomen medidas para deter a queima de petróleo, gas e carbón. “Estes enormes incendios prodúcense tras as devastadoras inundacións en Valencia e outro verán de calor implacable por encima dos 40 graos”, recorda.

Publicidade

Un clima con temperaturas máis altas e un aumento da intensidade das condicións que levan a estes extremos foron as bases que alimentaron esta traxedia. A aparición destes incendios masivos e de forma simultánea en varios puntos de Europa desbordan os recursos de extinción, apuntan desde o estudo.

Ondas de calor que se deberían producir cada 2.500 anos

Para investigar o efecto do cambio climático nos incendios forestais en España e Portugal, o equipo científico analizou os datos meteorolóxicos utilizando métodos revisados por pares para comparar como cambiaron este tipo de fenómenos entre o clima actual e o preindustrial, máis frío. Os datos suxiren que as condicións extremas que agravaron os recentes incendios forestais se producirán de media unha vez cada 15 anos. Ademais, as condicións meteorolóxicas propensas para estes incendios son 40 veces máis frecuentes e arredor dun 30% máis intensas.

Publicidade

Durante os incendios tamén se produciu unha onda de calor de dez días. Segundo o modelo, esa condición producirase de media unha vez cada 13 anos. Antes de que os seres humanos quentasen a atmosfera, temperaturas tan altas serían extremadamente raras. De feito, só ocorrería unha vez cada 2.500 anos. Cada 13 anos o máis normal, de non ser polo quecemento global, sería ter de media 3 grados menos nas máximas deses días.

O cambio climático, factor esencial

Tamén está no punto de mira os desprazamentos da poboación das zonas rurais cara ás cidades. Isto dá lugar a un crecemento excesivo dos bosques nalgúns puntos. Porén, David García, autor do estudo e profesor titular do Departamento de Matemáticas Aplicadas e Enxeñaría Aeroespacial da Universidad de Alacant, considera que a opinión pública se centrou moito nese punto e non tanto en factores como o quecemento global. “Falouse moito menos do efecto do cambio climático nestes incendios que, como se demostrou, foi inmenso”, declarou.

Como ocorreu en veráns catastróficos anteriores no norte de Portugal e Galicia (2003, 2005, 2006, 2017 e 2022), os grandes incendios parten dunhas condicións moi concretas. As altas temperaturas cun clima seco e combinado co vento alimenta os lumes e crea un patrón climático difícil de combater, segundo os expertos. Especialmente, no montañoso terreo que caracteriza á zona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua