Mediados de novembro están a ser datas complicadas: comeza a gripe e outras enfermidades respiratorias. Dado o inicio precoz da onda endémica, a Xunta de Galicia activou xa o Plan sanitario de inverno, a fin de previr, planificar e xestionar os recursos necesarios fronte aos picos de infeccións respiratorias agudas e garantir a asistencia sanitaria.
O problema deste adiantamento é o frío. “A gripe e o virus respiratorio sincitial están moi asociados á temperatura”, explica África González, catedrática de Inmunoloxía pola Universidade de Vigo. Non ocorre o mesmo co SARS-CoV-2, que se propaga de forma similar independentemente da estación. Por iso, a referencia principal son as hospitalizacións: “Se hai máis ingresos, significa que a enfermidade está aparecendo antes”.
No nivel de risco baixo por infeccións respiratorias agudas, no que Galicia se atopa actualmente, unha das primeiras medidas é a recomendación de uso de máscara, mesmo na ausencia de síntomas. Esta medida diríxese especialmente a pacientes, acompañantes e profesionais dos centros de saúde, así como dos puntos de atención continuada, servizos de urxencias hospitalarias e unidades con pacientes vulnerables.
Independentemente de presentar ou non síntomas respiratorios, recoméndase tamén que os profesionais utilicen máscara ao atender pacientes, e que as persoas ingresadas a leven posta sempre que saian da habitación.
Menos covid e unha cepa fóra
Segundo África González, esta nova onda de gripe non será necesariamente máis agresiva. “Non hai nada que nos faga pensar que sexa moito máis grave, pero é cedo para dicilo“, matiza. Ademais, sinala que a covid parece ter menos gravidade e que, este ano, circulan tres cepas de gripe.
“Habitualmente incluíanse catro cepas na vacina, pero unha delas xa non circula”, explica. Agora son dúas cepas de tipo A e unha de tipo B, numeradas segundo a cidade na que se secuenciaron. “Todos os anos cambia a vacina”, aclara.
O seu deseño baséase nas cepas que circulan polo hemisferio sur durante o seu inverno. Esas son as que se utilizan para planificar as vacinas do hemisferio norte para a seguinte temporada.
O virus respiratorio sincitial tamén se suma á lista de enfermidades respiratorias. Afecta sobe todo a nenos acabados de nacer, aos que se lles administra un anticorpo monoclonal. “Dura uns meses e os bebés están protexidos durante ese tempo”, engade. Con todo, tamén afecta as persoas maiores, provocando bronquite. Ademais, África González lembra que non é o único virus circulante: rinovirus e adenovirus tamén provocan infeccións das vías respiratorias altas.
Predominancia do virus tipo A
O último informe de actividade das infeccións respiratorias agudas, correspondente á semana do 3 ao 9 de novembro, confirma o inicio precoz da onda epidémica de gripe, con intensidade baixa pero tendencia crecente.
Rexístrase unha predominancia de positividade para o virus da gripe tipo A, que adoita afectar con maior frecuencia ás persoas de maior idade e, por tanto, provocar un maior número de hospitalizacións.
Segundo os datos de ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 182 persoas con gripe confirmada, o que supón un 23% máis que a semana anterior. De feito, África González avisa dunha maior hospitalización por parte das persoas maiores, máis que outros anos. O grupo de maiores de 80 anos foi o que presentou a taxa máis alta e, por áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou en todas elas agás na de Ferrol.
Que facer, máis aló do Plan sanitario de inverno
Dende hai dous anos, o coronavirus cedeu protagonismo á gripe. Pero, para unha experta en inmunoloxía, que é o máis importante? África González explica que quen estea enfermo debe quedar na casa, evitar propagar o virus e, nalgúns casos, usar máscara.
No caso das persoas maiores, é fundamental previr contaxios, dado que as infeccións máis graves. Por iso, débese usar máscara en consultas ou en lugares con moita xente. Con todo, como subliña África González: “O mellor que podemos facer sempre nestas épocas é vacinar os maiores”. Así, a especialista destaca o labor da sanidade galega e o seu Plan sanitario de inverno.












