Paxarela ou voíña? 14 formas de falar das bolboretas en galego (en función de onde vivas)

Un mapa elaborado polo Instituto da Lingua Galega recompila variantes léxicas en Galicia, as zonas limítrofes de Asturias e Castela e León, e norte de Portugal

En Dumbría chámanlle choruma e en Cee, pampona. En Pedrafita do Cebreiro din paloma; en Vila de Cruces, voíña; e en Cangas, mariposa. Estas son algunhas das variantes léxicas dunha mesma palabra: bolboreta. O vistoso insecto non se denomina igual en todo o territorio no que se fala galego, incluíndo os territorios limítrofes de Castela e León e Asturias. Hai ata 14 formas distintas de falar deste animal. Así o recolle o mapa do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia (PLG), unha iniciativa para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. As variantes léxicas do país veciño engadirían tres novos termos para denominar as bolboretas, constituíndo un total de 17.

De polvoreta a galiña do Noso Señor

O mapa interactivo do PLG permite buscar substantivos segundo o seu campo semántico. Dentro de animais silvestres, un dos conceptos con máis variantes no territorio estudado é o de bolboreta. O uso desta palabra concéntrase na fronteira entre Galicia e Portugal, así como en determinados puntos da provincia de Ourense e do sur de Lugo. Non obstante, o termo bolboreta ten ata 28 variantes máis: en Cualedro e Baltar tamén lle chaman polboreta ou borboleta; en Arcos de Valdevez, xa en Portugal, tamén a denominan bolborieta; e en Porto, xa en Castela e León, tamén usan o termo polvoreta.

Publicidade

A palabra mariposa úsase sobre todo nas Rías Baixas e tamén figura nos concellos de Laxe, Santa Comba e Monterroso. Avelaíña aparece rexistrada na Capela, Aranga, O Valadouro e Campo Lameiro. Paxarela emprégase en Vegadeo, xa en Asturias, e na Fonsagrada. Velairiña aparece en Guitiriz e Guntín. Voíña ten dous rexistros na comarca do Deza, nos concellos de Vila de Cruces e Silleda. Avelá só aparece en Melide, Avelaira en Monterroso e choruma en Dumbría. En Viana do Castelo, en Portugal, falan das bolboretas como galinha-do-senhor; o mesmo termo empregado en Touro, pero adaptado ao galego: galiña do Noso Señor. Paloma aparece en Pedrafita do Cebreiro; palomiña en Tomiño; pampona en Cee; paxariña en Ibias, xa en Asturias; pilinha en Arcos de Valdevez, en Portugal, así como poisamora, en Mogadouro.

En ampliación

O PLG reúne unha longa lista de conceptos que permiten coñecer as unidades léxicas do noroeste da península ibérica, especificamente de Galicia e as zonas limítrofes de Asturias e Castela e León, así como do Norte de Portugal. As fontes empregadas pola ferramenta dirixida pola Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago (USC) son variadas: dende atlas lingüísticos ata recollidas léxidas realizadas en centros educativos. O proxecto aínda está en desenvolvemento, polo que o equipo do PLG pretende continuar ampliando novos conceptos.

Publicidade

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos